Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR310A
Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta orde ten por obxecto proceder á segunda convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A).
As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 31 de decembro de 2017, coas especificacións que se establecen nesta orde.
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas, que deberán estar constituídas, como mínimo, por dúas empresas non vinculadas entre si con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de seis empresas.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Subdirección Xeral de Formación para o Emprego
Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego
Rúa San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815333
Email: ocupadosfse.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
05/07/2018 00:00 - 06/08/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Para garantir a capacidade de execución do plan formativo proposto, as entidades beneficiarias deberán presentar no último exercicio pechado unha cifra de negocio que represente o dobre do orzamento previsto para accións de formación. Todas as empresas membros da agrupación deben cumprir este requisito. Non será de aplicación este requisito nas empresas que fosen constituídas no ano de presentación da solicitude de axudas.
Esta circunstancia acreditarase coa correspondente declaración responsable incluída no anexo II.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1. Documentación administrativa.
A documentación que se deberá xuntar con cada solicitude referida ao Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) é a seguinte:
a) Anexos II, III e, de ser o caso, anexo IV desta orde, debidamente formalizados e asinados a través da aplicación electrónica.
b) Copia da escritura de constitución das entidades solicitantes que acredite o seu domicilio social.
c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito) da persoa representante da entidade solicitante e, de ser o caso, da agrupación.
d) Vida laboral de todos os códigos de conta de cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude que acredite a relación das persoas traballadoras ocupadas para formar coa entidade solicitante e a localización do centro de traballo. Este documento deberá permitir acreditar a localización do centro de traballo de cada entidade solicitante, para os efectos que calcular os eventuais gastos de desprazamento.
e) Acordo regulador da agrupación, de ser o caso. Neste documento contractual débense establecer os dereitos e as obrigas que asume cada membro da agrupación. Entre os aspectos que se deberán regular encóntranse:
Organización xeral das actividades formativas.
Acordo de representación da agrupación e elección da súa persoa representante ante a Administración para os efectos de interlocución.
Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.
Acordo para a distribución dos fondos recibidos.
Designación dunha persoa que exerza a xefatura técnica do proxecto.
A agrupación de empresas non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
2. Documentación específica.
a) Memoria explicativa das actuacións formativas que se vaian realizar no marco do proxecto. Esta memoria incluirá a descrición detallada da totalidade das accións formativas previstas e será coherente coa descrición achegada no anexo III para cada unha das accións programadas.
Incluirase un programa de formación, que conterá, como mínimo, a seguinte información e documentación:
Obxectivos, contidos, metodoloxía e modalidade.
Accións formativas que se van desenvolver, con indicación, se fose o caso, da familia e área profesional que corresponda. En accións formativas vinculadas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais deberase indicar a que certificado ou certificados de profesionalidade van dirixidos. Deberán incluír os módulos transversais, de ser o caso.
Identificación do número de traballadores e traballadoras ocupados participantes en cada acción formativa. Nos casos en que a solicitante teña a forma de agrupación, para os efectos de distribución da axuda de minimis, entre os membros da agrupación identificarase o número de persoas traballadoras de cada unha das empresas integrantes da agrupación que reciben formación con cargo ao proxecto.
Custo estimado das accións formativas, con distribución nas categorías de gastos, segundo o previsto no artigo 13 da presente orde.
Calendario previsto de execución que conteña os horarios de realización das actividades formativas.
Lugar, instalación e medios previstos para impartir as accións formativas, que no caso de accións conducentes á obtención dos certificados de profesionalidade ou acreditacións parciais destes deberán cumprir os requisitos que se establecen no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.
No caso de incluír formación mixta, deberanse achegar as claves de acceso á correspondente plataforma web.
Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar documentación acreditativa dos compromisos de realización dos módulos de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídos nos certificados de profesionalidade.
No caso de se prever que unha parte da formación se imparta a través de teleformación, esta modalidade de impartición deberase realizar a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado para as persoas participantes, dispoñendo de mecanismos de seguimento e avaliación.
b) Acreditación da capacidade e experiencia das persoas formadoras propostas para cada unha das accións formativas previstas. A capacidade dos provedores do servizo de formación deberá ser acreditada mediante a entrega da seguinte documentación referida ao equipo docente proposto.
Experiencia e capacidade do persoal docente:
CV do persoal docente proposto.
Acreditación dos anos de experiencia profesional do persoal docente a través de certificados emitidos polas empresas en que traballou; neles, conxuntamente coas datas, deberanse incluír as funcións desenvolvidas. No caso de profesionais autónomos, a experiencia deberase acreditar con certificados de clientes, facturas ou contratos. Ademais, deberase achegar vida laboral completa e actualizada do persoal docente proposto.
Anexo IV de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, para os efectos de que a Administración verifique que os docentes propostos dispoñen da preceptiva titulación universitaria para impartir a formación, naqueles casos en que os docentes non formen parte do cadro de persoal da entidade solicitante, ou esta non dispoña dunha copia da súa titulación universitaria. No caso contrario, cando a entidade solicitante teña contratado o persoal docente e dispoña da copia dos seus títulos universitarios, poderaos presentar.
As modificacións no cadro de persoal docente asignado ao proxecto formativo deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Só se admitiran os cambios dunha persoa por outra cunha titulación universitaria equivalente, ou superior, a aquela pola cal foi puntuada a solicitude, e naquelas substitucións debidamente xustificadas no marco do proxecto.
Entenderase que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ten aprobada unha modificación pretendida no cadro de persoal docente se non se rexeita expresamente no prazo dun mes desde a data de entrada no rexistro da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da notificación, aínda que no momento da liquidación económica se comprobará se o cambio proposto cumpría coas condicións establecidas e, de non ser así, terá os efectos previstos no artigo 48 desta orde.
Comprobación de datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.
d) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.
f) Consultas a través da Seguridade Social para verificar a estabilidade no emprego das persoas receptoras da formación.
g) Titulación universitaria do persoal docente (terceiras persoas que interveñen no procedemento).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario do anexo II e do anexo IV da solicitude e achegar os documentos pertinentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A documentación complementaria que deba achegarse presentarase electronicamente, mediante a presentación do documento orixinal, de tratarse dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de tratarse dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto no Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.
As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do Catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou escala de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento de orixe (respectará a xeometría do documento de orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).
A Administración actuante poderá solicitar o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.
As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.
As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Para presentar a documentación complementaria, así como calquera outra que se exixa nesta orde, empregaranse unicamente os medios electrónicos a que se refire o número 1 do artigo 15 desta orde.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a entidade interesada ou a súa persoa representante deberán mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2018)
-
Orde do 26 de xuño de 2018 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 127 do 4 de xullo de 2018).
-
Resolución do 29 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se publican as subvencións concedidas nas distintas convocatorias publicadas en virtude da Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 24, do 2 de febreiro de 2018).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestacion de servizos transnacional.
Aberto todo o ano
Integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.
Prazo pechado: 10/06/2025 00:00 - 30/06/2025 23:59
Intregración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.
Prazo pechado: 20/02/2023 00:00 - 10/03/2023 23:59
Participación nos procesos de funcionarización dende a situación de excedencia voluntaria ou excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración Pública.
Prazo pechado: 30/12/2023 00:00 - 01/04/2024 23:59