Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR352C
Subvención para entidades sen ánimo de lucro que contraten persoas mozas para a realización de servizos de interese xeral e social. Programa operativo emprego xuvenil.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código do procedemento TR352C).
2. Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, maiores de dezaoito e menores de trinta anos, incluídas e beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sustentable no mercado de traballo.
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas neste programa as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) na data de publicación da presente convocatoria, que establezan accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coa área de actuación recollida no RUEPSS, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Programas de Cooperación
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545604 / 981545767 / 981544714 / 981957739 / 981544612
Prazo de presentación: PECHADO
16/05/2018 00:00 - 15/06/2018 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Requisitos dos servizos que se prestarán.
Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a duración subvencionada dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 7 meses e a xornada a tempo completo.
Xunto co formulario de solicitude (anexo I), deberá anexarse a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.
b) Certificación do secretario ou secretaria da entidade na cal consten os custos salariais das persoas traballadoras que se pretenden contratar para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención. Farase referencia expresa ao convenio colectivo que sexa de aplicación e xuntaranse as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude.
Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.
h) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social, en relación co contido do servizo que se vai realizar.
i) Que a entidade solicitante non ten ánimo de lucro.
j) Que a información da entidade recollida no RUEPSS é certa e está actualizada. En caso contrario, deberase indicar a información actual.
k) O nivel de inserción laboral dos participantes nos dous exercicios anteriores a que se refire o artigo 17.4 na letra a).
l) O número de centros e a súa localización a que se refire o artigo 17.4 na letra b).
m) A calidade e xestión das actuacións nos dous exercicios anteriores a que se refire o artigo 17.4 na letra c).
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A entidade deberá indicar no formulario normalizado o grupo de cotización a que pertencen as persoas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas traballadoras solicitadas deberase establecer na solicitude unha lista priorizada de 3 códigos CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección. Ademais, recoméndase que os CNO solicitados teñan dispoñibilidade de persoas solicitantes de emprego nas comarcas solicitadas ou en comarcas anexas, para o cal se pón á disposición das entidades do listaxe orientativa de persoas solicitantes, coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos, na páxina web http://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html para que as entidades poidan adaptar a solicitude á dita listaxe.
Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 2 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 92 do 15 de maio de 2018).
-
Extracto da Orde do 2 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 92 del 15 de maio de 2018)
-
Corrección de erros. Orde do 2 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 111 do 12 de xuño de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Habilitación do Libro de subcontratación para o sector da construción
Aberto todo o ano
Cualificación como empresa de inserción
Aberto todo o ano
Inscrición de constitución da asociación no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.
Aberto todo o ano
Inscrición da modificación de estatutos no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos.
Aberto todo o ano