Guía de procedementos e servizos

BS508D

Premios Galicia de acción voluntaria.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 15/10/2021 00:00 - 15/11/2021 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que de xeito cotián desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

2. Cos Premios Galicia de Acción Voluntaria preténdese recoñecer o exercicio da acción voluntaria a nivel individual e colectivo e dos beneficios que esta achega ao conxunto da sociedade.

3. O código de procedemento administrativo é BS508D.

Procedemento e modalidades.

1. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os Premios Galicia de Acción Voluntaria que se convocan terán as seguintes modalidades:

a) Premio voluntaria/o do ano: Modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano: Modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano: Modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

1. Serán persoas destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, na modalidade individual ao premio persoa voluntaria do ano, aquelas persoas físicas voluntarias que desenvolvan a súa actividade e colaboren con entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria, públicas ou privadas, que se teñan distinguido polo seu sobresaínte labor na promoción e xestión do voluntariado social na nosa comunidade autónoma.

2. Serán persoas destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, na modalidade colectiva ao premio entidade de acción voluntaria do ano, as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que de xeito continuado e eficaz, desenvolvan actividades e/ou programas sociais ou de interese xeral que impliquen un compromiso social e comunitario a través de proxectos consolidados e normalizados no tempo e nos que a acción voluntaria e as persoas voluntarias asuman un especial protagonismo.

3. Serán persoas destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, na modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria do ano, aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa comunidade autónoma.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957915

Email: voluntariado@xunta.gal

Dirección Xeral de Xuventude
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

15/10/2021 00:00 - 15/11/2021 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. As persoas destinatarias, tanto físicas como xurídicas, deberán contar cunha traxectoria relevante na modalidade de premio á que concorran. Para estes efectos, os méritos que motivan a solicitude deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

2. Só se permitirá unha solicitude por cada modalidade e entidade, de tal xeito que unha mesma entidade non pode presentarse á modalidade colectiva e á de proxectos (artigo 2.2.b) e artigo 2.2.c).

3. Todos os requisitos exixidos ás persoas físicas e xurídicas solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes.

1. Poderán presentar solicitudes para a concesión dos premios as persoas físicas ou xurídicas, comprendidas no artigo 5 desta orde.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS508D) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas que participen nas modalidades recollidas no artigo 2.2.b) e 2.2.c) desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuaria/o clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Para poder optar aos Premios Galicia de Acción Voluntaria as persoas solicitantes deberán acreditar documentalmente, na forma prevista no artigo seguinte, que reúnen as calidades que xustifiquen poder optar ao premio na modalidade de que se trate.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da convocatoria.

Documentación complementaria.

1. As persoas solicitantes deberán achegar co impreso da solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria individualizada descritiva do proxecto ou traxectoria que se presenta para optar ao premio, na modalidade de que se trate, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes e valiosos e que conteña expresa mención dos méritos en que se fundamente a solicitude (anexo II).

b) Documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas, certificados ou outros documentos.

c) Relación temporal de actividades realizadas e interese social do seu contido.

d) Outra documentación que a persoa solicitante considere relevante tal como apoios á candidatura, tanto de persoas físicas como xurídicas.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa solicitante se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitara a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 198 do 14 de outubro de 2021).

    • Extracto da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 198 do 14 de outubro de 2021).

    • Resolución do 3 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 2 de decembro de 2021 dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión destes e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 239 do 15 de decembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS505A

Rexistro de acción voluntaria de Galicia. Sección de entidades de acción voluntaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS505B

Rexistro de acción voluntaria de Galicia. Sección de experiencias das persoas voluntarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano