Guía de procedementos e servizos

TR357C

Liña I: Axudas para a elaboración e implantación de plans de igualdade.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 07/02/2024 00:00 - 06/03/2024 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e para implantar a igualdade laboral, código de procedemento administrativo (TR357C), adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, código de procedemento administrativo (TR357D), así como implantar sistemas de xestión de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), código de procedemento administrativo (TR357B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Liña I: Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020 de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.

No caso da liña I, as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.

Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea na data da presentación da solicitude. As empresas deberán manter o número mínimo de persoas traballadoras esixido para cada liña durante todo o período establecido no artigo 2. Para a Liña I as empresas beneficiarias non poderán superar o número de 49 persoas traballadoras durante todo o período establecido no artigo 2.

O disposto nesta orde respecto do persoal traballador enténdese aplicable tanto ás persoas traballadoras por conta allea como ás persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado sempre que estean no Réxime Xeral da Seguridade Social.

Para todas as liñas será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade  cando menos do 50% dende o 1 de xaneiro de 2024 e durante todo o período de execución das axudas. Para o cálculo desta porcentaxe só se terán en conta as persoas traballadoras con contratos indefinidos a tempo completo sobre o total dos contratos das persoas traballadoras da empresa.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544615

Email: relacionslaborais.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

07/02/2024 00:00 - 06/03/2024 23:59

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2.  Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. As entidades solicitantes deben atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social para os efectos de subvencións e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración Xeral da Comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

2. No caso da liña I, as solicitantes deberán atoparse nalgún dos supostos seguintes:

a) Empresas que implanten dunha maneira voluntaria un plan de igualdade nos termos esixidos para os plans legalmente obrigatorios.

Para estes efectos, enténdese voluntaria a implantación do plan de acordo co procedemento de  negociación establecido segundo o artigo 5 do Real decreto 901/2020 de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

b) Cando a empresa implante, en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos esixidos para os plans legalmente obrigatorios.

3. No caso de grupo de empresas segundo a definición do artigo 42 do Código de Comercio, ou empresas vinculadas segundo a definición do artigo 18 Lei 27/2014, de 27 de novembro, do imposto sobre sociedades, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa, e soamente se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

4. Así mesmo, non se outorgarán axudas a empresas ou grupos de empresas que xa fosen beneficiarias destas axudas, polas mesmas liñas ou subliñas en convocatorias anteriores, excepto  no recollido no artigo 6 desta orde.

5. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades públicas.

6. Non poderán ser beneficiarias das axudas do suposto d) da Liña I aquelas empresas de consultoría ou asesoría que teñan entre as súas actividades o asesoramento na elaboración e implantación de plans de igualdade ou a formación en igualdade.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (Anexos I, II ou III) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

a) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa dende o 1 de xaneiro de 2024  ata a data de presentación da solicitude.

b) Orzamento detallado dos custos para os que se solicita a subvención emitido por unha entidade experta en igualdade.

c) Copia da escritura de constitución da entidade solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e a representación da persoa que actúa e asina a solicitude.

d) Acreditación da formación e/ou experiencia  da entidade que emite o orzamento.

 A entidade experta que emite o orzamento será a que realizará a diagnose e o plan plan de igualdade e deberá acreditar que cada persoa coa que conta para realizar os plans de igualdade  ten unha formación mínima de 200 horas en coñecementos específicos en xénero, igualdade entre mulleres e homes, integración da perspectiva de xénero, prevención e loita contra a violencia de xénero ou outros estudos de xénero ou unha experiencia mínima de dous anos na elaboración de plans de igualdade.

e) Se a solicitude é para os supostos a) e b) do artigo 6:

-  Acta de constitución da Comisión negociadora do plan de igualdade na que debe acreditarse a representación das persoas traballadoras que formen parte da mesma e a forma de elección.

f) Se a solicitude é só para o suposto b) do artigo 6:

- Copia da diagnose previa da situación da empresa.

g) Se a solicitude é para o suposto c) do artigo 6:

- Número de depósito no Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia (REGCON) de acordo co establecido no artigo 11 do Real decreto 901/2020 de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

h) Se a solicitude é para o suposto d) do artigo 6:

-  Copia do contrato  xunto coa documentación xustificativa da súa formación ou experiencia nesta materia ou compromiso por parte da empresa de que se vai contratar unha persoa experta en igualdade. 

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información  orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Comprobación de datos.

1.  Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que  a persoa interesada se opoña á súa consulta:

DNI/NIE da persoa solicitante

NIF da entidade solicitante

DNI ou NIE da persoa representante

Certificado de  estar ao día do pagamento de obrigas tibutarias coa AEAT

Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social

Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga

Alta no imposto de actividades económicas(IAE), no caso de ser unha persoa autónoma

Concesión de subvencións e axudas.

2.  No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 26 do 6 de febreiro de 2024).

    • Extracto da Orde do 15 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 26 do 6 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 26 de xuño de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se publican as subvencións concedidas en virtude da Orde do 15 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 157 do 14 de agosto de 2024).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano