Guía de procedementos e servizos

PR770P

Bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 13/02/2020 00:00 - 12/03/2020 23:59

Consellería de Facenda e Administración Pública

Sobre o procedemento

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade (PR770P).

A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Duración:

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa candidata seleccionada ao desempeño da bolsa na EGAP, tal como se dispón na base décimo cuarta, e finalizarán o 31 de decembro de 2020.

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes.

Obrigas do/da bolseiro/a

O/a bolseiro/a seleccionado/a comprometerase a:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración na materia que se describen nas bases anteriores, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a EGAP.

b) Cumprir co programa de formación establecido pola directora da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e dirección do persoal funcionario que se designe para tales efectos, e asistir ás actividades formativas que a escola xulgue convenientes. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán aboados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 05.80.122B.480.0 en que se habilitará previamente o crédito para este fin, logo de que a persoa titular da Secretaría Xeral certifique os gastos producidos. Os gastos de desprazamento, aloxamento e mantemento non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Colaborar nas accións formativas da EGAP directamente relacionadas co obxecto da bolsa, de considerarse oportuno.

d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que lle exixa a EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa, informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa, así como da formación recibida.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Comunicar á EGAP toda modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da bolsa.

g) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

h) Presentar antes do último pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Rua Madrid 2-4 (Fontiñas)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546044

Email: secretaria.egap@xunta.gal

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/02/2020 00:00 - 12/03/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

– Ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2014 e acreditadas a titulación de licenciatura ou grao en Socioloxía ou Ciencias Políticas.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se declarará de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.

– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.

– Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da EGAP para a formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior gozase da bolsa por un período de tempo non superior a seis meses.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I a esta resolución.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou memoria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) En defecto de título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

b) Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas.

c) Currículo da persoa solicitante (de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II), con exposición dos méritos académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados. Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas solicitantes que figuren relacionados expresamente no currículo.

d) Documentos que acrediten os méritos relacionados no currículo.

e) Certificado oficial acreditativo de coñecemento da lingua galega equivalente ao Celga 4 ou superior, só no caso de que a persoa interesada non conte con un que fose expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f) Memoria que versará sobre «As técnicas de investigación social sobre a innovación en formación: análise dos retos da conciliación e a corresponsabilidade», cunha extensión máxima de 20 follas. As persoas interesadas deberán achegar esta memoria coa solicitude, de non facelo así non se admitirá a súa solicitude.

Poderá acompañar calquera outra documentación acreditativa dos méritos a que se refire a base décimo primeira.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Título universitario correspondente.

c) Certificado de estar ao día coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día coa Consellería de Facenda.

f) Certificado oficial acreditativo do curso de perfeccionamento de galego ou Celga 4 ou superior expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

g) Certificado de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Certificado de concesión de subvencións e axudas.

i) Certificado de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 26 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade (código de procedemento PR770P) (DOG nº 29 do 12 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 26 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade (código de procedemento PR770P) (DOG nº 29 do 12 de febreiro de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA701C

Inicio de actividade, cese de actividade e modificación da actividade de formación do persoal encargado da realización de operacións de mantemento hixiénico-sanitario de: instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outra práctica de decoración persoal que implique a perforación da pel, mucosa ou tecidos, e aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA701D

Inicio de cursos para o personal encargado da realización de operacións de mantemento hixiénico-sanitario de: instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outras prácticas de decoración persoal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e manexo de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA850A

Solicitude de acreditación de actividades no sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias a través de Saga.

Aberto todo o ano