Guía de procedementos e servizos

IN541A

Subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 27/01/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59

1. Estas bases teñen por obxecto a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións.

2. Os proxectos que se van subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2022 e 2023.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais, co fin de crear un viveiro industrial de empresas. Enténdese por viveiro industrial de empresas, para os efectos desta orde, un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial no cal se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas durante un tempo limitado.

2. As instalacións do viveiro industrial serán de uso exclusivo para as empresas acollidas nel con base no procedemento de selección de empresas que se establece no artigo 7.8.

3. O concello debe ser titular das naves industriais que conforman o viveiro industrial de empresas.

4. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de xustificación do investimento.

5. Non se valorarán para os efectos de investimento os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionables cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

6. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

7. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 20.8 da presente orde.

8. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

9. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

10. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais existentes, en desenvolvemento ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións no seu termo municipal.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial

R/ Avelino Pousa Antelo, 5 (San Lázaro)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957186/ 981545572

Fax: 981957192

http://ceei.xunta.gal

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas

Prazo de presentación: PECHADO

27/01/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por concello.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Documento acreditativo da titularidade do concello sobre as naves xa existentes que van conformar o viveiro industrial de empresas.

c) Acordo do Pleno do concello ou do órgano municipal que posúa a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

d) Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

e) Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación da letra d) do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha delas medición, prezo unitario e importe. Tanto a desagregación como a descrición das partidas deberán permitir coñecer de maneira inequívoca o alcance e contido das actuacións, co fin de que o órgano instrutor poida determinar se son subvencionables.

f) Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

g) Programa de acollemento de empresas (segundo se detalla no artigo 7).

h) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

i) De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia en que se acredite a proposta de habilitación do concello como concello emprendedor-concello Doing Business ou diploma en que se acredita como concello emprendedor-concello Doing Business, expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).

    • Orde do 16 de xuño de 2022 pola que se amplía o crédito da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 121 do 27 de xuño de 2022).

    • Resolución do 22 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 153 do 11 de agosto de 2022).

    • Orde do 6 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 199 do 19 de outubro de 2022).

    • Orde do 27 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 207 do 31 de outubro de 2023).

Outros procedementos relacionados

IN223B

Obtención/renovación do selo de mercado excelente.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN308C

Subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 15/02/2023 00:00 - 03/07/2023 23:59

IN418E

Subvencións para planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas

Prazo pechado: 20/01/2025 09:00 - 15/05/2025 23:59

IN421G

Proxectos de enerxías renovables térmicas.

Prazo pechado: 26/05/2021 00:00 - 25/06/2021 23:59