Guía de procedementos e servizos

BS631A

Subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, confinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 03/06/2017 00:00 - 03/07/2017 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento do réxime de concesión de axudas ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante, e proceder á súa convocatoria para os exercicios 2017 e 2018.

2. Quedan fóra do obxecto das subvencións reguladas nesta orde as actividades e os proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo as dirixidas á prevención das discapacidades, especialmente enfermidade celíaca e fenilcetonuria. Estas actividades e proxectos deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na atención ás persoas e familias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

3. Non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde, aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

Gastos subvencionables.

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos subvencionables para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e realización de actuacións singularizadas:

1º. Gastos directos: terán esta consideración os que a seguir se relacionan, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:

1º.1. Gastos de persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial.

1º.2. Gastos de traballadores/as por conta propia para a realización de actividades de formación.

1º.3. Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.

1º.4. Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.

1º.5. Bolsas por asistencia a acción formativas que non sexan percibidas por persoas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento. Esta restrición non será aplicable ás persoas que formen parte da unidade de convivencia da persoa titular da dita renda.

1º.6. Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.

2º. Gastos de carácter indirecto: terán a dita consideración os que a seguir se relacionan, sempre que non correspondan en exclusiva á actuación subvencionada por ter carácter estrutural pero resulten necesarios para a súa realización:

2º.1. Gastos de persoal.

2º.2. Gastos en material funxible.

2º.3. Gastos de alugamento e mantemento das instalacións, que comprenden os gastos de luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

b) Poderá subvencionarse ata o 80 % dos gastos necesarios para a realización do investimento en centros de inclusión e emerxencia social definidos no artigo 4.1.c) que correspondan de maneira indubitada á operación cofinanciada, e deberán estar debidamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto na presente base reguladora, coas especificidades que se indican nos seguintes puntos.

Serán subvencionables a construción, a ampliación, a reforma e a mellora dos centros, así como a adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas en uso como centros de inclusión e emerxencia social.

Unicamente con respecto ás solicitudes para ampliación da superficie destinada para a atención das persoas usuarias, serán subvencionables as adquisicións de terreos en que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación, ata o límite do 10 % do gasto total subvencionable da operación, de conformidade co artigo 69.3 do Regulamento 1303/2013 e do artigo 7.2 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Estes terreos deberán ser limítrofes, agás no caso de unidades funcionalmente vinculadas ao establecemento principal, as cales, non obstante, deberán estar próximas a este, de tal xeito que a súa utilización permita o desprazamento a pé das persoas usuarias.

En todo caso, o importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles, aspecto que deberá acreditarse mediante certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Non será subvencionable a adquisición de terreos ou de bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao organismo responsable da execución ou a outro organismo ou entidade, directa o indirectamente vinculado ou relacionado con el.

Así mesmo e unicamente con respecto á adquisición de equipamento necesario de adaptación funcional para prestación dos servizos, este poderá ser de segunda man, sempre que conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxación independente.

Só se subvencionará a adquisición ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas cando estean relacionadas coa actividade do centro.

Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto agás o imposto sobre o valor engadido (IVE), cando non sexa recuperable polo solicitante.

A operación para a que se solicite a axuda poderá ter comezado desde o 1 de abril de 2017 pero, de acordo co artigo 65.6 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, para ser subvencionable non poderá ter concluído materialmente na súa totalidade antes da presentación da solicitude de axuda.

2. En todo caso, as actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. As actuacións sinaladas no artigo 4.1.c) deberán cumprir, ademais das normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, citado máis arriba, as normas do Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxetivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de abril de 2017 ao 30 de xuño de 2018. Unicamente para as actuacións de construción, ampliación, reforma e mellora de centros poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual máis aló do 30 de xuño de 2018 e en ningún caso posteriormente ao 30 de novembro do mesmo ano, consonte o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

5. Con respecto ás subvencións establecidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b) non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan fornecidos pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 18.000 €, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

As entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

Obrigas das entidades subvencionadas.

1. As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. En todo caso, as actuacións prestaranse de acordo co establecido na carteira de servizos sociais de inclusión definida no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, en todos os aspectos que sexan de aplicación.

b) Manter de forma separada na contabilidade as axudas percibidas, salvo no caso das subvencións financiadas con fondos comunitarios xustificadas a través da modalidade de custos simplificados en que non é necesario levala.

c) En todo caso, respecto das axudas cofinanciadas con FSE ou Feder deberán conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

d) Os beneficiarios comprométense a asumir a responsabilidade de adoptar as medidas necesarias para facer chegar ao público información sobre as operacións financiadas polo PO FEDER/FSE, de acordo co estipulado no artigo 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. En particular deberán facer constar, en todo tipo de publicidade e información sobre as actuacións realizadas, a condición de subvencionadas pola Consellería de Política Social, de ser o caso, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou Fondo Social Europeo 2014-2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. En todas as medidas de información e comunicación que leven a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio recibido ao proxecto e deberá figurar o emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea, referencia ao Fondo Feder ou FSE que dá apoio ao proxecto e aos lemas dos fondos. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. As características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo deberán axustarse ao establecido nos artigos 3, 4 e 5 do Regulamento (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo.

e) Informar, de ser o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e, de ser o caso, cofinanciadas polo Feder e/ou FSE, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, nos partes de asistencia/participación, nas enquisas de avaliación ou nos certificados de asistencia.

f) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Consellería de Política Social e, se así se require, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020. Así mesmo, deberán realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seralles facilitado o acceso á aplicación Participa 1420. Polo que respecta aos indicadores relativos ás axudas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social, realizarase un reconto global da capacidade máxima de persoas para as cales está deseñado o centro e, no caso de adquisición de equipamento de uso social, farase unha estimación da poboación beneficiaria durante a súa vida útil.

g) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, de ser o caso, estableza a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Inclusión Social. En particular, e coa periodicidade coa que sexa requirida, deberá comunicar á Dirección Xeral de Inclusión Social o cumprimento das accións subvencionadas por parte das persoas participantes, comunicación en que se fará constar toda a información precisa para dar cumprimento aos requirimentos de información asociados aos indicadores de execución e de resultado do FSE. En particular e con respecto ás persoas participantes, solicitará información sobre os indicadores de execución e resultado para FSE. Para a acreditación deste aspecto, a entidade deberá requirir e custodiar unha declaración das persoas participantes ou outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta perante a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta mesma obriga contraerase cos servizos sociais comunitarios de referencia da persoa participante, cando sexa solicitado para o seguimento da súa intervención social.

h) As infraestruturas e os equipamentos subvencionados deberán permanecer destinados ao fin concreto para o cal se concederon por un período de cinco anos, segundo establece o artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, a que se remite o artigo 7 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 22.3.

i) Comunicar as variacións das datas de inicio e remate das actuacións previstas na solicitude, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social, en especial os relativos á subministración de información, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e certificado en que se indique o número estimado da poboación beneficiada para a actuación no período subvencionado pola orde de convocatoria.

j) Controlar a asistencia ás accións formativas e garantir que as persoas propostas para certificación acreditativa da realización dunha acción deste tipo teñan asistido, como mínimo, ao 60 % do total das súas horas.

k) Solicitar, de ser o caso, á Dirección Xeral de Inclusión Social a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas cunha antelación de cinco días á data en que se produzan.

l) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

m) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Inclusión Social, e ás verificacións dos organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, incluídas as visitas sobre o terreo, que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Consello de Contas, polo Tribunal de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

n) Contratar un seguro para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades como os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

o) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

3. No que respecta as obrigas previstas nas alíneas c) e d) de comunicar e informar aos cidadáns de que as actuacións foron subvencionadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou Fondo Social Europeo 2014/20120 e xustificar o cumprimento dos indicadores de comunicación previstos nos programas operativos, a Dirección Xeral de Inclusión Social requirirá proba documental do cumprimento desta obriga, que deberá ser facilitada no prazo de 10 días. O incumprimento desta obriga ou non proporcionar a proba documental nos prazos exixidos poderá supoñer unha minoración da contía total da axuda na forma prevista no artigo 21.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Inclusión Social

Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión

Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes

Edificio Administrativo de San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545615

Fax: 981545638

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Inclusión Social

Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión

Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión

Edificio Administrativo de San Caetano

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545564

Fax: 981545638

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Inclusión Social

Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión

Servizo de Prestacións e Acción Social

Edificio Administrativo de San Caetano. Edificio a Pirámide

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541899

Dirección Xeral de Inclusión Social

Outros procedementos relacionados

PR935A

Axudas de emerxencia social.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59

BS631B

Subvencións a entidades de iniciativa social destinadas ao financiamento de gastos extraordinarios nos centros e programas de inclusión social, ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 04/07/2020 00:00 - 03/08/2020 23:59

BS631C

Subvencións destinadas á adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade por entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 11/10/2022 00:00 - 10/11/2022 23:59

BS631D

Axudas para a creación de novos centros sociais de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, remodelación e adaptación de equipamentos existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de titularidade de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 06/09/2022 00:00 - 05/10/2022 23:59