Guía de procedementos e servizos

CT215A

Subvencións a festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 29/03/2018 00:00 - 30/04/2018 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT215A).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Os programas e actividades culturais obxecto da presente convocatoria terán un carácter libre e gratuito para o público asistente.

Quedan excluídas do obxecto desta convocatoria as seguintes actividades:

– As programacións culturais de carácter xeral.

– Os cursos e actividades de formación e divulgación, como talleres, seminarios, conferencias, encontros ou similares.

– Os proxectos de carácter exclusivamente académicos ou gremiais e os actos conmemorativos.

– Os premios e as galas.

– As actividades internas das entidades, dirixidas a un público propio.

– As actividades lúdico-deportivas.

– As festas patronais.

– As feiras sectoriais.

– As actividades de promoción turística.

Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación da orde.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Gastos subvencionables.

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos correntes que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto, así como os gastos de difusión e publicidade en calquera soporte, en que se fará constar o logotipo da Xunta de Galicia seguindo as súas normas de identidade corporativa, aluguer de espazos, servizos e equipamentos técnicos, cachés dos grupos e compañías, así como os gastos de viaxe e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Investimentos ou adquisición de material ou equipos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

d) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Dentro dos límites orzamentarios, de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, sempre que as actividades se axusten ao obxecto desta convocatoria e se cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, poderán acceder a estas axudas:

a) As institucións sen fin de lucro que reúnan os seguintes requisitos:

– Teñan representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Teñan como obxecto social o fomento e dinamización da cultura galega.

– Desenvolvan a maior parte das súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, non poderán ser beneficiarias da axuda as seguintes institucións sen fin de lucro:

– Entidades ou asociacións que pertencen ao ámbito educativo.

– Asociacións ou federacións de veciños, e da terceira idade.

b) As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do evento, e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que as actividades se prestan de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que en todo caso non supón unha actuación illada ou independente.

Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, estarán obrigados a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Os beneficiarios deberán dar cumprimento as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Vicesecretaría Xeral

Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo

Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544805 / 981544882

Email: subdireccion.bibliotecas@xunta.gal

Dirección Xeral de Cultura

Prazo de presentación: PECHADO

29/03/2018 00:00 - 30/04/2018 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

- As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

- Non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

- Cada solicitante só poderá presentar un único proxecto, e cada proxecto só poderá ter un único solicitante.

  • As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1. Documentación común:

1.1. Entidades locais e agrupacións de concellos:

  • a) Anexo I cuberto.

1.2. Entidades sen fin de lucro:

  • a) Anexo I cuberto.

  • b) Certificado do acordo de solicitude da axuda.

  • c) Acreditación da representación da persoa que a asine en nome da entidade.

  • d) Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

2. Documentación específica requirida:

2.1. Ficha do proxecto (anexo II).

2.2. Memoria da traxectoria e interese cultural e artístico do evento en edicións anteriores, que deberá abordar os seguintes aspectos:

  • 2.2.1. Antigüidade do evento.

  • 2.2.2. Premios e recoñecementos acreditados.

  • 2.2.3. Asistencia de público, achegando datos de participación presencial.

  • 2.2.4. Calidade das programacións, facendo explícitos os seus aspectos innovadores e creativos.

  • 2.2.5. Repercusión nos medios de comunicación e no territorio.

2.3. Memoria completa e detallada do proxecto que vai realizar, que inclúa separadamente as seguintes partes:

  • 2.3.1. Interese, singularidade e relevancia artística e cultural da edición.

  • 2.3.2. Contribución e estratexias de captación ou creación de novos públicos.

  • 2.3.3. Programación de actividades culturais complementarias vinculadas ao proxecto presentado.

  • 2.3.4. Plan de comunicación.

  • 2.3.5. Repercusión territorial.

  • 2.3.6. Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas, presenza do galego na realización da actividade e na súa difusión,

2.4. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais: memoria de aforro de custos respecto á presentada de modo individual.

2.5. Para entidades locais, acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

A documentación específica requirida neste punto poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. No caso de que se inclúan fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

2.6. Acreditación do carácter libre e gratuíto do evento, mediante a presentación dunha declaración responsable do órgano competente da entidade.

2.7. No caso de que as entidades sen ánimo de lucro se correspondan con fundacións, será requisito indispensable para a concesión da axuda a acreditación de atoparse ao día no cumprimento das obrigas de presentación das contas do padroado, de acordo coa normativa específica que rixa a entidade.

Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

  • Documentación complementaria.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para este efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos presentados de forma electrónica superara os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  •  Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • NIF da entidade solicitante.

  • DNI/NIE da persoa representante.

  • Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

  • Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que alguna circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 62 do 28 de marzo de 2018).

    • Extracto da Orde do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 62 do 28 de marzo de 2018).

    • Resolución do 20 de xullo de 2018 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao finaciamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 147 do 2 de agosto de 2018)

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111B

Proposta de eliminación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano