Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI427A
Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2020 das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución.
Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:
a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.
b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.
2. Cada entidade só poderá solicitar subvención para o desenvolvemento dun dos programas previstos no punto 1 deste artigo.
Así mesmo, non serán subvencionables ao abeiro desta resolución os programas de atención integral dirixidos en exclusiva a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, por contaren cunha convocatoria de axudas específica.
3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI427A Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade.
4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.
5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstas nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións.
Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:
1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.
2. Manter unha pista de auditoría suficiente, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante, polo menos, un período de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ante a Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).
3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
En todo caso, nos espazos de atención ás usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea coa referencia ao Fondo Social Europeo; e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.
Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.
4. Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias ou participantes.
5. Adecuar a metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento e de acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas requiridas a través da aplicación Participa 1420, realizando as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste senso, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.
Os datos dos indicadores de produtividade relativos ás entidades e ás persoas participantes referiranse á situación previa á súa participación no programa dentro do período subvencionable, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización da súa participación nese período. Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.
Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de produtividade e de resultado das persoas participantes na aplicación Participa 1420. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento cos indicadores de produtividade, máis a dos de resultado inmediato de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante e pola persoa responsable do programa, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.
6. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas trataranse pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento, aos organismos financiadores e as entidades colaboradoras na xestión do proxecto. A base lexitimadora do tratamento é o cumprimento dunha misión realizada en interese público, a prestación de asistencia de tipo social e o consentimento das persoas interesadas, que poderán solicitar o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se detalla en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna ás destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, recabando o seu consentimento explícito para o efecto. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigacións.
7. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
8. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
9. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade
Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545351
Email: igualdade@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
04/02/2020 00:00 - 03/03/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).
b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.
c) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.
Presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II: certificación da/do secretaria/o da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e sobre a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
b) Anexo III: memoria descritiva do programa para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante. Na memoria deberá constar a identificación do programa e da persoa ou persoas responsables da súa coordinación e seguimento; o colectivo ou colectivos de mulleres en situación de vulnerabilidade a que vai dirixido; de ser o caso, procedemento de selección; período de realización; localización territorial; tipo de establecemento; xustificación e descrición do programa; obxectivos e necesidades sociais que se pretenden cubrir; descrición e relación das actuacións que inclúe o programa; posto e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa; medios materiais; sistema de avaliación e de seguimento das usuarias; obxectivos e resultados esperados, en particular, os directamente vinculados á mellora das expectativas persoais e na busca de emprego ou da situación laboral das mulleres participantes.
c) Anexo IV: ficha individualizada da/do profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, en que figure o tipo de vinculación coa entidade, o período e o número de horas de traballo efectivo, así como a asignación das funcións e tarefas encomendadas durante o período subvencionable, asinada pola persoa responsable da entidade e polo/a profesional.
Achegarase unha ficha individualizada por cada un/unha dos/das profesionais que desenvolvan ou vaian desenvolver o programa e deberán numerarse co mesmo ordinal con que figure na epígrafe da memoria referente á relación e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa.
d) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
e) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación, ...), certificación da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, especificando respecto de cada unha delas a denominación, o NIF e o número de socias e socios.
f) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición do programa mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Memoria xustificativa do programa subvencionado (Anexo IX)
- Certificación das horas efectivamente traballadas (Anexo VIII)
- Declaración responsable de atoparse ao día no cumprimento de obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración pública da comunidade autónoma (Anexo VII)
- Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade (Anexo VI)
- Solicitude de pagamento (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 10 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as solicitudes de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, convocadas pola Resolución do 13 de decembro de 2019 e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 118 do 17 de xuño de 2020).
-
Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2020).
-
Extracto da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2020).
-
Resolución do 5 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo FSE con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SI427A). (DOG nº 93 do 14 de maio de 2020).
-
Resolución do 13 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 98 do 22 de maio de 2020).
-
Resolución do 22 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía por segunda vez a dotación orzamentaria da Resolución do 13 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 150 do 28 de xullo de 2020).
-
Resolución do 30 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as subvencións previstas na Resolución do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SI427A) (DOG núm. 158, do 7 de agosto de 2020)
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano