Guía de procedementos e servizos

PR775A

Premios do concurso de literatura infantil e xuvenil do día das letras galegas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 17/05/2018 00:00 - 18/06/2018 23:59

Consellería de Facenda e Administración Pública

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e convócase, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, orientado aos nenos e nenas galegos con idades comprendidas nestas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos (código do procedemento PR775A).

A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Poderán optar aos premios os nenos e nenas galegos con idades comprendidas nestas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

R/ Madrid, 2-4 (Fontiñas)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546044

Fax: 981546337

Email: egap@xunta.es

http://egap.xunta.es

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

17/05/2018 00:00 - 18/06/2018 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

- Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12 e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.

- Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Os fillos e fillas dos integrantes do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

  • As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación do anexo I, e presentarán a seguinte documentación en arquivos independentes:

    • a) O texto do conto. Este arquivo nomearase co título do conto e co pseudónimo do seu autor.

    • b) Unha copia do libro de familia onde consten o nome, os apelidos e a idade do/da menor que se presenta ao concurso.

  • No caso de que se opte pola presentación presencial, coa solicitude, que deberá formularse mediante a presentación do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

    • a) Un sobre tamaño folio pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, acompañado do pseudónimo e do título do conto. Este sobre incluirá o texto do conto en folio formato A4.

    • b) Unha copia do libro de familia onde consten o nome, os apelidos e a idade do/da menor que se presenta ao concurso.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas representantes legais do/da menor incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias que constan en poder da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

  • b) Certificación do cumprimento das obrigas tributarias que constan en poder da Administración autonómica.

  • c) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

  • d) DNI ou NIE da persoa solicitante.

  • e) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas representantes legais do/da menor se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten os contos, tanto na presentación presencial como na electrónica cumpriranse as seguintes exixencias:

– Na cabeceira do conto indicaranse exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo.

– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 8 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas (DOG nº 93 do 16 de maio de 2018)

    • Extracto da Resolución do 8 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas (DOG nº 93 do 16 de maio de 2018).

    • Anuncio do 17 de setembro de 2018 polo que se fai pública a resolución da concesión dos premios do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas (DOG nº 185 do 27 de setembro de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS402A

Novo ingreso en escolas infantís 0-3.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59

BS403B

Programa de axudas a través da tarxeta Benvida.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 31/03/2026 23:59

BS404A

Novo ingreso en escolas infantís 0-3 do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59

BS423A

Título de familia numerosa / Carné familiar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano