Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN500B
Axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia e do contract (código de procedemento IN500B) e proceder a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019.
Proxectos subvencionables.
1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.
2. As empresas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta resolución.
Gastos subvencionables.
1. De acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data de xustificación establecida no artigo 18 destas bases reguladoras. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.
3. Os proxectos e os investimentos deberán cumprir cos seguintes requisitos:
a) Deben ter por obxecto os conceptos recollidos no artigo 4 desta resolución.
b) Os investimentos realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.
d) A persoa beneficiaria deberá adquirir en propiedade os bens obxecto de investimento. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de xustificación, debendo constar nese momento o pagamento das cantidades aprazadas.
e) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para os contratos menores, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A elección entre as ofertas presentadas, que haberán de achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
f) Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
g) Os orzamentos e facturas presentados deben desagregar cada un dos investimentos obxecto de subvención. Os conceptos xenéricos tales como «outros» non serán obxecto de subvención.
h) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
i) Os investimentos subvencionados e as condicións que determinaron o outorgamento da subvención deberán manterse durante un período mínimo de catro anos.
j) En ningún caso se admitirán pagamentos en metálico.
Poderán ser entidades beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outras materias de orixe forestal, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Axencia Galega da Industria Forestal
Avda. Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995478 / 881995477
Email: xera.ceei@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
02/03/2019 00:00 - 01/04/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
- As empresas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano–, segundo proceda).
4º. Estudio de viabilidade asinado por profesional independente cualificado, que contará, como mínimo, cun plan económico financeiro, que inclúa conta de resultados previsional en que se analice o impacto dos novos investimentos, plan de tesouraría previsional e balances previsionais, incluíndo unha descrición das hipóteses que sustenten as previsións.
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais, en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.
- Así mesmo, as persoas solicitantes con persoal contratado por conta allea en número igual ou superior a tres traballadores, deberán ter, polo menos, na data de publicación da convocatoria o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 12 meses anteriores á data de publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione. O persoal en réxime de autónomos non computará para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.
- Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:
a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Para poder ser empresa beneficiaria destas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución.
A presentación das solicitudes, que implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras, realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación; e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Considérase que todas as persoas solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.
Se algunha das empresas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
Só se poderá presentar unha solicitude por beneficiario.
No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.
c) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2 g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
h) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
i) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
j) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.
k) Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.
l) Declaración responsable de que a distribución de traballadores na empresa é tal como se reflicte no cadro recollido no anexo I.
m) Declaración responsable de que o importe e porcentaxe de materia prima certificada producida na Comunidade Autónoma de Galicia é tal como se reflicte no cadro recollido no anexo I.
n) Declaración responsable de que desenvolverán en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o que se solicita a axuda.
o) Declaración responsable de que ningún dos provedores poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
Documentación para a tramitación do procedemento.
Os interesados deberán achegar a seguinte documentación:
a) Solicitude, asinada polo representante legal da empresa ou persoa acreditada mediante poderes para actuar como representante legal, segundo o modelo que figura no anexo I desta resolución. No caso de non estar asinada polo representante legal, deberá achegar documentación xustificativa da acreditación por parte da empresa.
b) Descrición dos investimentos que se van realizar (anexo III).
c) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo III da presente resolución. .
d) Documentación acreditativa dos requisitos previos:
1º. Certificación da condición de peme, segundo os anexos II.1, II.2 e II.3. Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último ano pechado.
2º. No caso de empresas vinculadas ou asociadas coa empresa solicitante:
Copia das contas anuais do último exercicio pechado de cada unha das empresas.
Certificado da Seguridade Social onde consten as contas de cotización en que estean dadas de alta cada unha delas, así como a vida laboral dos 12 meses anteriores á data de publicación da convocatoria para todos os réximes en que figuren dadas de alta.
3º. Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 2.
4º. Póliza do seguro de responsabilidade civil e recibo actualizado.
5º. Contrato dun servizo de prevención de riscos laborais e recibo actualizado, de ser o caso.
6º. Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral do solicitante dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria en que solicite a axuda.
7º. Declaración do imposto de sociedades da empresa, no caso de contribuíntes por este imposto, do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria.
8º. No caso de empresa de nova creación, escritura de constitución ou, na súa falta, documentación oficial xustificativa.
e) Documentación relativa aos investimentos obxecto de baremación:
1º. Contratos, orzamentos ou facturas proforma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a persoa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 5.3.e) desta resolución, se é o caso. Os orzamentos deberán estar debidamente desagregados por conceptos e recoller de forma individualizada os importes.
2º. No caso de investimentos en maquinaria e instalacións:
Para investimentos de maquinaria fixa ou instalacións: plano de localización da industria e plano de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se vaian realizar. Os planos deberán estar asinados por técnico competente.
No caso de instalacións que así o requiran: copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa segundo proceda.
Acreditación da presentación no concello da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.
f) Documentación acreditativa das características da empresa obxecto de baremación:
1º. Para a xustificación do criterio do artigo 6.1.b).1º: vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria en que solicite a axuda.
2º. Para a xustificación dos cursos de formación:
Diploma acreditativo ou certificación emitida polo organismo que impartiu o curso.
Documentación acreditativa do contido do curso.
3º. Para a xustificación de dispoñer de sistema/s de certificación de cadea de custodia na data de publicación da convocatoria: certificación obtida nos últimos cinco anos ou actualización a súa para cada un dos sistemas de certificación.
4º. Para a xustificación da utilización de polo menos un 50 % de materia prima certificada producida na Comunidade Autónoma de Galicia nos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria:
Certificación de dispoñer de cadea de custodia obtida polo solicitante nos últimos 5 anos ou a súa actualización da mesma.
Relación de compras de materia prima realizadas polo solicitante nos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria. Deberase cubrir, en todo caso, o cadro do anexo I.
Documentación xustificativa da compra de materia prima certificada producida na Comunidade Autónoma de Galicia.
5º. Para a xustificación de dispor de sistemas de xestión da calidade, de mellora da xestión ou de control da produción na data de publicación da convocatoria: certificación expedida por entidade competente.
6º. Empresas que dispoñan de marcado CE para os produtos que fabriquen: certificado de control das prestacións do produto, un certificado de conformidade do control de produción en fábrica ou xustificación de ter implantado un sistema de control da produción en fábrica.
g) Documentación para os compromisos de creación de postos de traballo de persoas por conta allea e por tempo indefinido con indicación das características da persoa contratada segundo o artigo 6.1.c): memoria en que se detallen os postos de traballo para crear coas súas características e en que se xustifique en que medida o investimento subvencionable suporá un incremento do persoal da empresa. Deberase cubrir, en todo caso, o cadro do anexo III.
A documentación deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas (anexo I):
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) DNI/NIE da persoa representante.
e) IRPF da persoa solicitante.
f) Inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).
g) Imposto de actividades económicas (IAE).
h) Certificados de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.
i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
j) Consulta de concesións polo réxime de minimis.
k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
3. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
- Fase de solicitude
- Certificación da condición de peme (para persoas xurídicas) (Anexo II.2)
- Declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica (Anexo II.3)
- Solicitude (Anexo I)
- Memoria do proxecto a realizar (Anexo III)
- Certificación da condición de peme (só cando o solicitante é unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas) (Anexo II.1)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 18 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (DOG nº 43 do 1 de marzo de 2019).
-
Extracto da Resolución do 18 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (DOG nº 43 do 1 de marzo de 2019).
-
Correción de erros. Resolución do 18 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (DOG nº 49 do 11 de marzo de 2019).
-
Resolución do 29 de maio de 2019 pola que se dá publicidade das axudas concedidas, denegadas e desistidas no ano 2019 ao abeiro da Resolución do 18 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (DOG nº 107 do 7 de xuño de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Permisos para a realización de queimas.
Aberto todo o ano
Comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.
Aberto todo o ano
Declaración responsable para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.
Aberto todo o ano
Autorización para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.
Aberto todo o ano