Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
SA462B - Axudas en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados/as en unidades asistenciais con especialización en drogodependencias.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de programas de incorporación social desenvoltos en vivendas durante os anos 2023 e 2024, segundo a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.
A súa finalidade é apoiar as persoas que seguen un tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma en ámbito residencial.
Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA462B para este procedemento administrativo.
Programas subvencionables .
1. Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.
2. Serán subvencionables os programas de incorporación social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adicción que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación dun trastorno adictivo nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia, que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.
3. O programa e actividades deberán ter un carácter integral e estar deseñados como un proceso continuado, que se iniciará cun diagnóstico global e establecerá un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis axeitadas.
4. As entidades beneficiarias só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.
5. Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de 3 programas ou vivendas.
Gastos subvencionables .
1. Consideraranse gastos subvencionables os que cumpran as seguintes características:
a) Que correspondan exclusivamente aos xerados na realización do programa de apoio social aos procesos terapéuticos.
b) Que, no caso da anualidade 2023, se efectúen desde o 1 de decembro do ano 2022 ata o 30 de novembro do 2023 e sexan efectivamente pagados ata o 30 de novembro do 2023 e, no caso da anualidade 2024 que se efectúen desde o 1 de decembro do ano 2023 ata o 30 de novembro do 2024 e sexan efectivamente pagados ata o 30 de novembro do 2024.
Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
c) Que respondan de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada, e resulten estritamente necesarios.
d) Que teñan a seguinte natureza:
1º. Gastos de persoal: o custo total abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa. Soamente serán subvencionables os gastos do persoal que figure relacionado na memoria da solicitude do programa, e soamente será subvencionable na porcentaxe imputada que se corresponda co número de horas dedicadas ao programa indicado na antedita memoria, excepto que por necesidades debidamente xustificadas sexa necesario modificar esta. Calquera modificación deberá ser comunicada nun prazo máximo de 30 días desde o momento en que se produza. No caso contrario non se aceptará o gasto.
Polo que respecta tanto ao persoal laboral da entidade como ao que estea en réxime de arrendamento de servizos, incluídos os complementos de contía fixa e carácter habitual, será subvencionable o custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.
O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións imputables á execución dos programas estará limitado polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social que se detallan nos convenios colectivos de aplicación en cada caso.
Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional.
2º. Gastos correntes: ata un máximo do 30 % da contía concedida.
a) Gastos correntes de mantemento da vivenda en que se desenvolve o programa.
Os gastos de alugamento, así como os correntes de subministracións (auga, luz...) non poderán ser imputados ao 100 %, agás que se certifique que ese gasto corresponde de xeito exclusivo á realización da actividade do programa subvencionado. No caso contrario soamente se poderá imputar unha porcentaxe proporcional ao custo do desenvolvemento do programa sobre o orzamento da entidade.
b) Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 % do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda. O importe subvencionable de cada axuda de custo ou gasto de viaxe será, como máximo:
Aloxamento: 65,97 €.
Manutención: 37,40 €.
Quilometraxe: 0,19 €/km.
c) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluídos os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do/s programa/s por parte da entidade.
d) Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.
e)Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.
2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrantes das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.
3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
Entidades privadas sen ánimo de lucro.
1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.
b) Ser titular ou responsable dunha vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.
Este recurso deberá estar aberto todos os días do ano, sen excepción.
c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de persoas drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria, achegando as memorias de actividade de cada ano. A dita memoria deberá axustarse ao indicado no artigo 8, alínea c), do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.
d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, para os centros de acollida e inclusión que desenvolven programas de apoio social a procesos terapéuticos, e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
e) Estar autorizada, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.
f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela e comprometerse a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.
2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Subdirección Xeral de Atención Primaria
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881542895
Email: atencion.primaria@sergas.es
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para os anos 2023 e 2024, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 29 do 10 de febreiro de 2023).
Extracto da Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para os anos 2023 e 2024, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 29 do 10 de febreiro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
11/02/2023 00:00 - 10/03/2023 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro
Solicitudes .
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.
Documentación complementaria .
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) A documentación que acredite a representación legal da entidade asinada electronicamente.
b) A copia da escritura de constitución.
c) Os estatutos.
d) A documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante asinada electronicamente.
e) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2022 asinado electronicamente.
f) O certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados, no caso de que o posúan,
g) A copia do regulamento de réxime interno do centro visado polo Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.
h) A acreditación de tratarse dunha entidade de utilidade pública, no caso de que así sexa.
i) O anexo IV de comprobación de datos das persoas responsables ou colaboradoras do programa debidamente cuberto e asinado.
j) A información técnica do programa segundo o anexo II.
k) A memoria técnica do programa segundo o anexo III.
l) A documentación acreditativa de formación específica en terapias de rehabilitación en substancias adictivas do responsable do proxecto e do resto do persoal que participe no programa.
m) Protocolo de actuación en caso de intoxicación por substancias psicótropas asinado electronicamente.
n) Protocolo de prevención do suicidio asinado electronicamente.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recompilados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Atención Primaria, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) O NIF da entidade solicitante.
b) O DNI /NIE da persoa representante da entidade que solicita a subvención.
c) A titulación oficial universitaria e/ou oficial non universitaria da persoa titular da dirección responsable e das persoas profesionais que desenvolven o programa social de apoio aos procesos terapéuticos de rehabilitación de distintas adiccións.
d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria do Estado.
f) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos recadros habilitados no formulario correspondente (anexo I e anexo IV) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Información técnica do programa (anexo II)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Xustificación de gastos (Anexo V)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"