Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI461A
Subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas - Segunda convocatoria.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta resolución ten por obxecto proceder á segunda convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2019 das subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral, segundo o disposto nas bases reguladoras para a concesión da dita subvención, aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 103, do 3 de xuño).
2. A súa finalidade e contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.
4. As subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.
Bases reguladoras.
As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 103, do 3 de xuño, coas especificacións que se establecen nesta resolución.
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.
3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, a entidade deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2017 ao Consello de Contas de Galicia.
5. Os concellos agrupados ou asociados terán en todo caso a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os concellos integrantes da agrupación ou asociación nomearán unha persoa como representante única que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome da agrupación ou asociación.
6. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, individual ou conxunta con outros concellos. A inclusión dun concello nunha solicitude conxunta exclúe a posibilidade de presentar unha solicitude individual e de participar con outros concellos noutra solicitude.
No caso de se producir solicitudes simultáneas, individuais e conxuntas, daráselle validez á solicitude conxunta. Nos supostos non previstos, o órgano instrutor poñerao de manifesto á entidade para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido no artigo 5 desta Resolución.
7. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 do artigo 5 desta Resolución.
Obrigas das entidades beneficiarias.
1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requistos e as obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:
a) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditala ante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.
b) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.
c) Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.
d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
e) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
f) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
g) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007.
h) Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.
i) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
j) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.
k) Para os efectos de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos pola Secretaría Xeral da Igualdade, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento do disposto no artigo seguinte.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero
Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero
Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación
San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957268 / 981545361
Email: vx.igualdade@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
20/09/2019 00:00 - 21/10/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
No caso das entidades que presentaran a solicitude completa ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño), e que non fosen atendidas anteriormente por esgotamento do crédito, haberá que aterse ao disposto na disposición adicional primeira da presente resolución.
Requisitos da contratación.
1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución.
b) Que a duración dos contratos sexa como mínimo de 4 meses.
c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.
d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta resolución, se for o caso.
e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.
f) Que a entidade local designe unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras e que poderá contar pola súa vez con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.
2. Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable será como máximo de 12 meses.
3. Os contratos deberán formalizarse por parte da entidade beneficiaria no prazo de 2 meses desde a notificación da resolución de concesión da subvención e, en todo caso, antes do 31 outubro de 2019.
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
Documentación necesaria para tramitar o procedemento.
A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante, xunto coa documentación sinalada no artigo 12 das bases reguladoras da subvención aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 103, do 3 de xuño):
a) Anexo II: certificación do secretario ou secretaria da entidade local no que consten os seguintes aspectos:
1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
2º. A adopción do acordo de solicitar a subvención.
3º. A disposición de financiamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.
4º. As retribucións salariais brutas das traballadoras que se vaian contratar.
b) Anexo III (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do secretario ou secretaria do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados ou asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo.
c) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).
No caso das solicitudes recibidas ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño), haberá que aterse ao disposto na disposición adicional primeira da presente resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os ditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución: Un mes
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 103 do 3 de xuño de 2019)
-
Extracto da Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 103 do 3 de xuño de 2019).
-
Resolución do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº 178 do 19 de setembro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº 178 do 19 de setembro de 2019).
-
Resolución do 6 de novembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria e o prazo para a formalización dos contratos da Resolución do 6 de setembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº 214 do 11 de novembro de 2019).
-
Resolución do 11 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito para as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.(DOG nº 36 do 21 de febreiro de 2020).
-
Resolución do 3 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro das resolucións do 16 de maio de 2019 e do 6 de setembro de 2019 (segunda convocatoria), polas que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI461A) (Diario Oficial de Galicia número 103, do 3 de xuño, e Diario Oficial de Galicia número 178, do 19 de setembro, respectivamente) (DOG nº 120 do 19 de xuño de 2020)
-
Outros procedementos relacionados
Indemnizacións para vítimas de violencia de xénero.
Prazo aberto: 08/01/2026 00:00 - 01/12/2026 23:59
Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de fomento da conciliación.
Prazo pechado: 17/03/2022 00:00 - 18/04/2022 23:59
Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.
Prazo pechado: 13/03/2021 00:00 - 12/04/2021 23:59
Subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen animo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Prazo pechado: 23/04/2025 00:00 - 22/05/2025 23:59