Guía de procedementos e servizos

CT215A

Subvencións a festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 04/02/2023 00:00 - 03/03/2023 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2023, de acordo co establecido na presente orde.

2. Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa Comunidade Autónoma.

3. Os festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais obxecto de subvención deben cumprir cos seguintes requisitos:

– Ter unha duración máxima de seis (6) días, dos cales dous (2) serán consecutivos.

– O orzamento destinado á contratación artística non superará o 50 % do orzamento do proxecto presentado e o importe por actuación non superará en ningún caso os 5.000 €.

– A programación contará, como mínimo, cun 30 % do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e/ou compañías galegas.

– O proxecto obxecto de subvención debe ter un carácter libre e gratuíto para o público asistente.

O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante unha declaración responsable que se xuntará á solicitude (anexo I).

3. Serán subvencionables os proxectos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 2, que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

5. O procedemento de concesión de subvencións regulado na presente orde ten o código CT215A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios específicos, de uso obrigatorio para os interesados.

Gastos subvencionables.

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte.

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais.

d) Premios e galardóns oficiais.

e) Gastos de viaxes, aloxamento e manutención das persoas participantes nas actividades propostas. Estes gastos deberán especificarse motivadamente no orzamento.

2. Os ditos gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023.

3. En ningún caso serán subvencionables:

a) Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

b) Gastos de salarios ou calquera tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora das actuacións.

c) Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

d) Gastos protocolarios.

e) Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

f) Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos será resolta pola Dirección Xeral de Cultura por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:

a) Institucións sen ánimo de lucro.

b) Entidades locais.

As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Cultura

Servizo de Promoción da Cultura

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544856/ 881999782

Email: axudas.cultura@xunta.gal

Dirección Xeral de Cultura

Prazo de presentación: PECHADO

04/02/2023 00:00 - 03/03/2023 23:59

As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas, deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

As entidades ao abeiro desta orde, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable, deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Requisitos aplicables a todas as entidades:

Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de agrupacións ou asociacións de concellos todos os concellos agrupados ou asociados deberán cumprir os requisitos anteriores, polo que o incumprimento por parte de algún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.

Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nas epígrafes anteriores realizarase mediante declaración responsable, a través do anexo I de solicitude.

2. Requisitos específicos aplicables ás institucións sen ánimo de lucro:

a) Ademais dos requisitos establecidos no número 2.1 deste artigo, as institucións sen fin de lucro deben reunir os seguintes requisitos específicos:

– Ter representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Ter como obxecto social o fomento e dinamización da cultura galega.

– Desenvolver a maior parte das súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes institucións sen fin de lucro:

– Entidades ou asociacións que pertenzan ao ámbito educativo.

– Asociacións ou federacións de veciños e da terceira idade.

b) As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Requisitos específicos aplicables ás entidades locais:

a) As entidades locais deberán cumprir co requisito de ter remitido as contas do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, deberán cumprir con este requisito todos os concellos integrantes.

b) As agrupacións ou asociacións de concellos deberán xestionar o servizo de forma conxunta e supoñer un aforro de custos respecto dos que implicaría a prestación individual; no caso de mancomunidades e consorcios locais deberá acreditarse que as actuacións se prestan de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supoñen actuacións illadas ou independentes.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de participación para estas axudas deberán respectar as seguintes condicións:

a) Para as institucións sen fin de lucro, cada entidade só poderá presentar unha única solicitude cun único proxecto.

b) Para as entidades locais, cada entidade poderá presentar unha única solicitude, ben sexa individual ou a través da xestión compartida, a cal debe corresponderse co proxecto do mesmo evento cultural de carácter afeccionado.

No caso de xestión compartida mediante agrupación de concellos, a solicitude presentada pola agrupación corresponderase co proxecto do mesmo evento cultural de carácter afeccionado para cada un dos concellos agrupados.

Ningún concello poderá figurar simultaneamente en solicitude de xestión individual e compartida. O incumprimento desta medida dará lugar á inadmisión da solicitude individual e considerarase efectiva a solicitude de xestión compartida.

c) Cando o órgano tramitador observe que unha institución sen ánimo de lucro participa en máis dunha solicitude; ou, no caso de entidades locais, cando unha entidade local participa en máis dunha solicitude a nivel individual ou en máis dunha solicitude a nivel de xestión compartida, poñerao de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo; de non o facer, non se admitirá ningunha das solicitudes presentadas.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Documentación xeral:

a) Certificado de acordo de solicitude da axuda, que deberá recoller a aceptación das condicións e requisitos establecidos na orde, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

O certificado irá asinado electronicamente polo órgano competente da entidade solicitante. No caso de agrupacións de concellos, a certificación será asinada polo/a secretario/a da entidade representante, na cal se fagan constar os anteriores preceptos con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación.

b) Declaración responsable de que o proxecto para o cal se solicita a subvención cumpre cos requisitos establecidos no artigo 1.3 da orde.

c) Remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario 2021. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de agrupacións de concellos, deberán cumprir con este requisito todos os concellos integrantes da agrupación.

d) No caso de fundacións, acreditación de atoparse ao día no cumprimento das obrigas de presentación das contas do padroado, de acordo coa normativa específica que rexa a entidade.

e) Acreditación da representación da persoa que asina a solicitude en nome da entidade.

f) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

1.2. Documentación específica.

a) Ficha do proxecto (anexo II).

b) Memoria da traxectoria e interese cultural e artístico do evento en edicións anteriores, que deberá abordar, conforme o establecido no artigo 14.1.A, os seguintes aspectos:

– Antigüidade do evento.

– Premios e recoñecementos acreditados.

– Asistencia de público, con achega de datos de participación presencial.

– Calidade das programacións, facendo explícitos os seus aspectos innovadores e creativos.

– Repercusión nos medios de comunicación e no territorio.

A memoria deberá ter unha extensión mínima de dúas páxinas e máxima de doce a dobre cara co seguinte formato: letra Arial tamaño 12, entreliñado sinxelo, aliñación xustificada e marxes de 2 cm.

c) Memoria completa e detallada do proxecto que se vai realizar, que deberá abordar, conforme o establecido no artigo 14.1.B, os seguintes aspectos:

– Interese, singularidade e relevancia artística e cultural da edición.

– Contribución e estratexias de captación ou creación de novos públicos.

– Programación de actividades culturais complementarias vinculadas ao proxecto presentado.

– Plan de comunicación.

– Repercusión territorial.

– Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas, o establecemento do uso da lingua non suporá un límite ao establecemento ou prestación das actuacións.

A memoria deberá expoñer con claridade o carácter musical ou escénico do proxecto e concretará os obxectivos que se perseguen, os resultados esperados, así como a temporización e localización do evento.

A memoria deberá ter unha extensión mínima de dúas páxinas e máxima de doce a dobre cara co seguinte formato: letra Arial tamaño 12, entreliñado sinxelo, aliñación xustificada e marxes de 2 cm.

d) Memoria de aforro de custos estimado respecto á realización das actuacións ou proxecto de forma individualizada (no caso de agrupación ou asociación de concellos).

e) Convenio de colaboración ou instrumento xurídico que regule a agrupación ou asociación.

2. Sen prexuízo de todo o anterior, a entidade solicitante poderá achegar calquera outra documentación que entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude; así mesmo, a unidade tramitadora das subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que considere pertinente.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá requirir as entidades solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación do procedemento.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• NIF da entidade solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

• Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

• Consulta de concesións de subvencións e axudas.

• Consulta de concesións pola regra de minimis.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, consultaranse os documentos sinalados para cada un dos concellos integrantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 24 do 3 de febreiro de 2023).

    • Extracto da Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 24 do 3 de febreiro de 2023).

    • Corrección de erros. Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 15 de xuño de 2023 pola que se realiza unha redistribución entre créditos orzamentarios para a concesión das axudas recollidas na Orde do 12 de xaneiro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e a entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 118 do 22 de xuño de 2023).

    • Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 12 de xaneiro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 24, do 3 de febreiro), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 125 do 3 de xullo de 2023)

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT211B

Subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/03/2025 00:00 - 10/04/2025 23:59