Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED305F
Realización de actividades de formación do profesorado no estranxeiro.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O obxecto desta orde é a convocatoria de prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira do profesorado.
As modalidades en que se convocan prazas para o profesorado son as seguintes:
1. Modalidade 1: inmersión. Itinerario formativo en tres fases.
a) Fase A (75 horas): curso de formación en inglés na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá lugar preferentemente en período lectivo, con substitución do profesorado que realice esta actividade formativa.
b) Fase B (75 horas): inmersión no país falante da lingua estranxeira de ensino e aprendizaxe, cunha duración de tres semanas, que se realizará no mes de xullo ou agosto de 2017 nun dos seguintes países: Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos.
c) Fase C (25 horas): elaboración de materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo segundo as orientacións do anexo VII, que se realizará no primeiro trimestre do curso 2017/18.
2. Modalidade 2: integración. Itinerario formativo en dúas fases.
a) Fase de integración (100 horas): programa de inmersión total en inglés ou portugués, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá ou Portugal. O profesorado seleccionado integrarase en centros escolares e estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas, no primeiro trimestre do curso 2017/18 e será substituído nos seus centros educativos. No caso do profesorado de formación profesional, o profesorado estará acompañado por un/unha docente dos mesmos módulos cando sexa posible ou por un/unha docente dun módulo afín.
b) Difusión da experiencia adquirida (25 horas). O profesorado participante deberá presentar un plan de difusión, cando menos no seu centro de destino, da experiencia adquirida en Canadá ou Portugal. Do mesmo xeito, deberá presentar unha memoria do desenvolvemento dese plan de difusión, na cal se deberá acreditar todo o plan desenvolvido. Na memoria deberá constar unha proposta didáctica na lingua obxecto de estudo segundo as orientacións do anexo VI que demostre a transferencia á aula dos coñecementos e metodoloxía adquiridos na integración. Tanto o plan como a memoria deberán elaborarse no primeiro trimestre do curso 2017/18.
3. Modalidade 3: cursos. Itinerario formativo en dúas fases.
a) Fase de formación (50 horas): convócanse os seguintes cursos de lingua estranxeira, que se desenvolverán nos meses de xullo e /ou agosto de 2017:
1. Curso de dúas semanas para profesorado especialista de inglés de ensino primario e secundario no Reino Unido.
2. Curso de dúas semanas para profesorado especialista de francés de ensino primario e secundario en Francia.
3. Curso de francés en Francia de dúas semanas de duración para profesorado non especialista de lingua francesa de ensino primario e secundario. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 ou superior en lingua francesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.
4. Curso de portugués en Portugal de dúas semanas de duración para profesorado especialista e non especialista de lingua portuguesa de ensino primario e secundario. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 ou superior de lingua portuguesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.
5. Curso de alemán en Alemaña de dúas semanas de duración para profesorado especialista e non especialista de lingua alemá de ensino primario e secundario. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 ou superior de lingua alemá do Marco común europeo de referencia para as linguas.
b) Fase de elaboración de materiais (25 horas): elaboración de materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo segundo as orientacións do anexo VII, no primeiro trimestre do curso 2017/18.
4. Será necesario que a persoa participante acade unha avaliación positiva en cada unha das fases do itinerario formativo para poder realizar a fase seguinte e, de ser o caso, para obter a certificación.
1. As persoas solicitantes deben ser funcionarios/as de carreira ou funcionarios/as en prácticas dos corpos docentes detallados neste artigo. No caso dos/das funcionarios/as en prácticas, poderán participar nas actividades formativas sempre e cando estas se desenvolvan fóra do período efectivo de prácticas.
