Guía de procedementos e servizos

IN859A

Convocatoria pola Axencia Galega de Innovación de un posto de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para beneficiarios dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 27/07/2019 00:00 - 12/08/2019 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, dunha praza de investigador/a para beneficiarios de bolsas do European Research Council (ERC) Advanced Grant ou Synergy Grant.

Funcións do persoal investigador.

O traballo que se vai desenvolver consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Persoal investigador distinguido.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Dirección da Axencia Galega de Innovación

Rúa Airas Nunes s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541078

Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

27/07/2019 00:00 - 12/08/2019 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será de quince días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Requisitos dos/as aspirantes.

1. As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Estar en posesión dunha bolsa ERC Advanced Grant ou ERC Synergy Grant.

b) Ter a titulación de doutor/a ou equivalente.

c) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

e) Ter cumpridos os dezaseis anos.

f) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

g) Non estar en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, no cal fose separado/a ou inhabilitado/a.

h) Dispoñer dun compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o/a investigador/a desenvolva a súa actividade nel. Neste compromiso, que deberá ser achegado pola persoa candidata, a institución de acollida comprometerase a asinar un convenio coa Axencia Galega de Innovación segundo establece o artigo 9 do Decreto 64/2016.

2. Os requisitos deberanse cumprir tanto no momento da finalización do prazo de presentación de solicitudes coma no da formalización do contrato.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). No caso de persoas solicitantes estranxeiras, co fin de proceder á solicitude e trámites por medios electrónicos, designarán un representante con sinatura dixital en España. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Esta convocatoria ten por destinatario o persoal investigador con bolsas ERC Advance Grant ou Synergy Grant (SyG). Estas teñen como finalidade apoiar proxectos de investigación na fronteira do coñecemento de calquera temática, xa sexan do mesmo país ou de calquera país do mundo sempre que desenvolvan o traballo nun ou varios dos Estados membros da UE ou dos países asociados.

Polo tanto, de acordo co sinalado polo artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a obrigatoriedade da presentación electrónica de solicitudes xustifícase no colectivo ao cal se dirixe: persoal investigador de recoñecido prestixio nacional e internacional con bolsas do European Research Council (ERC).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo III) a seguinte documentación:

  • a) Para o caso de que a persoa solicitante non teña a nacionalidade española, documento que acredite fidedignamente o cumprimento do requisito sinalado no artigo 5.1, alíneas b), c) e e).

  • b) Certificado médico oficial que acredite o cumprimento do requisito sinalao no artigo 5.1, alínea d).

  • c) Documentación que acredite fidedignamente que está en posesión dunha bolsa ERC Advanced Grant ou ERC Synergy Grant.

  • d) Documentación que acredite fidedignamente o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 5.1, alíneas f), g) e h).

  • e) Currículo normalizado segundo o modelo dispoñible no enderezo gain.xunta.gal (menú axencia-procesos selectivos-2019), xunto cos documentos xustificativos dos méritos alegados que se citen no currículo para a súa valoración. Non obstante, as persoas interesadas poden empregar, se o desexan, os modelos de CVN dispoñibles na Administración xeral do Estado e nas universidades públicas españolas.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • O órgano de selección non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados, nin aqueles adquiridos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O órgano de selección poderá solicitar en calquera momento a presentación da documentación orixinal ou aclaración sobre ela.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

    • a) DNI/NIE da persoa solicitante.

    • b) Títulos universitarios oficiais da persoa solicitante.

    • c) Certificado de residencia con data da última variacion do padrón da persoa solicitante, no caso de residentes en España.

    • d) DNI/NIE da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2016).

    • Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se convoca un posto de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para beneficiarios dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius (DOG nº 141 do 26 de xullo de 2019).

    • Resolución do 28 de outubro de 2019 pola que se resolve o proceso de selección de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para beneficiarios dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius (DOG nº 214 do 11 de novembro de 2019).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR516C

Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560A

Autorización de entidades que imparten cursos de capacitación de persoal que traballa con animais para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA680A

Inscrición de laboratorios que realicen ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED431B

Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG - GPC.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 24/01/2025 00:00 - 24/02/2025 23:59