Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN315A
Subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento do sector mineiro.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Economía e Industria
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para impulsar a realización de accións que contribúan a mellorar as prácticas preventivas e ambientais do sector mineiro galego, a transferencia de coñecemento, o aproveitamento racional e eficiente dos recursos minerais, a investigación e innovación no seu aproveitamento, así como a divulgación e promoción do devandito sector.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para o ano 2018.
Actuacións e gastos subvencionables.
1. Serán subvencionables as actuacións, estudos ou proxectos que teñan como finalidade impulsar a realización de accións que contribúan a:
– Mellorar as prácticas preventivas en materia de riscos laborais.
– Mellorar as prácticas ambientais do sector mineiro.
– Divulgar e promocionar o sector mineiro galego.
– Incrementar a investigación e innovación tanto no procesos como na aplicación do produto.
– Transferencia de coñecemento.
– Un aproveitamento racional e eficiente dos recursos mineiros.
2. Consideraranse gastos subvencionables os seguintes:
– Recursos humanos: gastos de persoal, tanto propio como o que se contrate especificamente, que poderá ser imputado na súa totalidade cando se dedique integramente ao desenvolvemento da actuación subvencionada ou ben parcialmente en función da porcentaxe de dedicación.
– Material inventariable: adquisición dos equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto.
– Custos de investigación contractual, coñecementos e patentes adquiridos ou obtidos por licenza de fontes externas en condicións de plena competencia.
– Servizos externos: contratacións con entidades externas necesarias para o eficiente desenvolvemento dos proxectos.
– Material funxible: adquisición de materiais funxibles, compoñentes precisos, subministracións e produtos similares.
– Gastos indirectos: serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.
Así mesmo, de acordo co disposto no número 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica e financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación desta.
4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2018 e a data de xustificación establecida no artigo 26.
5. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado. Así mesmo, a comisión de valoración poderá considerar como non subvencionables ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.
6. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
7. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades sen ánimo de lucro con representación no sector mineiro galego cuxo obxecto estea relacionado coa minaría e que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, non deberán exercer unha actividade económica ofrecendo bens ou servizos nun mercado determinado, salvo que dispoñan de contabilidade separada para as actividades económicas e as subvencionadas.
Obrigas das persoas beneficiarias.
a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás persoas beneficiarias en cada caso.
f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta orde.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en inscricións relativas ao financiamento público en carteis, placas, material impreso, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.
k) Manter os investimentos subvencionados e conservar toda a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión.
l) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
m) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas
Subdirección Xeral de Recursos Minerais
Servizo de Xestión Mineira
Edificios Administrativos San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957092 / 981957258
Fax: 981545515
Email: cei.dxiem.axudasminas@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
04/04/2018 00:00 - 03/05/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o día correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación, ambos inclusive. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e deberán atoparse ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa súa solicitude a documentación que se describe a seguir:
a) Documentación administrativa.
Copia dos estatutos da entidade solicitante en que apareza o seu obxecto social.
Acreditación da representatividade da persoa solicitante por calquera medio válido en dereito.
b) Documentación técnica.
Memoria técnica-económica que seguirá o índice que se establece a seguir e se adecuará ao modelo que se inclúe como anexo II.
Descrición da actuación.
Diagnose da situación actual e necesidade detectada.
Obxectivos da actuación.
Resultados esperados.
Impacto e relevancia da actuación.
Plan de divulgación dos resultados.
c) No caso de solicitudes de axuda que queden suxeitas á aplicación do réxime de minimis en aplicación do previsto no artigo 3 desta orde, a persoa beneficiaria deberá cubrir, necesariamente, a declaración de axudas de minimis incluída no anexo I.
d) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Axencia Tributaria de Galicia.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade sen ánimo de lucro.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e xuntar os devanditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de Xustificación
- Memoria económica abreviada xustificativa do custo das actividades realizadas (Anexo VII)
- Solicitude se pagamento (Anexo III)
- Declaración responsable do rendemento da conta xustificativa (Anexo V)
- Certificacion de toma en razon de contabilidade (Anexo IV)
- Memoria tecnica xustificativa da actividade subvencionada (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 15 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 64 do 3 de abril de 2018).
-
Extracto da Orde do 15 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 64 do 3 de abril de 2018).
-
Resolución do 12 de febreiro de 2019 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 15 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 40 do 26 de febreiro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Obtención/renovación do selo de mercado excelente.
Aberto todo o ano
Declaración da condición mineral, termal e de manancial das augas
Aberto todo o ano
Aproveitamento de augas minerais, termais e de manancial.
Aberto todo o ano
Subvencións a empresas privadas para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro.
Prazo pechado: 08/03/2021 00:00 - 07/04/2021 23:59