2. Na modalidade 1, de inmersión, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:
a) Na actividade 1.1. Profesorado especialista en inglés que estea a impartir a lingua estranxeira en educación infantil ou en educación primaria.
b) Na actividade 1.2. Profesorado de áreas, materias ou módulos non lingüísticos impartidos en inglés (en diante, AICLE/CLIL en inglés) de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato, de formación profesional, ou profesorado de ensinanzas artísticas das ensinanzas de réxime especial, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2 ou superior.
c) Na actividade 1.3. Profesorado AICLE/CLIL en inglés de educación primaria, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2 ou superior.
d) Tamén poderá optar ás prazas das actividades 1.2. e 1.3. o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou de centros plurilingües en lingua inglesa a partir do curso 2017-/18, presentando:
1º. Un compromiso individual e un compromiso do seu centro educativo de participación nalgún dos devanditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do consello escolar, unha vez informado o claustro.
2º. A acreditación da competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa.
O profesorado referido nesta epígrafe poderá ser seleccionado sempre que queden prazas libres, xa que ten prioridade aquel profesorado que estea impartindo docencia CLIL.
e) Na actividade 1.4. O profesorado especialista en educación infantil que teña o seu destino definitivo nun centro plurilingüe e estea impartindo docencia en educación infantil nese centro, que conte coa acreditación da competencia lingüística do nivel B1 ou superior en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.
Terá prioridade para participar nesta actividade o profesorado que acredite un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.
3. Na modalidade 2, de integración, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:
a) Na actividade 2.1. Profesorado de inglés de ensino primario que sexa coordinador de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües.
b) Na actividade 2.2. Profesorado de inglés de ensino secundario que sexa coordinador de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües.
c) Na actividade 2.3. Profesorado AICLE/CLIL en inglés de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües en lingua inglesa. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2 ou superior.
d) Na actividade 2.4. Profesorado AICLE/CLIL en inglés de educación primaria, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües en lingua inglesa. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2 ou superior.
e) Na actividade 2.5. Profesorado que imparta lingua portuguesa no ensino secundario ou profesorado de áreas ou materias non lingüísticas impartidas en portugués (en diante, AICLE/CLIL en portugués) de educación secundaria ou formación profesional, que participe nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües en lingua portuguesa, ou profesorado pertencente ao corpo de ensino secundario que acredite un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do Marco común europeo de referencia para as linguas. Terá prioridade o profesorado que imparta a lingua portuguesa no ensino secundario, así como o profesorado AICLE/CLIL en lingua portuguesa.
4. Na modalidade 3, de cursos, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:
a) Na actividade 3.1. Profesorado especialista de inglés. Para os efectos desta orde enténdese que son especialistas: os/as catedráticos/as e profesores/as de inglés de ensino secundario e os/as catedráticos/as e profesores/as de inglés das EE.OO.II. Así mesmo, poderán participar os/as inspectores/as de educación que teñan como especialidade de orixe lingua estranxeira. Do mesmo xeito, poderán participar os/as mestres/as especialistas de inglés que non estean impartindo inglés en educación infantil ou en educación primaria.
b) Na actividade 3.2. Profesorado especialista de francés. Para os efectos desta convocatoria enténdese que son especialistas: os/as catedráticos/as e profesores/as de francés de ensino secundario, os/as mestres/as de francés e os/as catedráticos/as e profesores/as de francés das EE.OO.II. Así mesmo, poderán participar os/as inspectores/as de educación que teñan como especialidade de orixe lingua estranxeira.
c) Na actividade 3.3, profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa que acredite un nivel B2 ou superior en lingua francesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.
d) Na actividade 3.4, profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa que acredite un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do Marco común europeo de referencia para as linguas. Terá prioridade o profesorado que imparta a lingua portuguesa no ensino secundario, así como o profesorado AICLE/CLIL en lingua portuguesa.
e) Na actividade 3.5, profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa que acredite un nivel B2 ou superior en lingua alemá do Marco común europeo de referencia para as linguas. Terá prioridade o profesorado que imparte lingua alemá no ensino secundario.
f) O profesorado participante nesta modalidade deberá asinar o anexo V, comprometéndose a promover a creación ou mantemento de seccións bilingües ou do programa de centros plurilingües no seu centro de destino e a impartir a súa materia na lingua correspondente.
5. As persoas que participaron nas actividades convocadas pola Orde do 15 de marzo de 2016 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2016 (DOG 29.3.2016), non terán preferencia para participar nas actividades ofertadas, polo que só poderán ser seleccionadas se non se cobren todas as prazas.
6. As persoas participantes en cada unha das modalidades deberán realizar unha proba ao finalizar a actividade realizada no estranxeiro pola que se pioda acreditar, como mínimo, un nivel superior do Marco común europeo de referencia para as linguas ao acreditado no momento de presentación da solicitude de participación na presente convocatoria. No caso de que a través desta proba se acredite un nivel lingüístico superior ao que se tiña acreditado no momento de presentación da solicitude, procederase á actualización de oficio desta circunstancia no expediente de datos persoais da persoa participante. A non realización da dita proba será causa de exclusión en futuras convocatorias de prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE).
Para os efectos desta convocatoria enténdese que os/as catedráticos/as e profesores/as de ensino secundario e os/as catedráticos/as e profesores/as das EE.OO.II. que teñan a especialidade nunha lingua estranxeira, teñen acreditado o nivel C2 na lingua estranxeira na cal teñan a especialidade, e os/as mestres/as que teñan a especialidade nunha lingua estranxeira teñen acreditado o nivel B2 nesa lingua.
O profesorado participante na presente convocatoria que teña acreditado no momento de presentación da solicitude un nivel C2 do Marco común europeo de referencia para as linguas na lingua obxecto de estudo non deberá realizar a proba descrita anteriormente.
O nivel lingüístico alegado para a participación na presente convocatoria deberá ser, en todo caso, o nivel máximo que a persoa solicitante teña acreditado no momento de presentación da solicitude. O incumprimento do establecido neste parágrafo poderá dar lugar á incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario do persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546515
Fax: 981546550
Email: formaes@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
04/05/2017 00:00 - 26/05/2017 23:59
15 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Quedarán excluídas desta convocatoria as persoas solicitantes que teñan concedida no curso 2016/17, ou para o curso 2017/18, licenza por formación outorgada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no anexo III.
b) Certificado, expedido polo secretario ou secretaria do centro, co visto e prace da persoa directora, en que conste a área, materia ou módulo que imparte a persoa solicitante durante o curso académico 2016/17. No caso de que a persoa solicitante sexa coordinadora de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües tamén deberá constar esta circunstancia no certificado.
c) Para o futuro profesorado AICLE/CLIL, a seguinte documentación:
1º. Un compromiso individual e un compromiso do seu centro educativo de participación nalgún dos devanditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do consello escolar, unha vez informado o claustro.
2º. A acreditación da competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa.
d) Acreditación do nivel lingüístico exixido para cada praza ou superior, agás para aquelas persoas que xa teñan recollida esta información no expediente de datos persoais.
e) Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que aleguen. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II. A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que a persoa solicitante incorpore á súa solicitude, poderá efectuarse nos centros de traballo das persoas solicitantes, compulsa que asinará o/a director/a ou secretario/a do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.
Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se aleguen fóra do prazo o que se refire o artigo 6 desta convocatoria.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas que o desexen poderán completar en liña o formulario de solicitude, na páxina web www.edu.xunta.es/piale. As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas solicitantes. Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto coa documentación expresada no artigo 7, por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en adiante, Lei 39/2015, do 1 de outubro).
O modelo de solicitude (anexo I) inclúe unha declaración responsable pola que a persoa solicitante declara que o nivel de coñecemento de linguas estranxeiras do Marco común europeo de referencia para as linguas alegado na solicitude é o nivel máximo que ten acreditado no momento da presentación da solicitude, de acordo co establecido na Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG do 26 de abril) modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG do 7 de xullo).
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 24 de abril de 2017 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2017 (DOG nº 84 do 3 de maio de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano