Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA462B
Axudas en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados/as en unidades asistenciais con especialización en drogodependencias.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social desenvolvidos en vivendas durante o ano 2022, segundo a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.
A súa finalidade é apoiar as persoas que seguen un tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma en ámbito residencial.
Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA462B para este procedemento administrativo.
Programas subvencionables.
1. Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.
2. Serán subvencionables os programas de incorporación social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adicción que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación dun trastorno adictivo nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia, que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.
3. O programa e as actividades deberán ter un carácter integral e estar deseñados como un proceso continuado, iniciaranse cun diagnóstico global e establecerán un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis adecuadas.
4. As entidades beneficiarias só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.
5. Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de tres (3) programas ou vivendas.
Gastos subvencionables.
1. Consideraranse gastos subvencionables os que cumpran as seguintes características:
a) Que correspondan exclusivamente aos xerados na realización do programa de apoio social aos procesos terapéuticos.
b) Que se efectúen desde o 1 de decembro do ano 2021 ata o 30 de novembro de 2022 e sexan efectivamente pagados ata o 30 de novembro de 2022. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior, por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación e a entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
c) Que respondan de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios.
d) Que teñan a seguinte natureza:
1º. Gastos de persoal: o custo total abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa. Soamente serán subvencionables os gastos do persoal que figuren relacionados na memoria da solicitude do programa e soamente serán subvencionables na porcentaxe imputada que se corresponda co número de horas dedicadas ao programa indicado na dita memoria, excepto que por necesidades debidamente xustificadas sexa necesario modificar esta. Calquera modificación deberá ser comunicada nun prazo máximo de trinta (30) días desde o momento en que se produza. No caso contrario, non se aceptará o gasto.
Polo que respecta tanto ao persoal laboral da entidade como a aquel que estea en réxime de arrendamento de servizos, incluídos os complementos de contía fixa e carácter habitual, será subvencionable o custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.
O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións imputables á execución dos programas estará limitado polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social que se detallan nos convenios colectivos de aplicación en cada caso.
Para xornadas inferiores ás corenta horas, realizarase o cálculo proporcional.
2º. Gastos correntes: ata un máximo do 30 % da contía concedida.
a) Gastos correntes de mantemento da vivenda en que se desenvolve o programa.
Os gastos de alugamento, así como os correntes de subministracións (auga, luz...) non poderán ser imputados ao 100 % agás que se certifique que ese gasto corresponde de xeito exclusivo á realización da actividade do programa subvencionado. No caso contrario, soamente se poderá imputar unha porcentaxe proporcional ao custo do desenvolvemento do programa sobre o orzamento da entidade.
b) Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 % do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda. O importe subvencionable de cada axuda de custo ou gasto de viaxe será como máximo:
Aloxamento (65,97 €)
Manutención (37,40 €)
Quilometraxe (0,19 €/km)
c) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluídos os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa adecuada preparación ou execución. Poderanse imputar os derivados de auditorías externas sobre a xestión do/dos programa/s por parte da entidade.
d) Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.
e) Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado, e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa adecuada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.
2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrantes das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.
3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
Entidades privadas sen ánimo de lucro.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Subdirección Xeral de Atención Primaria
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881541824
Fax: 881542897
Prazo de presentación: PECHADO
21/01/2022 00:00 - 21/02/2022 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberase computar de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberanse acreditar os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.
b) Ser titular ou responsable dunha vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.
Este recurso deberá estar aberto todos os días do ano, sen excepción.
c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de persoas drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria, achegando as memorias de actividade de cada ano. A dita memoria deberase axustar ao indicado no artigo 8, letra c), do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.
d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, para os centros de acollida e inclusión que desenvolven programas de apoio social a procesos terapéuticos, e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
e) Estar autorizada, desde dous anos antes da anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.
f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela e comprometerse a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.
2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Todos os requisitos se deberán acreditar na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manter durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) A documentación que acredite a representación legal da entidade, asinada electronicamente.
b) A copia da escritura de constitución.
c) Os estatutos.
d) A documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante, asinada electronicamente.
e) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2021, asinado electronicamente.
f) O certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e do mantemento de sistemas de calidade normalizados, no caso de que o posúan.
g) A copia do regulamento de réxime interno do centro, visado polo Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.
h) A acreditación de tratarse dunha entidade de utilidade pública, no caso de que así sexa.
i) O anexo IV de comprobación de datos das persoas responsables ou colaboradoras do programa, debidamente cuberto e asinado.
j) A información técnica do programa segundo o anexo II.
k) A memoria técnica do programa segundo o anexo III.
l) A documentación acreditativa de formación específica en terapias de rehabilitación en substancias adictivas, do responsable do proxecto e do resto do persoal que participe no programa.
m) Protocolo de actuación en caso de intoxicación por substancias psicotrópicas, asinado electronicamente.
n) Protocolo de prevención do suicidio, asinado electronicamente.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberase comunicar á Subdirección Xeral de Atención Primaria, que poderá demandar da entidade solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) O NIF da entidade solicitante.
b) O DNI/NIE da persoa representante da entidade que solicita a subvención.
c) A titulación oficial universitaria e/ou oficial non universitaria da persoa titular da dirección responsable e das persoas profesionais que desenvolven o programa social de apoio aos procesos terapéuticos de rehabilitación de distintas adiccións.
d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria do Estado.
f) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta doutras subvencións e axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos recadros correspondentes habilitados no formulario correspondente (anexo I e anexo IV) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 13 do 20 de xaneiro de 2022).
-
Extracto da Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 13 do 20 de xaneiro de 2022).
-
Resolución do 17 de marzo de 2022 pola que se publican as subvencións concedidas en virtude da Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 60 do 28 de marzo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.
Aberto todo o ano
Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59