Guía de procedementos e servizos

IN519B

Axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 11/01/2019 00:00 - 11/02/2019 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.

2. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberanse desenvolver ao longo do ano 2019.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Actuacións e gastos subvencionables.

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:

a) Plantas de depuración de augas (a.1); os proxectos poderán incluír, ou ter como obxecto, os colectores con vertedura á depuradora municipal (a.2).

b) Xestión de residuos dentro do parque empresarial.

c) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.

d) Instalación de sistemas de seguridade e vixilancia dentro do parque empresarial.

e) Instalacións comúns de equipamentos e sistemas de protección destinados á loita contra incendios dentro do parque empresarial, incluídos no anexo I do Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.

f) Instalación de sistemas contra o roubo de cable dentro do parque empresarial.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data de xustificación do investimento.

3. Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda. Así mesmo, non serán subvencionables gastos en materia de luz pública, xardinaría e mobiliario urbano.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos cales se refire o artigo 19.h) desa orde.

6. Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se contabilizase o recoñecemento da obriga por parte do órgano competente da entidade local.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais implantados no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinan a concesión e o desfrute da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 24 desta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe o destino que se lles dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

g) Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme o modelo indicado no anexo V. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial

R/ Avelino Pousa Antelo, 5 (San Lázaro)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957188 / 981545572

Fax: 981957192

http://ceei.xunta.gal

Desde el resto del Estado: 902 12 00 12

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

11/01/2019 00:00 - 11/02/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

  • Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • Formulario normalizado de solicitude: anexo II. Para o caso de agrupacións de concellos, o concello solicitante poderá ser calquera dos que formen parte da agrupación.

    • Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

    • Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda. No caso de agrupacións de concellos, o acordo, que se xuntará por concello participante, incluirá a vontade de acometer a actuación en conxunto cos outros concellos.

    • Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación coa xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude segundo o artigo 13 das bases, onde se plasmarán as hipóteses de partida e se fará un cálculo detallado dos valores propostos, de ser o caso. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada, tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para a súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

  • Orzamento desagregado e asinado dos gastos. No caso de agrupacións de concellos, no orzamento figurará que concello asume cada partida proposta.

  • Planos asinados da actuación a escala adecuada, incluído un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

  • No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

  • No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

  •  Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

  • De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia no cal se acredite a proposta de habilitación do concello con «Concello emprendedor-Concello Doing Business» ou diploma no que se acredita como «Concello emprendedor-Concello Doing Business», expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade local solicitante.

  • b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Cando se trate de agrupacións de concellos, deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Os compromisos de gasto asumidos por cada membro da agrupación non poderán ser inferiores ao 20 % do investimento subvencionable nos casos en que a agrupación teña ata catro membros e ao 10 % nos casos en que a agrupación teña máis de catro membros. O pagamento da subvención realizarase individualmente a cada membro da agrupación en función do compromiso de gasto asumido por cada un deles. O dito compromiso deberase acreditar mediante o xustificante de pagamento correspondente, que se deberá achegar xunto coa xustificación da subvención.

En calquera caso, deberase nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación, e designar o órgano de contratación. Tales termos deberanse reflectir nun convenio entre os concellos, que se deberá presentar xunto coa xustificación da subvención. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións.

  • Nas solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, a actuación deberá ser conxunta e non supoñer actuacións independentes en cada entidade local, polo que deberá existir continuidade na infraestrutura proposta, é dicir, a actuación que se vai subvencionar ten que se desenvolver no territorio de todos os concellos membros da agrupación, servir o polígono afectado e non supoñer actuacións illadas dentro de cada concello. Non serán subvencionables, na actuación proposta, aqueles gastos que non cumpran o anterior.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 7 do 10 de xaneiro de 2019)

    • Extracto da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 7 do 10 de xaneiro de 2019).

    • Resolución do 27 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 107 do 7 de xuño de 2019).

    • Resolución do 7 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se modifica o anexo da Resolución do 27 de maio de 2019 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento IN519B) (DOG nº 38 do 26 de febreiro de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN223B

Obtención/renovación do selo de mercado excelente.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN308C

Subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 11/09/2025 09:00 - 13/10/2025 09:00

IN418E

Subvencións para planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas

Prazo pechado: 20/01/2025 09:00 - 15/05/2025 23:59

IN421G

Proxectos de enerxías renovables térmicas.

Prazo pechado: 26/05/2021 00:00 - 25/06/2021 23:59