Guía de procedementos e servizos

CT207B

Subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 26/06/2021 00:00 - 26/07/2021 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que contribúa a asegurar a madureza dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207B).

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base quinta, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2021 e 2022.

Modalidades.

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries).

b) Desenvolvemento de proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV).

c) Desenvolvemento de proxectos de documental para cine e televisión.

d) Desenvolvemento de proxectos piloto de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

2. Para os efectos das presentes bases, terase en conta o seguinte:

– Consideraranse longametraxes cinematográficas (ficción, animación e documental) aqueles proxectos dunha duración de sesenta minutos ou superior.

– Os proxectos de documental para televisión deberán corresponder a unha duración mínima de 50 minutos e conter un marcado potencial de internacionalización.

– No caso de series de ficción para TV, os proxectos corresponderanse con primeiras temporadas de carácter autoconclusivo e estarán planeados para un máximo de 10 capítulos.

– Consideraranse miniseries de ficción para TV aqueles proxectos dun mínimo de dous capítulos de polo menos 50 minutos de duración cada un.

– Os proxectos de series de animación para TV deberán estar deseñados para ter unha duración mínima global de 80 minutos e corresponderanse cunha primeira temporada de carácter autoconclusivo.

– O director e o guionista serán considerados noveis cando no seu currículo profesional non figuren obras realizadas que se correspondan coa categoría a que se presenta a solicitude.

3. O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar o total do importe do orzamento subvencionable.

4. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por solicitante.

Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades.

Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

5. En todos os casos, o importe que haberá que xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto de desenvolvemento.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda nas cláusulas que seguen.

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima dun ano (epígrafe IAE 9611) no momento da publicación da convocatoria, e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin que, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web, farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22. Se a obra resultante chegase a ter axuda posterior á produción por parte da Xunta de Galicia, bastará que esta información figure nun único cartón.

4. No caso dos pilotos de series de animación e formatos de programas de TV, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

5. O beneficiario en ningún caso poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

26/06/2021 00:00 - 26/07/2021 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Para os efectos da presente convocatoria, os beneficiarios deberán ter un contrato cun director/ou guionista para desenvolver algunha das modalidades de proxecto na base quinta; quedan excluídas as agrupacións de interese económico.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 do presente artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, de ser o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. Ademais, achegarase ordenadamente, segundo se detalla, a seguinte documentación técnica:

2.1. Documentación relativa á empresa, na cal deberá constar:

2.1.1. Historial creativo, profesional da empresa produtora. No caso de compañías de recente creación, historial da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

2.1.2. Documentación que acredite a traxectoria das obras realizadas pola empresa e que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude, de ser o caso, en canto a: presenza en festivais nacionais e internacionais de prestixio, distribución en salas, vendas internacionais, repercusión en televisión. Se se trata de compañías de recente creación, traxectoria nese aspecto da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

2.2. Documentación relativa ao proxecto, que deberá conter:

2.2.1. Acordo asinado co guionista e/ou director para a realización das tarefas de desenvolvemento.

2.2.2. Datos identificativos do proxecto.

2.2.3. Copia da documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

2.2.4. Información sobre a obra audiovisual proposta, intencións artísticas e público obxectivo e orzamento global de produción estimado.

2.2.5. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

2.2.6. Guión ou, de ser o caso, tratamento secuencial do proxecto de non menos de 20 páxinas

2.2.7. Currículo e historial profesional do guionista e do director propostos en que se deberán detallar os traballos audiovisuais previos, especificando aqueles que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude.

2.2.8. Estratexia de desenvolvemento, cronograma do proceso de desenvolvemento e calendario desagregado de gasto para a execución.

2.2.9. Orzamento dos traballos de desenvolvemento para o cal se solicita a subvención, segundo o modelo que figura no anexo II destas bases.

2.2.10. Relación e currículo dos profesionais e/ou empresas propostas para levar a cabo os traballos de desenvolvemento obxecto da subvención, de ser o caso.

2.3. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto

3. As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:

3.1. Declaración responsable de ser empresa de produción independente, así como de ter sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia, de conformidade coa cláusula cuarta.

3.2. Declaración en que consten as obras realizadas pola empresa solicitante ou, de ser o caso, produtor executivo, que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude e cumpran algunha das seguintes condicións: presenza en festivais ou outros certames nacionais e internacionais de prestixio, distribución nacional, vendas internacionais e/ou repercusión en televisión.

3.3. Declaración en que consten as obras realizadas polo director proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

3.4. Declaración en que consten as obras realizadas polo guionista proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

3.5. Declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do director proposto, de ser o caso.

3.6. Declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do guionista proposto, de ser o caso.

3.7. Compromiso en que figuren os nomes das mulleres que desempeñarán os postos de directora, guionista e produtora executiva, de ser o caso.

3.8. Declaración relativa á condición de novel do guionista e/ou do director, segundo a consideración das presentes bases.

3.9. Declaración en que consten os proxectos rematados pola empresa solicitante nos últimos catro anos e que recibisen previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic ou da Xunta de Galicia.

3.10. De ser o caso, declaración responsable de que o guión proposto tivo subvención da Agadic á creación audiovisual.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 120 do 25 de xuño de 2021).

    • Extracto da Resolución do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 120 do 25 de xuño de 2021).

    • Corrección de erros. Resolución do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 130 do 9 de xullo de 2021).

    • Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111B

Proposta de eliminación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano