Guía de procedementos e servizos

DE400A

Bolsas para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 11/07/2020 00:00 - 10/08/2020 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Establecer, mediante o procedemento con código DE400A, as bases reguladoras e proceder á convocatoria de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2020/21.

Beneficios das persoas bolseiras.

As persoas beneficiarias destas bolsas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa (de luns a venres), durante o curso escolar 2020/21 no CGTD, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia.

A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

Poderán ser beneficiarios das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os requisitos detallados a seguir:

a) Ter entre 19 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.

b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou un ciclo formativo.

d) Non ser beneficiario dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.

e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:

– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

– Que pasase polo menos 1 ano desde o remate da súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.

g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiras no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

Obrigas das persoas bolseiras

Serán obrigas das persoas bolseiras beneficiarias como persoal de apoio as detalladas a seguir:

a) Incorporarse á residencia o mesmo día que os deportistas.

b) Permanecer na residencia nos horarios establecidos polas/os preceptoras/es.

c) Colaborar en facilitar a convivencia e cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro informando en todo momento a dirección do CGTD de calquera infracción que se cometa.

d) Realización de actividades de apoio á dirección do CGTD, aos técnicos responsables dos grupos de deportistas existentes implicados no programa de formación e na organización e promoción de actividades deportivas, recreativas e académicas.

e) Colaborar coas/cos preceptoras/es na organización e promoción de actividades recreativas e formativas.

f) Axudar nas tarefas de control e seguimento dos estudos dos residentes, así como a colaboración con eles no aproveitamento do seu tempo de estudo.

g) Notificar ás preceptoras todas as incidencias que se produzan en relación cos deportistas.

h) Calquera outra actividade que se determine para a correcta convivencia dos deportistas no centro e para o desenvolvemento das súas actividades dentro do CGTD.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Pontevedra

Servizo de Deporte de Pontevedra

Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

Padre Fernando Olmedo, 1

36002  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986854437/ 986857758

Email: cgtd@xunta.es

Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

11/07/2020 00:00 - 10/08/2020 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

1. As solicitudes, para o caso do estudantado universitario segundo o disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Para o resto dos estudantes non universitarios, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.

5. O formulario de solicitude estará tamén dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Matrícula universitaria ou do ciclo formativo correspondente ao curso académico 2020/21.

b) BOE/DOG en que se acredite o recoñecemento de deportista de alto nivel/deportista galego de alto nivel, en caso de posuílo.

c) Certificado da federación nacional correspondente que o acredita como deportista de alto rendemento, en caso de posuílo.

d) BOE/DOG en que se acredite ter formado parte de programas deportivos de tecnificación e rendemento, de ser o caso.

e) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo co artigo 16 da presente resolución.

f) Titulación federativa, en caso de posuíla.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no artigo 2. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de residencia da persoa solicitante.

e) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

f) Licenciatura/grao/diplomatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou Maxisterio por Educación Física (en caso de posuíla).

g) Titulación de grao medio ou grao superior das ensinanzas deportivas de réxime especial (en caso de posuíla).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 1 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2020/21, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 137 do 10 de xullo de 2020).

    • Resolución do 17 de setembro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista definitiva das prazas concedidas para persoas colaboradoras ao abeiro da Resolución do 1 de xullo de 2020 (Diario Oficial de Galicia, do 10 de xullo), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2020/21, e pola que se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A). (DOG núm. 196, do 28 de setembro de 2020)

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

DE400B

Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición profesional de Galicia 2019.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 30/09/2019 00:00 - 04/10/2019 23:59

DE400C

Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de 1º e 2º máximo nivel estatal de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 16/06/2023 00:00 - 22/06/2023 23:59

DE400D

Axudas a persoas técnicas/adestradoras e xuíces /árbitros de alto nivel 2023.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 01/08/2023 00:00 - 14/08/2023 23:59

DE400E

Axudas Galicia Paris 2024.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 11/05/2024 00:00 - 30/09/2024 23:59