Guía de procedementos e servizos

IN853A

Axudas para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 08/03/2022 00:00 - 07/04/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación no marco do Programa de unidades mixtas de investigación mediante a seguinte modalidade de axuda:

Modalidade A: axudas para a creación e posta en marcha de novas unidades mixtas de investigación, procedemento IN853A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha ou varias empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e atendendo aos requisitos para cada unha das modalidades de axuda recollidos no artigo 5 desta Resolución, que formen parte dunha unidade mixta de investigación para o desenvolvemento de forma conxunta e coordinada de actividades de I+D+i.

No marco desta resolución, considéranse organismos de investigación os enumerados no artigo 2 desta Resolución.

As empresas poderán ser pequenas, medianas e grandes, segundo as definicións do  Regulamento (UE) nº 651/2014 e contidas no artigo 2 desta convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Área de Xestión

Rúa Airas Nunes, s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541096/ 881999633

Fax: 981957380

Email: xestion.gain@xunta.gal

http://gain.xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Prazo de presentación: PECHADO

08/03/2022 00:00 - 07/04/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Para os efectos desta convocatoria enténdese por unidade mixta de investigación á colaboración entre un organismo de investigación e unha ou varias empresas para o desenvolvemento de liñas de I+D+i de forma coordinada e conxunta e na que se cumpran, atendo á modalidade de axuda que proceda, os seguintes requisitos:

Modalidade A: axudas para a creación e posta en marcha de novas unidades mixtas de investigación (IN853A).

A1. Entidades participantes.

A unidade mixta de investigación estará constituída por un único organismo de investigación e unha única empresa.

Excepcionalmente, poderán formar parte da unidade mixta ata dúas empresas máis sempre que exista unha complementariedade xustificada e unha participación equilibrada co resto de entidades participantes nela.

O organismo de investigación actuará como representante da unidade mixta de investigación ante a Axencia Galega de Innovación, como solicitante da axuda e como único interlocutor con ela.

A2. Áreas/liñas de investigación.

As áreas de investigación das unidades mixtas estarán aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades da RIS3 Galicia. A descrición destes retos e o detalle das súas liñas prioritarias detállase no artigo 2.

Todos os integrantes da unidade mixta poderán participar dos resultados que xera a súa actividade coas condicións e limitacións establecidas polas partes para o efecto.

A3. Acordo de constitución e duración das unidades mixtas.

As unidades mixtas de nova creación acreditaranse mediante un acordo de constitución asinado entre as partes (acordo regulador). A data de sinatura deste acordo non poderá ser anterior á data de presentación da solicitude nin posterior ao prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á data de publicación da correspondente resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia. A data de sinatura deste acordo marcará o inicio do período mínimo de duración de 3 anos da unidade mixta e o inicio da súa actividade.

A4. Localización.

As unidades mixtas estarán situadas en Galicia, cunha localización única, e deberán estar perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan. A maiores desta localización principal, cando sexa preciso, poderán dispor de instalacións satélites para atender o traballo de campo ou laboratorio.

A5. Orzamento subvencionable mínimo da unidade mixta de investigación.

a) O orzamento subvencionable mínimo da unidade mixta deberá ser de 1.800.000 euros para o marco temporal 2022-2025, dividido entre os integrantes da unidade mixta.

b) A participación da/s empresa/s no orzamento da unidade mixta debe ser, como mínimo, dun 40 %.

Para o desenvolvemento das actividades da unidade mixta, esta participación poderá ser mediante a execución con medios propios e/ou mediante achegas monetarias ao organismo de investigación. O importe destas achegas monetarias será destinado integramente polo organismo de investigación ao financiamento en exclusiva das actividades da unidade mixta e non computarán para os efectos da achega do organismo de investigación.

c) A participación do organismo de investigación no orzamento da unidade mixta debe ser, como mínimo, dun 10 %. Tendo en conta que o organismo de investigación será o único perceptor da axuda da Axencia Galega de Innovación, tal e como se especifica no artigo 4 desta convocatoria, a porcentaxe de participación do organismo de investigación no orzamento da unidade mixta calcularase descontando da achega total do organismo de investigación a subvención que este reciba de Gain.

d) Estes requisitos mínimos serán de imprescindible cumprimento no momento da resolución de concesión. No caso de que no momento da finalización da duración da unidade mixta de investigación se comprobe algunha desviación nestes requisitos e sempre que se respecten, como mínimo, os límites sinalados na táboa que segue, a Axencia Galega de Innovación poderá resolver a viabilidade da unidade mixta, despois de estudar as circunstancias que orixinaron o incumprimento destes requisitos mínimos, sempre que un informe técnico avale o correcto desenvolvemento das actuacións previstas e a consecución dos fins para os que se concedeu a subvención.

