Guía de procedementos e servizos

IN500B

Subvencións dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 08/08/2018 00:00 - 07/09/2018 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións da Xera dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2018.

Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector da industria radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outros produtos forestais procedentes do monte, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Axencia Galega da Industria Forestal

Avda. Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995478 / 881995477

Email: xera.ceei@xunta.gal

Axencia Galega da Industria Forestal
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

08/08/2018 00:00 - 07/09/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As empresas deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará cunha declaración responsable da persoa solicitante de que a empresa cumpre coa dita normativa.

b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) Deberán estar inscritos no Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data da fin do prazo de solicitude.

Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:

a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

1. As persoas interesadas deberán achegar obrigatoriamente coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación administrativa:

1º. Escritura de constitución e estatutos, debidamente inscritos no rexistro correspondente, e as súas modificacións posteriores.

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

3º. Declaración do imposto de sociedades referido ao último exercicio pechado ou declaración do imposto da renda das persoas físicas do último ano, no caso de autónomos.

4º. Certificación da condición de peme, segundo os anexos II.1, II.2 e II.3. Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último ano pechado.

5º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.2.f) desta resolución, se é o caso. Os orzamentos deberán estar debidamente desagregados por conceptos e recoller de forma individualizada os importes.

6º. Licenza de actividade do concello ou, de ser o caso, acreditación da comunicación previa de inicio de actividade ou da apertura do establecemento.

7º. Planos e solicitude de licencia de obra ou comunicación previa no concello, no caso de obras e instalacións que así o requiran.

8º. Seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais.

9º. Documentación acreditativa da cadea de custodia certificada, se é o caso.

10º. Documentación acreditativa da relación de compras de materia prima realizadas pola entidade nos 12 meses anteriores á presentación da solicitude, se é o caso. Neste suposto deberase cubrir, en todo caso, o cadro do anexo I.

11º. Documentación acreditativa de dispor dun certificado de xestión da calidade, se é o caso.

12º. Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

b) Documentación técnico-económica:

1º. Memoria do proxecto que se vai realizar (anexo III).

2º. Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición detallada dos investimentos, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola persoa interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas (anexo I):

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante.

e) IRPF da persoa solicitante.

f) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias.

h) Certificación da Seguridade Social de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

i) Certificado da Consellería de Facenda de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Presentación solicitudes.

1. A presentación das solicitudes, que implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras, realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14, puntos 2 e 3, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación; e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Considérase que todas as persoas solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das empresas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

3. Só se poderá presentar unha solicitude por beneficiario.

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.

c) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

h) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

i) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

j) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

k) Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

l) Declaración responsable de que o número e porcentaxe de postos de traballo por conta allea e tempo indefinido na empresa é o recollido no cadro do anexo I.

m) Declaración responsable de que o importe e porcentaxe de materia prima certificada producida na Comunidade Autónoma de Galicia é o recollido no cadro do anexo I.

n) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o que se solicita a axuda.

o) Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Dous meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións de valorización das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 150 do 7 de agosto de 2018).

    • Extracto da Resolución do 16 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións de valorización das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 150 do 7 de agosto de 2018)

    • Corrección de erros. Resolución do 16 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións de valorización das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 ((DOG nº 156 do 17 de agosto de 2018).

    • Resolución do 26 de outubro de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas e non admitidas a trámite no ano 2018 ao abeiro da Resolución do 16 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións de valorización das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 211 do 6 de novembro de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR601A

Permisos para a realización de queimas.

Aberto todo o ano

MR604C

Comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.

Aberto todo o ano

MR604D

Declaración responsable para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR604E

Autorización para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano