Guía de procedementos e servizos

IN541A

Subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 27/01/2024 00:00 - 26/02/2024 23:59

Consellería de Economía e Industria

A creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións.

Para os efectos destas bases reguladoras, enténdese por viveiro industrial de empresas para os efectos desta orde un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial, en que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

Os proxectos a subvencionar deberán desenvolverse ao longo do ano 2024 e 2025.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Prevense dous tipos de actuacións subvencionables, que se clasificarán nas seguintes liñas:

a) Liña A, correspondente ás axudas para a creación de novos viveiros industriais. Esta liña está dirixida ás actuacións para a construción de novos viveiros industriais de empresas, que deberá incluír espazos habilitados para a implantación de actividades industriais. Unicamente se poderán conceder axudas para a creación de novos viveiros industriais naqueles casos nos que non existan espazos sen utilizar nos viveiros industriais xa existentes ou en construción que se atopen a menos de 30 km, contados en liña recta, desde a localización prevista para o novo viveiro industrial. Co fin de confirmar o cumprimento deste requisito, o concello interesado poderá formular a correspondente consulta á Secretaría Xeral de Industria logo de formular a solicitude de axuda.

b) Liña B, correspondente ás axudas para mellora dos viveiros industriais existentes. Esta liña está dirixida ás actuacións de reforma e/ou dotación de equipamento ou infraestruturas xerais correspondentes a necesidades debidamente xustificadas para os viveiros xa existentes que fosen xa subvencionados dentro das diferentes convocatorias de axudas publicadas pola consellería competente en materia de industria desde o ano 2016, para a creación de viveiros industriais. A solicitude de axuda pode ser para unha actuación que inclúa reforma, dotación de equipamento, dotación de infraestruturas, ou unha combinación das anteriores.

2. Os gastos subvencionables deberán ter sido realizados entre a data da solicitude da axuda e a data de xustificación do investimento, co ritmo previsto no artigo 4.4 destas bases reguladoras, e sen prexuízo do establecido no artigo 17.3.

3. Non se valorarán para os efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos que se refire o artigo 20.8 da presente orde.

6. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que, dentro do seu ámbito territorial e de acordo co obxecto desta orde, realicen investimentos nos parques empresariais existentes, en desenvolvemento ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións no seu termo municipal, dirixidos á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial

Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 (San Lázaro)

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957186/ 981545572

Email: cei.sxai@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal

Teléfono dende o resto do Estado: 981900643

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Prazo de presentación: PECHADO

27/01/2024 00:00 - 26/02/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- O concello debe ser titular das naves industriais ou infraestruturas que conforman o viveiro industrial de empresas.

- Durante o prazo que o viveiro industrial estea operativo, ben sexa novo ou existente, o concello solicitante deberá prestar un servizo de asesoramento, dirixido ás persoas interesadas, en relación á posta en marcha e desenvolvemento de actividades empresariais que poidan implantarse no dito viveiro, así como a colaborar coa Xunta de Galicia nos plans de dinamización dos viveiros industriais, que, se é o caso, esta Administración poña en marcha.

- Non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Só se poderá presentar unha solicitude por concello para a liña A e outra por concello para a liña B.

Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Documento acreditativo da titularidade do concello sobre as naves ou infraestruturas xa existentes que van conformar o novo viveiro industrial de empresas, ou sobre o que se efectuará a reforma ou a dotación de equipamento.

c) Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, expedido con anterioridade ao prazo de presentación da solicitude, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

d) Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver, na cal deben indicarse ademais as coordenadas exactas correspondente ao viveiro industrial novo ou existente, segundo se trate dunha solicitude acollida á liña A ou á liña B.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

e) Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación da letra d) do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha das medicións, prezo unitario e importe. Tanto a desagregación como a descrición das partidas deberá permitir coñecer de maneira inequívoca o alcance e contido das actuacións, co fin de que o órgano instrutor poida determinar se estas son subvencionables.

f) Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

g) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

i) Outra documentación:

– Só para as solicitudes de axuda que apliquen á liña A:

i. Programa de acollemento de empresas (segundo se detalla no artigo 7).

ii. Certificación asinada en que conste a superficie total ocupada en actividades en funcionamento, así como a superficie total ocupada en actividades de carácter industrial en funcionamento (considerando unicamente as actividades indicadas no artigo 7.6.c) destas bases reguladoras), dentro do parque empresarial ou do solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións en que se vai atopar o viveiro industrial, en relación ao criterio 2.1 do artigo 14.2.

– Só para as solicitudes de axuda que apliquen á liña B:

i. Xustificación da necesidade das actuacións que correspondan (reforma, dotación de equipamento ou infraestruturas, ou unha combinación delas) para as que se solicita a axuda, e como se prevé que repercuta na mellora da utilización actual do viveiro industrial.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na cal fose realizada a emenda.

Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presentasen de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello interesado se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (DOG nº 19 do 26 de xaneiro de 2024).

    • Extracto da Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (DOG nº 19 do 26 de xaneiro de 2024).

    • Resolución do 26 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 154 do 9 de agosto de 2024).

    • Orde do 15 de outubro de 2024 pola que se amplía o prazo de xustificación da subvención correspondente á anualidade 2024 establecido na Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (DOG nº 206 do 24 de outubro de 2024).

Outros procedementos relacionados

IN223B

Obtención/renovación do selo de mercado excelente.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN418E

Subvencións para planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas

Prazo aberto: 20/01/2025 09:00 - 15/05/2025 23:59

IN308C

Subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 15/02/2023 00:00 - 03/07/2023 23:59

IN421G

Proxectos de enerxías renovables térmicas.

Prazo pechado: 26/05/2021 00:00 - 25/06/2021 23:59