Guía de procedementos e servizos

PR770N

Bolsas de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias e en formación profesional en asuntos relacionados coa Unión Europea.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 29/12/2017 00:00 - 29/01/2018 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a concesión de seis bolsas de formación práctica, cinco dirixidas a persoas licenciadas ou posuidoras de grao universitario e unha dirixida a persoas técnicas superiores de formación profesional en Secretariado ou Asistencia á dirección, para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas durante o ano 2018.

As bolsas distribuiranse da seguinte maneira:

1. Catro (4) bolsas estarán destinadas a persoas tituladas universitarias para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina da FGE de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.

As persoas aspirantes expresarán na solicitude de admisión da convocatoria a súa preferencia polo lugar de desenvolvemento das bolsas. Esta preferencia terase en conta, sen prexuízo da potestade da FGE de valorar a idoneidade das persoas beneficiarias para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica.

2. Unha (1) bolsa estará destinada a persoas tituladas universitarias para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. As persoas candidatas a esta bolsa deberán estar en posesión do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

3. Unha (1) bolsa estará destinada a persoas técnicas superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas que deberán estar en posesión da titulación de Técnica/o superior en Secretariado ou en Asistencia á dirección.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2018 cunha duración máxima de 11 meses, contados dende a data da incorporación das persoas bolseiras.

Para poder ser beneficiario das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

As persoas aspirantes só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa.

O obxectivo da bolsa é que as persoas beneficiarias afonden no coñecemento da UE realizando prácticas de aprendizaxe e familiarizándose co funcionamento das súas institucións, das políticas comunitarias, do marco financeiro e dos diversos programas de cooperación nomeadamente naqueles sectores máis vinculados con Galicia, co fin de favorecer o seu acceso ao mercado laboral, ademais de ofrecerlles a posibilidade de integrarse nun contorno multicultural e multilingüe.

Persoas licenciadas ou posuidoras de grao universitario e persoas técnicas superiores de formación profesional en Secretariado ou Asistencia á dirección.

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

  1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

  2. Acreditar que se dispón dun seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, con cobertura internacional para as persoas bolseiras destinadas no exterior e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura.

  3. Comezar o goce da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

  4. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia.

  5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea

Rúa do Hórreo, 61

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541018

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

29/12/2017 00:00 - 29/01/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ou ser fillo/filla de galegos ou acreditar residencia en Galicia dende antes do 1 de xaneiro de 2015.

3. Titulación: estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2010:

3.1. Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao).

3.2. Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

3.3. Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de Técnica/o superior en Secretariado ou Técnica/o superior en Asistencia á dirección.

4. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a catro meses.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.

  • Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

    • Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

    • Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar á filiación de proxenitores galegos.

    • Copia da certificación do expediente académico universitario ou de Formación Profesional. No primeiro caso, deberase presentar certificación expedida pola universidade na que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003; no segundo, certificación do expediente académico expedido polo centro educativo no que conste a nota media do expediente calculada segundo o establecido na Orde de 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

    • Validación pola Administración educativa española, no caso de presentar un título estranxeiro.

    • Xustificación do pago dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título universitario ou de Formación Profesional).

    • Curriculum Vitae, preferentemente en formato Europass.

    • Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

    • Relación de méritos puntuables conforme ao anexo V. Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Se non son acreditados documentalmente non se terán en conta. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración.

A persoa solicitante asinará as seguintes declaracións responsables:

  • No anexo II: Solicitude

    • Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

    • Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

    • Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • No anexo III: no caso de resultar beneficiaria da bolsa, aceptación ou renuncia da súa concesión.

  • No anexo IV, no caso de resultar beneficiaria da bolsa, declaración responsable de:

    • Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

    • Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

    • Non atoparse incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

    • Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, non ter solicitado nin ter concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto e conceptos para os que solicita a bolsa.

    • Que cumpre co requisito establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras desta Orde.

  • No anexo V: relación de méritos puntuables da persoa solicitante.

Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

  • Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións Públicas:

  • DNI ou NIE.

  • Datos de residencia.

  • Título oficial universitario ou de formación profesional.

  • Título Celga 3 ou 4 expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

  • A documentación complementaria presentarase preferentemente por vía electrónica. Tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

  • As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Seis meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 1de decembro de 2017 pola que se autoriza á Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica dirixidas a persoas tituladas superiores universitarias e en formación profesional en asuntos relacionados coa Unión Europea (DOG nº 244 do 27 de decembro de 2017).

    • Anuncio do 20 de decembro de 2017 polo que se convocan seis bolsas, cinco dirixidas a persoas tituladas superiores universitarias e unha en formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea para o ano 2018 (DOG nº 245 do 28 de decembro de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR770F

Bolsa de formación práctica en estudos relacionados co dereito administrativo.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 28/01/2025 00:00 - 27/02/2025 23:59

PR770I

Bolsas de formación na área de ciencia económica no sector público.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 13/02/2018 00:00 - 12/03/2018 23:59

PR770M

Bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 03/09/2025 00:00 - 02/10/2025 23:59

PR770P

Bolsa de formación práctica para a xestión de procesos de avaliación e calidade.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 22/05/2024 00:00 - 21/06/2024 23:59