Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT207E
Subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2018.
2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.
4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto.
5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
d) Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
E supletoriamente:
e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.
f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.
Modalidades.
1. Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:
Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.
Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.
Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.
2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.
1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.
2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas cando menos durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
Obrigas dos beneficiarios.
1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.
2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.
3. Na documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web, etc., farase constar que recibiu unha subvención por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.
4. Os beneficiarios dan a autorización expresa a Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa socialización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden. Nas modalidades B e C, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «Coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
5. Así mesmo, estarán obrigados a facilitarlle á Agadic copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (guión definitivo, carteis, fotografías, músicas, capas e outros materiais).
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077 / 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
20/12/2017 00:00 - 19/01/2018 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:
Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.
Se a persoa solicitante está domiciliada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia (nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea), certificado de empadroamento.
Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación complementaria:
Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica:
a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou en calidade de guionista.
Declaración responsable con especificación dos títulos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á escrita de guión con anterioridade á convocatoria.
b) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.
c) Sinopse argumental cunha extensión máxima de 1 páxina.
d) Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 10 e 20 páxinas a dobre espazo.
e) Se é un guión adaptado: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
Modalidade B: curtametraxe:
a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.
De ser o caso, especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.
b) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións con respecto á promoción e distribución da curtametraxe.
c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 1 páxina.
d) Guión definitivo, técnico ou literario, da película.
e) Calendario e plan de produción.
f) Currículo do equipo técnico-artístico.
g) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Modalidade C: longametraxe:
a) Historial profesional do director acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.
Declaración responsable con especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á convocatoria.
b) De ser o caso, historial da empresa solicitante.
c) Historial de guionista, director de fotografía, compositor, actores, montador xefe, director artístico, xefe de son e outros profesionais do equipo creativo de carácter técnico que intervirán na produción.
d) Sinopse argumental dun máximo de 1 páxina.
e) Unha memoria dun máximo de 5 páxinas en que se describa o carácter innovador da película e as intencións en canto á súa promoción e distribución.
f) Guión definitivo do proxecto.
g) Calendario do proxecto, plan de produción e plan de localizacións da rodaxe.
h) Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic) e plan de financiamento.
i) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
j) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
DNI ou NIE da persoa solicitante.
NIF da persoa xurídica solicitante.
DNI ou NIE da persoa representante.
Certificado de empadroamento en Galicia
Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes dunha das anteriores. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de Xustificación
- Declaración de axudas (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 239 do 19 de decembro de 2017).
-
Extracto da Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 239 do 19 de decembro de 2017).
-
Resolución do 22 de xaneiro de 2019 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2018 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais.
Prazo aberto: 12/03/2025 00:00 - 11/04/2025 23:59
Axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.
Prazo aberto: 10/04/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59
Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á xuventude e ao voluntariado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades.
Prazo pechado: 18/09/2024 00:00 - 17/10/2024 23:59
Subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.
Prazo pechado: 15/02/2025 00:00 - 20/03/2025 23:59