Guía de procedementos e servizos

CT207B

Subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 29/05/2018 00:00 - 28/06/2018 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que contribúa a asegurar a madureza dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2018 (código de procedemento CT207B).

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base seguinte, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2018 e 2019.

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. E supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 11 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Modalidades.

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries).

b) Desenvolvemento de proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV).

c) Desenvolvemento de proxectos de documental para cine e televisión.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

2. Para os efectos das presentes bases, terase en conta o seguinte:

• Consideraranse longametraxes cinematográficas (ficción, animación e documental) aqueles proxectos dunha duración de sesenta minutos ou superior.

• Os proxectos de documental para televisión deberán ter unha duración mínima de 50 minutos e conter un marcado potencial de internacionalización.

• No caso de series de ficción para TV os proxectos corresponderanse con primeiras tempadas e estarán planeados para unha duración máxima global de 400 minutos.

• Consideraranse miniseries de ficción para TV aqueles proxectos dun mínimo de dous capítulos de polo menos 50 minutos de duración cada un.

• Os proxectos de series de animación para TV deberán ter unha duración mínima global de 130 minutos.

• O director e o guionista serán considerados noveis cando no seu currículo profesional non figuren obras que se correspondan coa categoría a que se presenta a solicitude.

3. O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar o 75 % do importe subvencionable.

4. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por solicitante. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

5. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto de desenvolvemento.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n). Para os efectos da presente convocatoria, quedan excluídas as agrupacións de interese económico.

Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web... farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

4. No caso dos pilotos de series de animación e formatos de programas de TV, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077 / 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

29/05/2018 00:00 - 28/06/2018 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Os beneficiarios deberán ter un contrato cun director e/ou un guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados na base terceira.

- Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 da base segunda desta orde deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, de ser o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

  • Ademais da solicitude (anexo I), as interesadas nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

    • Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

    • Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

    • Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

  • Ademais achegarase ordenadamente, segundo se detalla, a seguinte documentación técnica:

Documentación relativa á empresa, en que deberá constar:

  • a) Historial creativo, profesional da empresa produtora. No caso de compañías de recente creación, historial da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

  • b) De ser o caso, documentación que acredite a traxectoria das obras realizadas pola empresa en canto a: presenza en festivais nacionais e internacionais, distribución en salas, vendas internacionais, repercusión en televisión. Se se trata de compañías de recente creación, traxectoria nese aspecto da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

Documentación relativa ao proxecto, que deberá conter:

  • a) Acordo asinado co guionista e/ou director para a realización das tarefas de desenvolvemento.

  • b) Datos identificativos do proxecto.

  • c) Documentación compulsada ou cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

  • d) Información sobre o tipo de proxecto, intencións artísticas e público obxectivo.

  • e) Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

  • f) Guión ou, de ser o caso, tratamento secuencial do proxecto de non menos de 20 páxinas.

  • g) Currícuo e historial profesional do guionista e do director propostos en que se deberán detallar os traballos audiovisuais previos, especificando aqueles que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude.

  • h) Cronograma do proceso de desenvolvemento e calendario desagregado de gasto para a execución.

  • i) Orzamento dos traballos de desenvolvemento para o que se solicita a subvención segundo o modelo que figura no anexo II destas bases.

  • j) Orzamento estimado da produción audiovisual.

  • k) De ser o caso, relación e currículo dos profesionais e/ou empresas propostas para levar a cabo os traballos de desenvolvemento obxecto da subvención.

  • As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:

    • a) Declaración responsable de ser empresa de produción independente, así como de ter sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia, de conformidade coa cláusula segunda.

    • b) Declaración en que consten as obras realizadas pola empresa solicitante ou, de ser o caso, produtor executivo, que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

    • c) Declaración en que consten as obras realizadas polo director proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

    • d) Declaración en que consten as obras realizadas polo guionista proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

    • e) De ser o caso, declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do director proposto.

    • f) De ser o caso, declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do guionista proposto.

    • g) De ser o caso, compromiso en que figuren os nomes das mulleres que desempeñarán os postos de directora, guionista e produtora executiva.

    • h) Declaración relativa á condición de novel do guionista e/ou do director, segundo a consideración das presentes bases.

    • i) Declaración en que consten os proxectos rematados pola empresa solicitante nos últimos catro anos e que recibisen previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic ou da Xunta de Galicia.

    • j) De ser o caso, declaración responsable de que que o guión proposto tivo subvención da Agadic á creación audiovisual con posterioridade ao ano 2013.

    • k) Declaración en que se especifique a lingua orixinal da futura obra audiovisual.

    • l) Declaración na que se especifique si se realizará “teaser” do proxecto.

  • Calquera outra documentación que o solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supera os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • DNI ou NIE da persoa solicitante.

  • NIF da persoa xurídica solicitante.

  • DNI ou NIE da persoa representante.

  • Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

  • Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

  • Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes delas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 14 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 100 do 28 de maio de 2018).

    • Extracto da Resolución do 14 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 100 do 28 de maio de 2018).

    • Corrección de erros. Resolución do 14 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 104 do 1 de xuño de 2018).

    • Corrección de erros. Resolución do 14 de maio de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 175 do 13 de setembro de 2018).

    • Resolución do 22 de xaneiro de 2019 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2018 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2019).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT102A

Autorización de actuación arqueolóxica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111A

Proposta de avaliación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111B

Proposta de eliminación de documentos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano