Guía de procedementos e servizos

ED601A

Axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 20/04/2018 00:00 - 21/05/2018 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnado legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria e/ou segundo ciclo de educación infantil. (Código de procedemento ED601A)

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) O custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor entendido como o servizo de comida ao mediodía, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor e o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, durante o curso académico 2017/18.

b) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

4. Poderán acollerse a esta orde todas as actuacións descritas no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2017/18.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor nas instalacións dos centros escolares correspondentes.

2. Entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, entre outras, por algunha destas formas que a seguir se enumeran:

a) Mediante a contratación directa da prestación do servizo de forma integral, que comprenda tanto a xestión do comedor como as restantes actividades asociadas a este, ou ben a contratación separada de ambas as actividades.

b) Mediante a encomenda integral do servizo a entidades ou empresas especializadas segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

3. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que, por careceren de instalacións axeitadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar nos locais hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara ao establecemento hostaleiro.

b) Que o local hostaleiro onde se preste o servizo de comedor escolar sexa o mesmo durante todo o curso académico 2017/18.

c) Que o prezo diario dos menús contratados co citado local hostaleiro non supere os 6 euros por comensal, incluído o IVE.

4. De conformidade co previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, introducido pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia: «será requisito para o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores, o non ser condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos. Para este efecto, quen pretenda o acceso a tales profesións, oficios ou actividades, deberá acreditar esta circunstancia mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais».

5. Nos supostos recollidos nos precedentes puntos 2 e 3 deste artigo, as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado deberán cumprir o mandato legal contido no citado artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, exixindo ás empresas externas ás que contraten ou encomenden a prestación do servizo a acreditación de que o persoal que vaia ter contacto habitual cos menores non foi condenado por delito sexual.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Vicesecretaría Xeral

Servizo de Xestión dos Comedores Escolares

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995188 / 981544461

Fax: 981545443

http://www.edu.xunta.es/portal/

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

20/04/2018 00:00 - 21/05/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

  • As asociacións deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) O modelo que figura como anexo II, relativo ao orzamento do custo do servizo de comedor.

    • b) O anexo III correspondente a unha memoria explicativa en que se indique expresamente o ano/curso de inicio do servizo e se detalle o carácter continuado e non ocasional do servizo, o número de usuarios e a súa repartición por nivel educativo (coa desagregación establecida no citado anexo), a modalidade de prestación do servizo, e o programa de promoción da saúde e habilidades persoais previsto. No caso das federacións ou confederacións de pais/nais de alumnos, deberán presentar un anexo III por cada unha das anpas federadas ou confederadas.

    • c) A documentación acreditativa da relación contractual asinada pola entidade solicitante desta axuda e polas entidades ou persoas físicas que lle presten os servizos que son obxecto desta axuda, na que conste declaración responsable debidamente asinada polo representante legal da empresa na que se acredite que todo o persoal contratado ou, se é o caso, subcontratado, con contacto habitual con menores, dispón de certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

    • d) A relación de asociacións de nais e pais de alumnado que formen parte da federación ou das confederacións, se é o caso, e que realicen a actividade de comedor escolar, indicando para cada centro escolar a información requirida no anexo III citado na letra b) deste artigo 7.1 desta  orde.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI ou NIE da persoa representante.

  • c) Certificado de débedas que constan en poder da Administración autonómica.

  • d) Certificado de estar ao día de pagamento coa Axencia Tributaria para subvencións e axudas.

  • e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social que consten en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as asociacións se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos automaticamente, poderase solicitar ás asociacións a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das asociacións presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes, a asociación ten que comparecer como tal na sede electrónica, empregando o certificado electrónico de persoa xurídica obtido para tal efecto ou por calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A documentación complementaria deberá presentarse tamén electronicamente. As asociacións interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das asociacións presenta documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que foi realizada a emenda.

  • Sempre que posteriormente se acheguen electronicamente documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 2 de abril de 2018 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2017/18 (DOG nº 76 do 19 de abril de 2018).

    • Extracto da Orde do 2 de abril de 2018 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2017/18 (DOG nº 76 do 19 de abril de 2018).

    • Resolución do 16 de xullo de 2018 pola que se conceden as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2017/18 (DOG nº 143 do 27 de xullo de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS324D

Programa Xuventude Mentoring na empresa

Tramitar en liña

Prazo pechado: 31/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59

BS420C

Axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 12/07/2025 00:00 - 28/11/2025 23:59

CT510A

Programa Galicia Moza con Alma, de mobilidade transnacional xuvenil.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 10/05/2025 00:00 - 09/06/2025 23:59

ED507A

Axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/03/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59