Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MT210A
Subvencións a entidades locais asinantes do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable. FEDER 2014 – 2020
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinadas ás entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía (procedemento MT210A), e facer pública a súa convocatoria para o ano 2020.
Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinados ás entidades locais municipais e supramunicipais, así como ás agrupacións de entidades locais, da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. A realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do citado Pacto. Nel tamén se comprometen a ter realizado os ditos plans no prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión da entidade ao Pacto dos alcaldes.
O PACES que se vaia realizar debe conter:
a) Un inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación.
b) Unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.
c) As medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático.
A entidade responsable comprometerase á elaboración, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado informe de acción) sobre a implantación do PACES (anexo I). No caso de entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, esta declaración responsable deberá ser presentada por cada un dos concellos participantes.
2. Unha vez redactado o PACES, este terá que estar aprobado polo Pleno da corporación municipal e correctamente rexistrado, telematicamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina.
3. En caso de entidades locais supramunicipais e de agrupacións de entidades locais, o inventario de emisións deberá ser elaborado por cada un dos concellos participantes, pero a avaliación de riscos e a vulnerabilidade ante o cambio climático deberán ser realizadas para o conxunto dos concellos asociados.
Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais así como as agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Obrigas dos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:
1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.
4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.
6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.
9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
10. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.
11. Segundo o establecido no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.
12. Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.
13. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
San Lázaro
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Email: axudas.cmaot@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
15/05/2020 00:00 - 15/06/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
1. Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais así como as agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:
a) Estar adheridas formalmente ao Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase a adhesión formal cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).
b) Non dispor do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) nin redactado nin aprobado.
No caso das entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, deberán cumprir ambos requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión da entidade incumpridora, podendo continuar o resto das entidades coa súa solicitude.
2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.
3. Unha entidade non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea individualmente e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.
4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.
5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.
2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal, que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.
No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, na epígrafe destinada á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.
4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá achegar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
5. No caso de solicitudes presentadas de forma presencial, requirirase a entidade solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
6. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do enderezo de correo electrónico axudas.cmaot@xunta.gal.
Documentación
1. Para solicitar as axudas que se regulan mediante esta orde, as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais, presentarán a documentación xeral e técnica que se indica a continuación:
a) Acreditación do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
b) Certificación do/da secretario/a do concello en que conste o acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria (anexo II).
c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).
d) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:
1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.
2º. Relación de entidades locais participantes.
3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).
4º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro da agrupación, tendo en conta os importes máximos que constan no artigo 5.
e) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
f) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
g) No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
h) Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
2. Xunto coa documentación establecida no número anterior, deberase remitir unha memoria sobre a realización do PACES que, sen superar as 10 páxinas de extensión, inclúa a información técnica oportuna en relación cos datos e aspectos que se sinalan:
a) Denominación e breve descrición da actuación obxecto de solicitude.
b) Tarefas que se realizarán para a elaboración do PACES.
c) Cronograma e duración da elaboración do PACES, incluíndo o traspaso dos datos na web da oficina do Pacto, así como a entrega dos documentos definitivos, tendo en conta o prazo límite establecido no artigo 17.
d) Orzamento detallado do custo de elaboración do PACES. Estimación do financiamento (importe total da actuación solicitada, fontes e porcentaxe de subvención que se solicita sobre o custo total, se é o caso).
e) A entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable (anexo I) en que se faga constar o seu compromiso de presentación, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado informe de acción) sobre a implantación do PACES. No caso de entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, tal declaración responsable deberá ser presentada por cada un dos concellos participantes.
f) Calquera outra información que se considere de interese.
Comprobación de datos
1. A sinatura da solicitude leva implícita a autorización ao órgano instrutor para, na tramitación deste procedemento, efectuar a consulta automática dos datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
f) Certificado de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Certificado sinalando outras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Publicidade do cofinanciamento comunitario (Anexo III)
- Fase de solicitude
- Certificación (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Un mes
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento e declaración (Anexo IV)
- Solicitude de pagamento anticipado (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 1 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (DOG nº 185 do 11 de setembro de 2020).
-
Corrección de erros. Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (DOG nº 116 do 15 de xuño de 2020).
-
Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (código de procedemento MT210A). (DOG nº 93 do 14 de maio de 2020).
-
Extracto da Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (código de procedemento MT210A). (DOG nº 93 do 14 de maio de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.
Aberto todo o ano
Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.
Aberto todo o ano
Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.
Aberto todo o ano
Solicitude de incorporación/renovación de parcelas para aplicación de produtos do tratamento de lodos de depuradora (PTLD)
Aberto todo o ano