Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED305F
Realización de actividades de formación do profesorado no estranxeiro.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O obxecto desta orde é a convocatoria de prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira do profesorado.
As modalidades en que se convocan prazas para o profesorado son as seguintes:
1. Modalidade 1: integración. Itinerario formativo en tres fases.
Antes do inicio da actividade da fase B desta modalidade, o profesorado seleccionado que vaia participar nela deberá enviar ao correo electrónico formaes@edu.xunta.es un plan de difusión onde se describa as acción que se compromete a realizar no seu centro de destino para dar visibilidade á experiencia formativa que vai desenvolver e que deberá ser aprobado antes do inicio da mencionada fase.
a) Fase A (25 horas): curso de formación dunha duración dunha semana (7 días) en inglés, francés ou portugués na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá lugar no primeiro trimestre do curso 2018/19.
b) Fase B (100 horas): programa de inmersión total en inglés, francés ou portugués, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal. O profesorado seleccionado integrarase en centros escolares e estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas, no primeiro trimestre do curso 2018/19. No caso do profesorado de formación profesional, o profesorado estará acompañado por un/unha docente dos mesmos módulos cando sexa posible ou por un/unha docente dun módulo afín.
As fases A e B realizaranse de forma consecutiva en tempo durante o primeiro trimestre do curso 2018/19 para garantir a substitución nos centros educativos durante as 5 semanas da duración das actividades.
c) Fase C (ata 25 horas). Difusión da experiencia adquirida.
Nesta fase o profesorado deberá realizar:
– Memoria do desenvolvemento do plan de difusión aprobado previamente, na cal se deberá acreditar adecuadamente todo o plan desenvolvido segundo orientacións do anexo VI.
– Proposta didáctica na lingua obxecto de estudo que demostre a transferencia á aula dos coñecementos e metodoloxía adquiridos na integración, segundo as orientacións do anexo VI.
Estes documentos, memoria e proposta didáctica, enviaranse ao correo electrónico formaes@edu.xunta.es antes do 28 de febreiro de 2019 e a equivalencia en horas de formación desta fase será en función da súa avaliación segundo a súa calidade técnica e didáctica.
2. Modalidade 2: cursos. Itinerario formativo en dúas fases.
a) Fase de formación: convócanse os seguintes cursos de lingua estranxeira:
Cursos (50 horas) que se desenvolverán no primeiro trimestre do curso 2018/19:
2.1. Curso de dúas semanas para profesorado especialista de inglés de ensino primario, secundario e EOI no Reino Unido ou Irlanda.
2.2. Curso de inglés no Reino Unido ou Irlanda de dúas semanas para profesorado non especialista de lingua inglesa de ensino infantil, primario, secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas (en diante, MCERL).
2.3. Curso de dúas semanas para profesorado especialista de francés de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI en Francia.
2.4. Curso de portugués en Portugal de dúas semanas de duración para profesorado especialista e non especialista de lingua portuguesa de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 ou superior de lingua portuguesa do MCERL.
2.5. Curso de alemán en Alemaña de dúas semanas de duración para profesorado especialista e non especialista de lingua alemá de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 ou superior de lingua alemá do MCERL.
O profesorado que participe nestes cursos será substituído nos seus centros educativos durante as dúas semanas de duración do curso.
Curso que se desenvolverá durante o mes de xullo de 2018:
2.6. Curso (50 horas) de inglés en Galicia, dunha semana de duración, para profesorado non especialista de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. Para poder participar o profesorado deberá acreditar un nivel B1 en lingua inglesa do MCERL. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2.
b) Fase de elaboración de materiais (ata 25 horas): elaboración de materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo segundo as orientacións do anexo VII, no segundo trimestre do curso 2018/19. A equivalencia en horas de formación desta fase será en función da súa avaliación da calidade técnica e didáctica destes materiais.
3. Será necesario que a persoa participante acade unha avaliación positiva en cada unha das fases do itinerario formativo para poder realizar a fase seguinte e, de ser o caso, para obter a certificación.
1. As persoas solicitantes deben ser funcionarios/as de carreira ou funcionarios/as en prácticas dos corpos docentes detallados neste artigo. No caso dos/das funcionarios/as en prácticas, poderán participar nas actividades formativas sempre e cando estas se desenvolvan fóra do período efectivo de prácticas.
2. Na modalidade 1, de integración, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:
a) Actividade 1.1. Integración para profesorado de inglés de primaria.
Profesorado especialista en inglés que estea a impartir a lingua estranxeira en educación infantil ou en educación primaria.
b) Actividade 1.2. Integración para profesorado de inglés de secundaria.
Profesorado especialista en inglés que estea a impartir a lingua estranxeira en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato.
