Guía de procedementos e servizos

VI408K

Participación no programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 17/06/2021 00:00 - 16/07/2021 23:59

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI408K.

2. Así mesmo, mediante esta resolución establécense as bases reguladoras das axudas previstas neste programa.

3. Igualmente, por medio desta resolución ábrese o prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa para a anualidade 2021.

Actuacións subvencionables.

De conformidade co artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, son subvencionables as seguintes actuacións:

1. As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas, sempre que se acade unha redución da demanda enerxética, nos termos establecidos no citado artigo.

2. As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

3. A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

4. A execución das seguintes obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

a) As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como consolidación, pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

b) As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

c) As de mellora da eficiencia ambiental, nas seguintes materias:

– En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable dos escoamentos urbanos, as augas pluviais e residuais e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, considerados eficientes segundo a Directiva 2012/27/UE, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais, conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificacións e en urbanizacións, como de materiais locais, ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as infraestruturas verdes urbanas, como as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

5. As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente demolidos. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

6. As obras de construción de edificios e de vivendas, nos supostos de infravivenda e de chabolismo. Nestes casos, a edificación farase en función das unidades de convivencia residentes e das súas características e non en substitución doutros ou doutras edificacións demolidas, co fin último de posibilitar a súa inclusión social, a través do desfrute dunha vivenda digna nun contexto integrador.

7. Así mesmo, serán subvencionables:

a) O custo dos programas de realoxamento temporal das persoas ocupantes de inmobles que deban ser desaloxadas da súa vivenda habitual ou, de ser o caso, que ocupasen unha infravivenda ou unha chabola, como consecuencia da correspondente actuación. Inclúense tamén as actuacións de acompañamento social integral e individualizado das unidades de convivencia para favorecer a adecuada inclusión de cada un dos seus compoñentes no seu novo contorno.

b) Os gastos de equipamento e das oficinas de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.

Poderán participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) declarada no seu termo municipal. Non obstante, o IGVS poderá establecer limitacións á participación dos concellos respecto das súas ARI que xa obtivesen financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021. De ser o caso, estas limitacións especificaranse na resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación deste programa.

Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Ademais das recollidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

– Realizar a totalidade das actuacións de rehabilitación ou renovación para as cales se concedeu a axuda, de conformidade coa resolución de cualificación provisional.

– Comunicar ao concello correspondente calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

– Someterse ás actuacións de comprobación e inspección durante a vixencia da subvención, así como permitirlle ao concello e/ou ao IGVS realizar as inspeccións e comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, ou polo concello ou o IGVS.

– Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

– Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

– Subministrar ao IGVS, logo de requirimento, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

– As demais que deriven desta resolución e do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Área Central. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541982

Fax: 981541927

Email: sx.igvs@xunta.gal

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Prazo de presentación: PECHADO

17/06/2021 00:00 - 16/07/2021 23:59

Os concellos interesados en participar neste programa no ano 2021 deberán presentar a súa solicitude no prazo dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

1. De conformidade co artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, a materialización da participación no programa terá lugar a través da formalización dun acordo específico entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Comunidade Autónoma de Galicia e o correspondente concello, no cal se establecerá que a devandita Administración local actuará como entidade xestora do programa. O citado acordo fixará o financiamento máximo previsto, as anualidades correspondentes ás achegas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, da Comunidade Autónoma de Galicia e os demais compromisos que deriven deste programa.

2. Nos termos previstos na normativa de subvencións e no convenio entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan 2018-2021, os concellos asumirán as obrigas de publicidade establecidas para potenciar a difusión da información das actuacións deste programa. Esta información constará nos carteis exteriores descritivos das obras de rehabilitación ou renovación e de urbanización, nos cales figurará o importe das subvencións achegadas polas distintas institucións. Tamén deberán figurar carteis nas oficinas municipais de rehabilitación en que se faga constar que as respectivas actuacións son financiadas con achegas das administracións asinantes dos acordos específicos.

3. A convocatoria das subvencións que realice o concello, unha vez asinado o acordo específico, deberá axustarse ás bases reguladoras aprobadas nesta resolución e aos demais requisitos establecidos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

4. A falta de execución das actuacións previstas nos acordos específicos poderá ser tida en conta polo IGVS para os efectos, de ser o caso, da formalización de novos acordos de financiamento ao abeiro deste programa.

Solicitudes de participación.

1. Os concellos que queiran participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria de participación deste programa.

3. Os concellos que teñan varias ARI declaradas no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude para cada unha das áreas que queiran incorporar a este programa.

4. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en quen esta delegue.

5. No formulario de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberanse indicar cales, así como o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade, así como o seu importe.

c) Declaración responsable de que o concello non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas das previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que o concello está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que o concello coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nesta resolución.

f) Declaración responsable de que todos os datos consignados na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

Forma de presentación das solicitudes de participación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. Os concellos deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a participación neste programa e do compromiso do concello de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do correspondente acordo específico.

b) Anexo II, relativo á oficina municipal de rehabilitación, en que se relacionará o persoal adscrito á oficina, os locais, os medios materiais e outros recursos empregados no desenvolvemento das tarefas da oficina municipal de rehabilitación.

c) De ser o caso, certificado da persoa titular da secretaría municipal do concello en que se faga constar que a ARI para a cal se solicita a participación non obtivo financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021 ou, de ser o caso, que se realizou a correspondente convocatoria, así como o grao de execución das actuacións ou do financiamento comprometido, de cada acordo desa ARI, nos termos que se establezan en cada procedemento de apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello interesado, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos nesta resolución e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal do concello.

b) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro/a da persoa representante.

c) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de obrigas coa Seguridade Social e/ou de obrigas tributarias e de non ter débedas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de ter cumprido o deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas de Galicia .

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 3 de xuño de 2021 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018–2021, se establecen as bases reguladoras das súas axudas e se abre o prazo de participación para a anualidade 2021 (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2021).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 106/2018, de 9 de marzo, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 (BOE nº 61 de 10 de marzo de 2018).

Outros procedementos relacionados

VI402B

Programa "Avais para a adquisición de vivenda".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

VI406A

Subvencións do programa de infravivenda.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/01/2025 00:00 - 03/06/2025 23:59

VI406E

Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 08/07/2025 23:59

VI408O

Cualificación provisional para participar no Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e de renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e na ARI da Ribeira Sacra.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2023 00:00 - 28/11/2025 23:59