Guía de procedementos e servizos

ED421A

Axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do sistema universitario de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 29/09/2020 00:00 - 28/10/2020 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2020/21 de persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Contía da axuda

1. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2020/21 (DOG núm. 145, do 21 de xullo).

Para os incluídos nos puntos 2 e 3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,80 euros para os dos epígrafes A) e de 591 euros para os dos epígrafes B).

2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito a persoa beneficiaria.

4. A repartición da axuda efectuarase en función dos criterios da avaliación previstos no artigo 12 desta orde ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, de ser o caso.

Persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas no curso 2020/21 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Seguir durante o curso académico os estudos en que se atope matriculada e non anular a matrícula.

e) Concorrer a exame e superar, como mínimo, 30 créditos dos matriculados en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

f) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades antes do 15 de agosto de 2021, unha vez rematado o curso, unha certificación ou extracto do expediente académico dos estudos cursados.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral de Universidades

Subdirección Xeral de Universidades

Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544430

Fax: 981545422

http://www.edu.xunta.es

Secretaría Xeral de Universidades
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

29/09/2020 00:00 - 28/10/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude.

b) Ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

c) Estar matriculado no curso académico 2020/21 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

d) Non estar incluídas nos casos de beneficios e exención total de matrícula previstos nos artigos 11 e 12 do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2020/21 (DOG núm. 145, do 21 de xullo).

e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

 Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1º. DNI ou NIE da persoa solicitante.

2º. DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

3º. Vida laboral dos últimos 12 meses.

4º. Título universitario oficial español que lle dá acceso ao máster.

5º. Certificado da universidade correspondente en que deberá figurar o máster universitario oficial en que está matriculada a persoa solicitante, os créditos matriculados no curso académico 2020/21, excluídos os recoñecidos, validados e adaptados e o importe dos créditos aboados polo/a alumno/a.

6º. Un informe de períodos de inscrición como demandante de emprego expedido pola correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, que determinará o número de días de inscrición ininterrompida ata a data finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7º. Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

8º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

9º. Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberanos realizar electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 16 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/21 (DOG núm. 196 do 28 de setembro de 2020).

    • Extracto da Orde do 16 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/21 (DOG núm. 196 do 28 de setembro de 2020).

    • Orde do 28 de decembro de 2020 pola que se fai pública a resolución da orde de convocatoria das axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/21.(DOG núm. 11 do 19 de xaneiro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED417A

Axudas complementarias do programa comunitario de mobilidade de estudantes "Erasmus+" do SUG

Tramitar en liña

Prazo aberto: 03/01/2026 00:00 - 02/02/2026 23:59

SA655B

Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT100A

Inscrición, depósito documental e certificación da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego do Protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 01/02/2023 00:00 - 03/03/2024 23:59

ED109A

Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59