O profesorado que participe nesta actividade non realizará a fase A.
c) Actividade 1.3. Integración inglés para profesorado CLIL de secundaria (ESO e bacharelato).
Profesorado de materias non lingüísticas impartidas en inglés (en diante, CLIL en inglés) de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato que estea a participar nos programas de centros plurilingües e/ou seccións bilingües. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua inglesa do MCERL.
d) Actividade 1.4. Integración inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.
Profesorado CLIL en inglés de educación infantil e primaria, que estea a participar nos programas de centros plurilingües e/ou seccións bilingües. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua inglesa do MCERL.
e) Actividade 1.5. Integración para profesorado especialistas en inglés das escolas oficiais de idiomas.
Profesorado especialista en inglés que estea a impartir a lingua inglesa nas escolas oficiais de idiomas e nas súas seccións.
O profesorado que participe nesta actividade non realizará a fase A.
f) Actividade 1.6. Integración inglés para profesorado CLIL de FP e ensinanzas de réxime especial.
Profesorado CLIL en inglés que imparte docencia en ciclos medios ou superiores de formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
g) Actividade 1.7. Integración en lingua portuguesa para profesorado especialista e CLIL de secundaria.
Profesorado especialista en portugués e profesorado CLIL en portugués de educación secundaria, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua portuguesa do MCERL.
h) Actividade 1.8. Integración para profesorado especialista de francés de primaria e secundaria. Profesorado especialista de francés de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI que estea a impartir a lingua francesa.
O profesorado que participe nesta actividade non realizará a fase A.
i) Actividade 1.9. Integración francés para profesorado CLIL de primaria e secundaria.
Profesorado CLIL en francés de ensino primario, secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua francesa do MCERL.
j) Para efectos de adxudicación das prazas ofertadas nesta modalidade terán prioridade o profesorado coordinador de centros plurilingües e logo o profesorado coordinador de seccións bilingües.
k) Tamén poderá optar ás prazas das actividades 1.3., 1.4., 1.6., 1.7. e 1.9. o profesorado que teña previsto participar no programa de centros plurilingües e seccións bilingües na lingua obxecto de estudo, a partir do curso 2018/19, presentando:
1º. Un compromiso individual e un compromiso do seu centro educativo de participación nalgún dos ditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do consello escolar, unha vez informado o claustro.
2º. A acreditación da competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa.
O profesorado referido nesta epígrafe poderá ser seleccionado sempre que queden prazas libres, xa que ten prioridade aquel profesorado que estea a impartir docencia CLIL.
l) O profesorado especialista coordinador de centros plurilingües ou de seccións bilingües, ou e profesorado CLIL participante nesta modalidade deberá asinar o anexo V, comprometéndose a promover a creación ou ao mantemento dos programas de centros plurilingües ou de seccións bilingües no seu centro de destino e a impartir a súa materia na lingua correspondente.
3. Na modalidade 2, de cursos, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:
a) Actividade 2.1. Inglés para profesorado especialista de primaria.
Profesorado especialista de inglés de ensino primario que estean a impartir inglés en infantil e/ou primaria.
b) Actividade 2.2. Inglés para profesorado especialista de secundaria.
Profesorado especialista de inglés de ensino secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI.
c) Actividade 2.3. Inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.
Profesorado CLIL en inglés de ensino infantil e primario. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua inglesa do MCERL.
d) Actividade 2.4. Inglés para profesorado CLIL de secundaria.
Profesorado CLIL en inglés de ensino secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua inglesa do MCERL.
e) Actividade 2.5. Francés para profesorado especialista de primaria e secundaria.
Profesorado especialista de francés de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. No caso de ensino primario, terá preferencia o profesorado que estea a impartir francés.
f) Actividade 2.6. Lingua portuguesa para profesorado especialista e CLIL de primaria e secundaria.
Profesorado CLIL en portugués de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua portuguesa do MCERL.
g) Actividade 2.7. Lingua alemá para profesorado especialista e CLIL de primaria e secundaria.
Profesorado especialista e CLIL en alemán de ensino primario, secundario, formación profesional, ensinanzas de réxime especial ou EOI. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B2 en lingua alemá do MCERL.
h) Actividade 2.8. Lingua inglesa para profesorado CLIL de primaria e secundaria.
Profesorado CLIL en inglés de ensino primario, secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
i) Para os efectos de adxudicación das prazas ofertadas nesta modalidade, terá prioridade o profesorado coordinador de centros plurilingües e logo o profesorado coordinador de seccións bilingües.
j) Tamén poderá optar ás prazas das actividades 2.3., 2.4., 2.6., 2.7 e 2.8 o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou de centros plurilingües en lingua inglesa a partir do curso 2018/19, presentando:
1º. Un compromiso individual e un compromiso do seu centro educativo de participación nalgún dos ditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do consello escolar, unha vez informado o claustro.
