Guía de procedementos e servizos

TR802H

Programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e da economía social. Programa I: Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 16/02/2017 00:00 - 15/03/2017 23:59

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para realizar actividades de impulso e fomento do cooperativismo e a economía social, a través do seguinte programa de axudas:

Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laboráis.

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas do cooperativismo e a economía social, en concreto das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e da economía social, desenvolvidas no marco da Rede Eusumo.

Actividades e gastos subvencionables.

1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade, incluídas as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

d) Material de oficina e publicacións diversas.

e) Mantemento da páxina web da asociación.

f) Servizos profesionais independentes. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

g) Cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

h) Gastos de participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención. Os gastos de desprazamento e manutención serán subvencionables ata un máximo do 50 %.

2. Como actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, son subvencionables as actividades de carácter informativo, formativo ou de asesoramento para fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. A título orientativo, as actividades poderán consistir en:

a) Organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios e realización de charlas divulgativas e visitas formativas.

b) Actividades organizadas e programadas para o asesoramento a entidades de economía social, emprendedores/as e público en xeral.

c) Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación ou manuais, inéditos, particularmente os que contribúan á potenciación das actividades da Rede Eusumo.

d) Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

e) Realización de procesos formativos de persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos.

f) Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social.

Estas actividades con carácter xeral deben realizarse nas instalacións que conforman a referida rede e integrándose na súa programación nos termos previstos no Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento. Excepcionalmente, poderá autorizarse a súa realización fóra das referidas instalacións, logo de acreditación das razóns que o xustifiquen.

3. Serán subvencionables os custos directos de accións formativas e divulgativas en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos/as, xustificada na forma establecida nesta orde e sempre que, polo menos, o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

Consideraranse custos directos os seguintes:

a) As retribucións do persoal formador interno e externo, incluídos salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de desprazamento, todos os custos imputables ao persoal formador no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das accións formativas.

b) Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro destes, excluídos os xuros, soportados na execución das accións formativas e de xeito proporcional a estas.

c) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das acción formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre formador e participantes.

d) Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os xuros, ou amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas na realización da formación.

e) Gastos de seguro de accidentes das persoas participantes.

f) Gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.

Así mesmo, serán subvencionables os custos indirectos e os gastos correspondentes á organización das actividades, sempre que non superen o 30 % do custo total da actividade realizada e xustificada.

Considéranse custos indirectos e gastos de organización os seguintes:

a) Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

b) Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. No serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

c) Outros custos: electricidade, auga, calefacción, mensaxaría, comunicacións, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.

De conformidade co artigo 29, número 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estes custos serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida na que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. Para as actividades divulgativas e formativas, non serán subvencionables os gastos correspondentes a manutención, tales como servizos de comidas e pausa-café.

O período de execución de accións será o comprendido entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017.

A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Secretaría Xeral de Emprego, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada.

2. Para seren beneficiarias das axudas para a realización das actividades a que se refire o artigo 25, parágrafo 2, as entidades deberán ter formalizada a adhesión á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde.

3. Para seren beneficiarias, as entidades deberán estar ao día no cumprimento das obrigas referidas a depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.

Son obrigas das entidade beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

f) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma coma na súa duración e deberán incluír a imaxe institucional da Xunta de Galicia e da Rede Eusumo, así como lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben mencións realizadas en medios de comunicación.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) As entidades beneficiarias do programa II deberán subscribir o convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para a realización de servizos de asesoramento, información e formación e a utilización da oficina de fomento cooperativo como punto da «Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social», nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Promoción da Economía Social

Edificios Admvos. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545679

Fax: 981957748

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña

Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º - Centro comercial de Elviña

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881582 / 981185893

Fax: 981881581

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo

Ronda da Muralla nº 70 baixo

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294385

Fax: 982294258

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense

Avda. da Habana, nº 79 - 6º

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386196 / 988386839

Fax: 988386838

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo

Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2º

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817008 / 986817016

Fax: 986817010

Servizo de Promoción da Economía Social

Prazo de presentación: PECHADO

16/02/2017 00:00 - 15/03/2017 23:59

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As asociacións de cooperativas, de sociedades laborais, as fundacións e asociacións, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, así como outras entidades sen ánimo de lucro, deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

  • Solicitude segundo o Anexo I desta orde, acompañada da seguinte documentación:

    • Memoria, asinada polo representante legal, de acordo co requirido no artigo 28.a).

    • Relación individualizada dos gastos de funcionamento para os que se solicita a axuda cuantificados económicamente en todos os seus conceptos e co ive desagregado.

    • TC 1 e TC 2 ou documentación equivalente do último mes relativo ao persoal adscrito aos centros de traballo declarados na memoria.

    • Documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de Responsabilidade Social Empresarial.

    • Proposta das actividades para as que se solicita a axuda, de acordo co requirido no artigo 28.e).

    • No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se e o caso, así como relación de entidades sociais debidamente certificadas.

    • Certificación ou documentación análoga que acredite a integración da entidade solicitante nunha entidade de intercooperación se e o caso.

    • No seu caso, declaración relativa aos grupos promotores creados por iniciativa da entidade solicitante e que formalizaron a súa constitución como entidade de economía social no ano inmediatamente anterior, con identificación das súas características, das persoas integrantes e asinada de conformidade por todas elas.

    • Se e o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.

    • Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

  • Os documentos relacionados serán obxecto de consulta electrónica automatizada. No caso de que as persoas interesadas opóñanse a esta consulta, deberán indicalo e achegar devanditos documentos:

    • Acreditación da identidade da entidade solicitante.

    • Acreditación da identidade da persoa representante.

    • Estar ao corrente co pagamento de las obligaciones tributarias con la AEAT.

    • Estar ao corrente co pagamento coa Seguridade Social.

    • Estar ao corrente co pagamento coa Consellería de Facenda.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

    Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a traves da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

  • A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá excepcionalmente solicitar, de xeito motivado, a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

    Os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

    Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a traves de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día e inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2017).

    • Corrección de erros. Orde do 26 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 109 do 9 de xuño de 2017).

Outros procedementos relacionados

PR485A

Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano

TR801A

Cualificación como Centros Especiais de Emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR802F

Situación legal de desemprego de socios/as de Cooperativas de Traballo Asociado.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR802G

Axudas para o fomento do emprendemento en economía social. Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laboráis.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 17/02/2025 00:00 - 16/09/2025 23:59