Guía de procedementos e servizos

ED504B

Actividades de formación en linguas estranxeiras.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 01/02/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2022.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso aos formularios de inicio polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, denomínase como actividades de formación en linguas estranxeiras, co código do procedemento ED504B.

Actividades de formación convocadas

1. As actividades que se convocan, cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso de linguas estranxeiras.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2022, coa excepción das actividades para o 2º curso de bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto, e das actividades de integración, que se desenvolverán no inicio do curso 2022/23.

As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

A Administración reserva para si o dereito de adxudicarlles destino ás persoas seleccionadas atendendo, na medida do posible, ás preferencias indicadas na solicitude.

En último termo, se concorreran circunstancias sanitarias ou doutro tipo que así o aconsellasen, a Consellería podería decidir a cancelación destas actividades de formación, atendendo ás condicións de seguridade e saúde do alumnado participante.

3. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, de acordo coas contías establecidas no anexo IV.

4. O custo total de cada actividade inclúe:

a) Os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos.

b) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

c) Os gastos de docencia e o material escolar.

d) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

e) Os gastos de mantenza e aloxamento.

f) O certificado de realización da actividade.

g) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Servizo de Programas de Formación

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997426

Fax: 981546550

Email: axudasle@edu.xunta.gal

http://www.edu.xunta.es/web

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/02/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

a) Estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2021/22, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2020/21.

c) Ter acadado no curso 2020/21, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensinanza secundaria obrigatoria para as prazas convocadas para o 1º de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de bacharelato.

d) Para as actividades de integración, estar matriculado/a, no curso 2021/22, nun centro da Rede de centros plurilingües.

e) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

f) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g)  Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.

- As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, o que permitirá elixir entre a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente a través dun lugar ou rexistro dos establecidos na norma reguladora do procedemento administrativo común, xerando os documentos en formato Adobe Acrobat correspondentes aos anexos I e II, os mesmos que os obtidos a través da sede electrónica, que a persoa interesada deberá imprimir.

Para a presentación das solicitudes por vía electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso da opción de presentación a través dun lugar ou rexistro dos establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, a solicitude (anexo I) deberá asinala o representante (o pai, a nai ou a persoa que exerce a titoría, no caso de alumnado menor de idade) ou o alumno ou alumna maior de 18 anos solicitante.

Ao mesmo tempo ou posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto co anexo II, debidamente asinado, así como a documentación complementaria necesaria, por calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II.

b) Certificación académica das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2020/21. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro docente co visto e prace da Inspección Educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato, a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro público en que se atope o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.

c) Copia do libro ou libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia, terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos e/ou fillas.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros da unidade familiar:

– Os pais non separados legalmente nin divorciados ou, se é o caso, o titor ou titores do alumnado.

– Os/as fillos/as menores de idade coa excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.

– Os/as fillos/as maiores de idade discapacitados ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

– Os/as fillos/as solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.

– Os proxenitores separados legalmente ou divorciados con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos que teñan en común.

– A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do/da alumno/a, excepto nos casos de custodia compartida.

– Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai ou persoa de situación análoga e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos anteriores.

– Non terá a consideración de membro computable a persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación ou divorcio, excepto no caso de custodia compartida.

Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Cultura, Educación e Universidade poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá ás persoas interesadas a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

No caso de alegarse:

d) Copia da xustificación de separación ou divorcio.

e) Copia da xustificación de viuvez.

f) Copia da xustificación de titoría legal.

g) Certificado de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c) ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Copia da xustificación das alegacións que se fagan constar como outras circunstancias familiares.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) DNI ou do NIE do/a solicitante e da nai, do pai ou do titor ou titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c).

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Ingresos totais da unidade familiar, datos de carácter tributario ou económicos da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) correspondente ao ano 2020.

d) Estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria para subvencións e axudas á nai, ao pai ou ao titor ou titora, ou á persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou ao solicitante, no caso de ser maior de idade.

e) Estar ao día no pagamento coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a nai, o pai ou o titor ou titora ou a persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou o solicitante, no caso de ser maior de idade.

f) Estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social a nai, o pai ou o titor ou titora, ou a persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou o solicitante, no caso de ser maior de idade.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

g) Título de familia numerosa.

h) Discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

i) Situación de pensionista por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou a equivalente de clases pasivas da nai, do pai ou do titor ou titora ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), a través da consulta co Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou anexo II, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).

    • Orde do 6 de xuño de 2022 pola que se modifica o articulado e o anexo IV da Orde do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 113 do 14 de xuño de 2022).

    • Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se resolve a adxudicación das axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.(DOG nº 168 do 5 de setembro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

ED434B

Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.