Importes mínimos.

Orzamento da unidade mixta: Como mínimo, o 60 % do orzamento inicial concedido.

Participación da/s empresa/s: 40 % do orzamento total da unidade mixta.

Participación do organismo de investigación: 10 % do orzamento total da unidade mixta.

Non obstante, aplicaranse a estes supostos as penalizacións e previsións contidas no artigo 33 (gradación dos incumprimentos).

2. Só se financiarán as actividades das unidades mixtas de investigación desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de que as subcontratacións, asistencias técnicas ou colaboracións externas poidan encomendarse a entidades que operen fóra do territorio galego.

Forma, lugar e presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O organismo de investigación, como representante da unidade mixta, presentará unha única solicitude e a información contida nos anexos.

3. Nos formularios de solicitude IN853A (anexo I) e tamén no anexo VI inclúense as seguintes declaracións responsables, relativas a cada un dos membros integrantes da unidade mixta:

1. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2. Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos e que acepta as condicións e obrigas do Programa de unidades mixtas de investigación recollidas nesta resolución.

3. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na devandita declaración no momento en que se produza.

5. Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

6. Declaración responsable de non estar suxeito a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal ou incompatible co mercado común.

7. Declaración responsable de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo das actividades para as que se solicita (efecto incentivador).

8. Declaración responsable de que ten a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir cos obxectivos da unidade mixta para a que se solicita a axuda.

9. Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo da unidade mixta de investigación para o que solicita a axuda.

10. Declaración responsable de que as dependencias da unidade mixta de investigación estarán en Galicia, perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas das entidades que nela participan.

11. Declaración responsable de que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión. Non obstante, a Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

12. Declaración responsable de que, se é o caso, non vai realizar ningunha utilización comercial posterior do prototipo ou proxecto piloto incluído na proposta.

13. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes aos investimentos realizados ao abeiro da convocatoria, e conservará a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de cinco anos.

14. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal ou autonómica de aplicación.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Documentación complementaria.

1. Deberá achegarse xunto coas solicitudes a seguinte documentación complementaria:

a) Declaración responsable de cada un dos membros integrantes da unidade mixta (anexo VI).

b) Declaración responsable da categoría de empresa, peme ou grande empresa (anexo VII). Non obstante, a Axencia Galega de Innovación poderá utilizar os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

c) Para a modalidade A (IN853A):

– Memoria técnica da creación e posta en marcha da unidade mixta de investigación (anexo II), na cal se recollerá toda a información, tanto de carácter científico-técnico como económica do proxecto. Con independencia da información recollida neste anexo, poderase incluír información e documentación complementaria.

– Declaración asinada polas entidades participantes en que manifestan a súa intención de constituír unha unidade mixta de investigación atendendo aos requisitos desta convocatoria e ao contido da memoria técnica indicada no punto anterior. Coa sinatura desta declaración as partes manifestan a súa conformidade coa presentación da solicitude de axuda ao abeiro da presente convocatoria polo organismo de investigación como entidade representante da unidade mixta.

2. Os anexos II, IV, VI e VII estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:

– Certificados de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

6. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que os beneficiarios non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 45 do 7 de marzo de 2022).

    • Extracto da Resolución do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 45 do 7 de marzo de 2022).

    • Resolución do 12 de xullo de 2022 pola que se adxudican as axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, convocadas pola Resolución do 31 de decembro de 2021 (DOG nº 138 do 20 de xullo de 2022).

Outros procedementos relacionados

IN855A

Programa Ignicia proba de concepto.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59

MR516C

Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560A

Autorización de entidades que imparten cursos de capacitación de persoal que traballa con animais para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA680A

Inscrición de laboratorios que realicen ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano