Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI408K
Participación na prórroga do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013–2016.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Entidades locais
Esta orde ten por obxecto regular as condicións para solicitar a participación na prórroga do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016), así como establecer as súas bases reguladoras, que tamén serán de aplicación ás novas subvencións autonómicas, complementarias das axudas estatais, para as actuacións que se realicen nas áreas de rehabilitación integral (en diante, ARI).
Actuacións subvencionables.
De conformidade co artigo 26 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, son actuacións subvencionables a execución das seguintes obras:
1. Obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente.
2. Obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:
a) As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.
b) As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.
c) As de mellora da eficiencia ambiental nas seguintes materias:
− En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable dos escorrementos urbanos, as augas pluviais e residuais, e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.
– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.
– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificación e en urbanización como de materiais locais ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.
– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.
3. Obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción. Os novos edificios deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.
Así mesmo, serán subvencionables:
4. Os custos dos programas de realoxo temporal dos ocupantes legais de inmobles que deban ser desaloxados da súa vivenda habitual, como consecuencia da correspondente actuación.
5. Os gastos dos equipamentos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.
1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de persoas propietarias, as agrupacións destas comunidades, os consorcios e os entes asociativos de xestión.
2. As persoas e as entidades beneficiarias das axudas deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 6.2 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.
3. Os concellos poderán ser beneficiarios das subvencións previstas para os gastos de mantemento dos equipos técnicos e das oficinas de información e de xestión e as previstas para actuacións de urbanización e reurbanización.
4. Para poder ser beneficiarios das subvencións autonómicas para os gastos de mantemento dos equipos técnicos e das oficinas de información e de xestión, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais de cada exercicio.
5. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou aquelas ás cales se lles revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.
6. Non poderán obter as subvencións deste programa quen se beneficiase, dentro do ámbito da actuación, de axudas do programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013-2016, de conformidade co artigo 28.3 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.
Ademais das recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:
a) Realizar as actuacións de rehabilitación para as cales se conceden as axudas, de conformidade coa resolución de cualificación provisional.
b) Destinar a vivenda a domicilio habitual e permanente da persoa promotora ou persoa inquilina, no suposto de que se destinen ao alugamento, por un prazo de tres anos, de conformidade co artigo 7 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, para o caso de recibir as axudas autonómicas.
c) Comunicar ao concello correspondente calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.
d) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o concello e/ou o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.
e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, ou polo concello ou o IGVS.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g) Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Área Central. Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541982
Fax: 981541927
Email: sx.igvs@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
01/07/2017 00:00 - 31/07/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
1. Todas as actuacións deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.
2. As actuacións deberán axustarse ao proxecto ou a memoria elaborada para a súa execución.
3. No caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario contar co correspondente informe de avaliación, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, así como, de ser o caso, co acordo validamente adoptado pola comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as referido á execución das obras obxecto da solicitude.
4. O prazo máximo de execución da actuación e de xustificación do pagamento das obras será o 31 de decembro de 2018, salvo que o Ministerio de Fomento estableza un prazo diferente.
5. As actuacións protexibles incluirán, para os efectos da determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
6. O custo total subvencionable constituirá o orzamento protexido da actuación e non poderá superar os custos medios do mercado que correspondan a tales actuacións.
As persoas e entidades interesadas, dentro do prazo establecido en cada convocatoria municipal, deberán dirixir a solicitude ao concello onde estea situado o edificio ou a vivenda sobre o cal se vaia a realizar a actuación. Coa solicitude, e só no caso de denegar a súa consulta, deberase xuntar a seguinte documentación:
Datos de identificación da persoa solicitante ou, de ser o caso, da persoa representante.
No caso de que a persoa solicitante sexa unha comunidade de persoas propietarias ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, achegarase ademais:
Documento acreditativo da súa constitución.
Documento acreditativo da representación con que se actúa.
Xustificación da titularidade do edificio.
Acordo da comunidade de persoas propietarias para a execución das obras e para a solicitude da subvención.
Relación de persoas propietarias do edificio, con indicación do DNI ou, de ser o caso, do NIE de cada unha, e a referencia catastral de cada vivenda e local.
Certificación de cada persoa propietaria de estar ao día coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Documentación para acreditar os requisitos previstos no artigo 6 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.
Proxecto ou memoria técnica en que se describan as obras que se van executar e a súa valoración, coa desagregación das partidas, segundo o disposto no artigo 26 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril. O proxecto ou memoria técnica deberá indicar, así mesmo, os datos fundamentais do edificio: situación, número de vivendas e locais, superficie construída sobre rasante, superficie sobre rasante con uso residencial e unha reportaxe fotográfica das obras que se van realizar.
Licenzas e/ou autorizacións necesarias para a execución das obras.
De ser o caso, informe de avaliación dos edificios, conforme co modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Número de identificación fiscal do concello.
b) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa que teña a titularidade da alcaldía, ou da persoa en quen delegue.
c) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de que o concello non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente cadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.
3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.
Os concellos que queiran participar na prórroga do Programa de rexeneración e renovación urbanas deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.
Os concellos que teñan varias ARI declaradas no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude para cada unha das ARI que queiran incorporar a este programa.
A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, o/a alcalde/sa ou a persoa en que este/a delegue.
As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
No modelo de solicitude, a persoa representante do concello realizará as seguintes declaracións respecto das subvencións que poida recibir o concello no marco deste programa:
a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberanse indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que o concello está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que o concello non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para o caso de solicitar as subvencións autonómicas.
d) Declaración de que o concello non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas das previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración de que o concello está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Declaración de que todos os datos consignados na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
Coa solicitude de participación, os concellos deberán achegar un certificado do acordo municipal de solicitar a participación neste programa e do compromiso do concello de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do correspondente acordo específico.
A certificación municipal que debe acompañar a solicitude, así como a demais documentación prevista no número 3 do artigo 5, deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o caso de que algún dos concellos presente esta documentación presencialmente, requiriráselle para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación desta documentación aquela en que fose presentada por vía electrónica.
Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirirlles a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.
No caso de que os documentos que hai que presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido por esta, deberán seguirse, para os efectos da súa presentación, as instrucións que figuran no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano.
Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución: Dous meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se procede a abrir o prazo para solicitar a participación na prórroga do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se establecen as súas bases reguladoras e as das axudas autonómicas previstas para este programa (DOG nº 124 do 30 de xuño de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Programa "Avais para a adquisición de vivenda".
Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59
Subvencións do programa de infravivenda.
Prazo aberto: 27/01/2025 00:00 - 03/06/2025 23:59