Guía de procedementos e servizos

CT235A

Subvencións a Entidades Locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais, integradas na rede de bibliotecas de Galicia.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 21/12/2017 00:00 - 22/01/2018 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A .Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2018.

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, suplementariamente:

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

As entidades locais de Galicia.

Obrigas dos beneficiarios.

1. As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos bibliográficos recibidos para a súa incorporación á súa colección bibliográfica e a súa posta á disposición das persoas usuarias das súas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a correcta execución das axudas.

3. Tamén quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades locais beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público, e outras medidas de reforma administrativa.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Cultura

Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro

Servizo de Bibliotecas

Cidade da Cultura, Monte Gaiás, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999773

Fax: 981545065

Email: sxc-subdireccion-bibliotecas.cceou@xunta

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Cultura

Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro

Servizo do Libro e Publicacións

Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545804 / 981544845

Email: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

Servizo de Bibliotecas
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/12/2017 00:00 - 22/01/2018 23:59

As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas en que desexan participar, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos de participación.

1. As bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

e) Ademais dos anteriores requisitos, as entidades locais que soliciten o programa B «Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas» deberán ter realizado no período comprendido entre o 1 de maio de 2017 e o 31 de decembro de 2017 un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual ou superior ao 20 % da cantidade máxima que se pode conceder segundo o establecido no artigo 37 desta orde.

2. Queda excluída deste investimento a adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal realizada cos fondos procedentes doutras axudas ou subvención públicas.

  • Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación, que só se presentará unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de subvencións:

    • a) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a da entidade local da media semanal de horas de apertura ao público da biblioteca ou bibliotecas e/ou axencia ou axencias de lectura.

    • b) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2016.

    • c) Ademais da anterior documentación, as entidades locais que soliciten o programa B, «Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas», presentarán un certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do gasto realizado con fondos propios da entidade local, na adquisición de fondos bibliográficos comprendido entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2017.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • Certificacións da AEAT, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido ás entidades locais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

  • A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

  • Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberase presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

  • Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se convoca para o ano 2018 (DOG nº 240 do 20 de decembro de 2017)

    • Corrección de erros. Orde do 22 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se convoca para o ano 2018 (DOG nº 4 do 5 de xaneiro de 2018).

    • Resolución do 23 de marzo de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 22 de novembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 240, do 20 de decembro), pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (DOG nº 67 do 6 de abril de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT213A

Subvencións a festivais de artes escénicas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 02/12/2025 00:00 - 02/01/2026 23:59

CT230A

Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT230B

Integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT230C

Creación de novos servizos de lectura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano