Guía de procedementos e servizos

SA462B

Axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados/as en unidades asistenciais con especialización en drogodependencias.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 29/06/2019 00:00 - 29/07/2019 23:59

Consellería de Sanidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de programas de incorporación social desenvoltos en vivendas segundo a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuíto de Asistencia Sanitaria aos Trastornos Adictivos en Galicia.

A súa finalidade é apoiar as persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma en ámbito residencial.

Gastos subvencionables.

1. Consideraranse gastos subvencionables os que cumpran as seguintes características:

a) Que correspondan exclusivamente aos xerados na realización do programa de apoio social aos procesos terapéuticos.

b) Que se efectúen desde o 1 de decembro do ano 2018 ata o 30 de novembro do 2019 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustáranse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

c) Que respondan de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada, e resulten estritamente necesarios.

d) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos de persoal: contratación de persoal necesario para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social. Terá a dita consideración o persoal que execute funcións inequivocamente relacionadas coa actividade subvencionada.

As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social, referidos a catorce pagas anuais para unha xornada semanal de corenta horas.

Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos correntes: ata un máximo do 30 % da contía concedida.

a) Gastos correntes de mantemento da vivenda en que se desenvolve o programa.

b) Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 % do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda.

c) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do programa/s por parte da entidade.

d) Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

e) Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrantes das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Entidades privadas sen ánimo de lucro.

Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

b) Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o que se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

f) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

g) Manter debidamente actualizados todos aqueles rexistros que sexan precisos para remitir á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, de acordo coa periodicidade que se lle sinale, a información relativa á actividade das persoas usuarias, facendo constar o número de admisións e intervencións realizadas, as actividades realizadas nos dispositivos da asociación, unha relación do número de solicitudes de admisión que lle acheguen e un informe onde conste se foron admitidas ou, se é o caso, rexeitadas, indicando a razón do seu rexeitamento.

h) Comunicar á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal, os gastos derivados destas variacións nos cadros de persoal soamente serán considerandos subvencionables desde a data da comunicación efectiva, non tendo, en ningún caso, carácter retroactivo.

i) Manter actualizados os sistemas de información que estean en funcionamento nos dispositivos.

j) Coordinarse coas unidades asistenciais da rede do Plan de Galicia sobre drogas.

k) Coordinarse con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de trastornos adictivos de Galicia, co fin de asegurar a súa programación homoxénea.

l) Someter á consideración técnica da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera programa ou intervención que, non estando recollido dentro do documento que estableza os instrumentos de planificación en materia de incorporación social de trastornos adictivos, vai poñer en marcha o equipo técnico responsable do desenvolvemento do programa.

Para tal fin, a dirección técnica deste equipo presentará unha descrición do programa que se vai desenvolver e fará constar, como mínimo, a denominación do programa, a xustificación da actuación, a metodoloxía para o seu desenvolvemento, así como unha previsión para o seu desenvolvemento programático: obxectivos xerais e específicos, poboación destinataria, difusión prevista, recursos humanos e materiais, mecanismos de coordinación, detalle de actividades, cronograma, orzamento e avaliación prevista.

m) Axustarse ás disposicións recollidas na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e ás instrucións que o Servizo Galego de Saúde puidese facer nesta materia.

n) Engadir en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consoancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa. Segundo o establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a entidade beneficiaria deberá dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento do programa subvencionado, nos termos regulamentariamente establecidos. En concreto deberán manter no espazo dedicado á realización das actividades, de xeito visible, un cartel coa lenda «Proxecto Cofinanciado» acompañado do logotipo da Xunta de Galicia e do Servizo Galego de Saúde.

ñ) Remitir antes do día 5 de cada mes, a ocupación da vivenda, segundo o anexo VIII. No caso das altas deberase acompañar dos respectivos documentos de derivación das unidades asistenciais de drogas da rede do Plan de Galicia sobre drogas, a que recibe tratamento e seguimento o/a paciente.

o) Cubrir o cadro de indicadores de actividade que remitirá a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial con periodicidade anual.

Xunta de Galicia

Consellería de Sanidade

Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria

Subdirección Xeral de Atención Primaria

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881 541824

Fax: 881542897

Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Prazo de presentación: PECHADO

29/06/2019 00:00 - 29/07/2019 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable dunha vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de persoas drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria, achegando as memorias de actividade de cada ano. A dita memoria deberá axustarse ao indicado no artigo 8 punto c do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, para os centros de acollida e inclusión que desenvolven programas de apoio social a procesos terapéuticos e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Estar autorizada, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación asinada electronicamente.

    • a) A documentación que acredite a representación legal da entidade.

    • b) A copia da escritura de constitución.

    • c) Os estatutos.

    • d) A documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante.

    • e) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2018.

    • f) O certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados, no caso de que o posúan.

    • g) A copia do regulamento de réxime interno do centro visado polo Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

    • h) A acreditación de tratarse dunha entidade de utilidade pública, no caso de que así sexa.

    • i) O anexo IV debidamente cuberto e asinado.

    • j) A información técnica do proxecto segundo o anexo II.

    • k) A memoria técnica do proxecto segundo o anexo III.

    • l) A documentación acreditativa de formación específica en terapias de rehabilitación en sustancias adictivas do responsable do proxecto e do resto do persoal que participe no programa.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) O NIF da entidade solicitante.

  • b) O DNI/NIE da persoa representante da entidade que solicita a subvención.

  • c) A titulación oficial universitaria e/ou oficial non universitaria da persoa titular da dirección responsable e das persoas profesionais que desenvolven o programa social de apoio aos procesos terapéuticos de rehabilitación de distintas adiccións.

  • d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

  • e) O certificado de débedas coa Axencia Tributaria do Estado.

  • f) O certificado de débedas coa Axencia Tributaria de Galicia.

  • g) O certificado de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

  • h) A concesión doutras subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos cadros habilitados no formulario de inicio (anexo I) ou no anexo IV, segundo o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 122 do 28 de xuño de 2019).

    • Extracto da Orde do 17 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 122 do 28 de xuño de 2019).

    • Resolución do 19 de agosto de 2019 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 17 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 180 do 23 de setembro de 2019).

Outros procedementos relacionados

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR513A

Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR514A

Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811B

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59