2º. A acreditación da competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa.
O profesorado referido nesta epígrafe poderá ser seleccionado sempre que queden prazas libres, xa que ten prioridade aquel profesorado que estea a impartir docencia CLIL.
k) O profesorado especialista coordinador de seccións bilingües ou plurilingües e profesorado CLIL participante nesta modalidade deberá asinar o anexo V, comprometéndose a promover a creación ou o mantemento de seccións bilingües ou do programa de centros plurilingües no seu centro de destino ou a impartir a súa materia na lingua correspondente.
4. As persoas que participaron nas actividades convocadas pola Orde do 24 de abril de 2017 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2017 (DOG do 3 de maio), non terán preferencia para participar nas actividades ofertadas, polo que só poderán ser seleccionadas se non se cubrisen todas as prazas.
5. As persoas participantes en cada unha das modalidades deberán realizar unha proba ao finalizar a actividade, pola que se poida acreditar, como mínimo, un nivel superior do MCERL ao acreditado no momento de presentación da solicitude de participación na presente convocatoria. No caso de que a través desta proba se acredite un nivel lingüístico superior ao que se tiña acreditado no momento de presentación da solicitude, procederase á actualización de oficio desta circunstancia no expediente de datos persoais da persoa participante. A non realización da dita proba por causa non xustificada e acreditada ante o presidente da comisión será causa de exclusión en futuras convocatorias de prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE).
Para os efectos desta convocatoria enténdese que os/as catedráticos/as e profesores/as de ensino secundario e os/as catedráticos/as e profesores/as das escolas oficiais de idiomas que teñan a especialidade nunha lingua estranxeira, teñen acreditado o nivel C2 na lingua estranxeira en que teñan a especialidade, e os/as mestres/as que teñan a especialidade nunha lingua estranxeira teñen acreditado o nivel B2 nesa lingua.
O profesorado participante nesta convocatoria que teña acreditado no momento de presentación da solicitude un nivel C2 do MCERL na lingua obxecto de estudo, non deberá realizar a proba descrita anteriormente.
O nivel lingüístico alegado para a participación na presente convocatoria deberá ser en todo caso o nivel máximo que a persoa solicitante teña acreditado no momento de presentación da solicitude. O incumprimento do establecido neste parágrafo poderá dar lugar á incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario do persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546515
Fax: 981546550
Email: formaes@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
08/06/2018 00:00 - 28/06/2018 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Quedarán excluídas desta convocatoria as persoas solicitantes que teñan concedida no curso 2018/19, unha licenza por formación outorgada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no anexo III.
b) Certificado, expedido polo secretario ou secretaria do centro, co visto e prace da persoa directora, en que conste a área, materia ou módulo que imparte a persoa solicitante durante o curso académico 2017/18. No caso de que a persoa solicitante sexa coordinadora de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües tamén deberá constar esta circunstancia no certificado.
c) Acreditación do nivel lingüístico exixido para cada praza ou superior, agás para aquelas persoas que xa teñan recollida esta información no expediente de datos persoais.
d) Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que aleguen. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II. A validación de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que a persoa solicitante incorpore á súa solicitude, poderá efectuarse nos centros de traballo das persoas solicitantes, validación que asinará o/a director/a ou secretario/a do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.
Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se aleguen fóra do prazo a que se refire o artigo 6 desta convocatoria.
Só para profesorado coordinador de centros plurilingües e bilingües ou profesorado CLIL.
Anexo V debidamente cuberto.
Só para o futuro profesorado CLIL:
1º. Un compromiso individual e un compromiso do seu centro educativo de participación nalgún dos ditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do consello escolar, unha vez informado o claustro.
2º. A acreditación da competencia lingüística B2 ou superior na lingua estranxeira obxecto de estudo.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.
A Consellería poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas que o desexen poderán completar en liña o formulario de solicitude, na páxina web www.edu.xunta.es/piale. As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas solicitantes. Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto coa documentación expresada no artigo 7, por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015, do 1 de outubro).
O modelo de solicitude (anexo I) inclúe unha declaración responsable pola que a persoa solicitante declara que o nivel de coñecemento de linguas estranxeiras do MCERL alegado na solicitude é o nivel máximo que ten acreditado á data de presentación da solicitude, de acordo co establecido na Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG do 26 de abril) modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG do 7 de xullo).
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de maio de 2018 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2018 (DOG nº 108 do 7 de xuño de 2018).
-
Orde do 4 de setembro de 2018 pola que se resolve definitivamente a convocatoria de prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2018 (DOG nº 180 do 20 de setembro de 2018).
-
Corrección de erros. Orde do 4 de setembro de 2018 pola que se resolve definitivamente a convocatoria de prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2018 (DOG nº 225 do 26 de novembro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano