Guía de procedementos e servizos

VI406G

Programa de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 17/05/2022 00:00 - 30/11/2022 23:59

Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021) para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).

Actuacións subvencionables

1. Constitúen actuacións subvencionables as seguintes:

a) A emisión do libro do edificio existente para a rehabilitación (liña A).

b) A redacción de proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios (liña B).

2. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020.

3. As actuacións subvencionables por este programa están suxeitas ao cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH polas súas siglas en inglés) estando suxeitas ás disposicións europeas e nacionais que o regulan e, especificamente, ao disposto no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 e no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de xuño de 2020, e de acordo coa Guía técnica da Comisión Europea (2021/C 58/01) sobre a aplicación deste principio.

Así mesmo, a aplicación das actuacións subvencionables, segundo o previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, asegurará que as contías destinadas aos diferentes investimentos cumpran as condicións do etiquetado climático e ambiental asignado a cada medida e submedida no PRTR, de acordo co anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

1. Ao abeiro do artigo 51 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, ben sexan persoas físicas ou ben teñan personalidade xurídica de natureza privada.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades de propietarios constituídos conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Área Central, s/n - Polígono de Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881045897

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Prazo de presentación: PECHADO

17/05/2022 00:00 - 30/11/2022 23:59

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 30 de novembro de 2022, agás que, con anterioridade, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social no suposto da liña B, no caso de que non se presente o proxecto técnico xunto coa solicitude. Nos demais supostos, dado que a xustificación se presenta xunto coa solicitude, non poderá procederse ao pagamento da axuda en tanto non se acredite estar ao día no cumprimento das ditas obrigas.

- No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:

a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos 3 años fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38.

O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:

1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior,

2º. que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador, e

3º. que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é o 35 % dos custos subvencionables que se pode incrementar nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Requisitos dos edificios obxecto das actuacións subvencionables

1. Os edificios obxecto das actuacións subvencionables a través deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar rematados antes do ano 2000.

b) Que polo menos o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

2. Os dous requisitos antes citados poderanse acreditar mediante escritura, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais.

Requisitos dos proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios

1. Nos proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios, a actuación proposta debe cumprir os requisitos establecidos no artigo 33 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, para poder ser considerada como actuación subvencionable dentro do Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio.

2. O proxecto técnico incluirá un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións:

a) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluías as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da Unión Europea.

b) Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.

3. Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

4. De conformidade co establecido no segundo parágrafo do artigo 54.6.e) do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, na documentación do proxecto técnico deberá incluírse o aforro de consumo de enerxía primaria non renovable estimado con respecto á situación inicial e a contía da axuda solicitada.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora na presente resolución como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No modelo de solicitude deberán constar os seguintes campos: o tipo de persoa ou entidade solicitante, os datos do edificio ou edificios para o/s que se elabora o libro do edificio existente ou o proxecto de rehabilitación; o número de vivendas e, de ser o caso, locais do edificio ou edificios obxecto do libro ou do proxecto con indicación da súa superficie construída e número de alturas, incluída a planta baixa; a referencia catastral ou referencias catastrais; a porcentaxe de superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, destinada a uso residencial de vivenda; o consumo de enerxía primaria non renovable e a demanda enerxética conxunta de calefacción e refrixeración actual e a prevista tras a rehabilitación; as emisións de CO2 antes e despois da actuación; a cualificación enerxética do edificio en consumo enerxético e en emisións antes e despois da actuación; o investimento total; o custo subvencionable; a contía da axuda solicitada; o número e a data da inscrición do certificado de eficiencia enerxética actual no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), así como, no caso de solicitar as axudas da liña B, a anualidade prevista de entrega do proxecto, no caso de entregar a memoria xustificativa prevista no artigo 54.6 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. No modelo de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.

c) Compromiso de comunicar inmediatamente calquera outra subvención que solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, con indicación da súa contía.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos ditos artigos relativa á obriga de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, no suposto de solicitude de axuda da liña B se presenta a memoria xustificativa da actuación proposta, no caso de non dispoñer de proxecto técnico de rehabilitación integral.

e) Declaración responsable de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que as actuacións subvencionables non se iniciaron antes do 1 de febreiro de 2020.

g) Declaración responsable de que a empresa á cal se represente non está en crise de acordo coa definición de «empresa en crise» que establece o punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu caso.

h) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e as obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

i) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Documentación complementaria

1. As persoas e entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, de forma individualizada:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do edificio no caso de que a persoa ou entidade non conste como titular catastral e acredite que o edificio está rematado antes do ano 2000 e que polo menos o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

c) Acta ou certificado da persoa titular da secretaría ou administración da comunidade de persoas propietarias, das comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas ou da asemblea da cooperativa, en que conste o nomeamento do representante autorizado para solicitar a subvención, de ser o caso.

d) Avaliación favorable de adecuación ou declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021 polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. No caso de optar pola declaración responsable axustarase ao contido do anexo III.

e) Anexo IV, de declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o obxecto de xestión, e de ausencia de conflito de intereses en relación coa execución e actuacións do PRTR.

f) Anexo V, de declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución e actuacións do PRTR.

g) Anexo VI, documento acreditativo do acordo de cesión do dereito de cobramento da subvención da persoa ou entidade interesada na subvención do dereito de cobramento a un axente ou xestor de rehabilitación do dereito de cobramento, de ser o caso.

2. No caso de solicitar as axudas da liña A deberá achegarse, ademais da establecida no punto 1 deste ordinal, a seguinte documentación:

a) Libro do edificio existente para a rehabilitación.

b) Declaración responsable da persoa técnica redactora na cal conste que o libro do edificio existente está completo e elaborado de acordo co definido no ordinal sexto.

c) Documento no cal conste a conformidade da persoa ou entidade solicitante co libro do edificio existente para a rehabilitación.

d) Acta ou certificado da persoa titular da secretaría ou administración co acordo da comunidade de persoas propietarias, das comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas ou da asemblea da cooperativa, pola que se aproba a realización do libro do edificio existente para a rehabilitación, de ser o caso.

e) Factura de honorarios, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o libro do edificio existente para a rehabilitación.

f) Documentación xustificativa do gasto realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do libro do edificio existente para a rehabilitación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Certificado de eficiencia enerxética que xustifique a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de acordo co bloque II.2 do anexo I do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual (inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE) e subscrito por técnico competente.

3. No caso de solicitar as axudas da liña B deberá achegarse, ademais da establecida no punto 1 deste ordinal, de forma individualizada, a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio. No caso de non ter elaborado o proxecto técnico de rehabilitación integral no momento de presentar a solicitude, presentará a memoria xustificativa da actuación proposta, co seguinte contido mínimo:

1º. Descrición pormenorizada da actuación proposta.

2º. Orzamento desagregado por ámbitos de actuación.

3º. Planos da actuación proposta.

4º. Especificación do aforro de consumo de enerxía primaria non renovable estimado con respecto á situación inicial e contía da axuda solicitada.

b) Declaración da persoa técnica redactora na cal conste que o proxecto está completo e elaborado de acordo coa normativa vixente e co definido no ordinal quinto, de ser o caso.

c) Documento en que conste a conformidade da persoa ou entidade solicitante co proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio no caso de que se presente o proxecto técnico coa solicitude, de ser o caso.

d) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, de todas aquelas zonas que vaian ser afectadas polo proxecto, así como da fachada principal do edificio.

e) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto, en que se inclúan as actuacións recollidas no proxecto, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación có utilizado para o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual subscrito por técnico competente, no caso de que se presente o proxecto técnico coa solicitude.

f) Acta ou certificado da persoa titular da secretaría ou administración co acordo da comunidade de persoas propietarias, das comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas ou da asemblea da cooperativa, pola que se aproba a realización do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio, de ser o caso.

g) Factura de honorarios, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio. No caso de que se presente unha memoria xustificativa da actuación, orzamento correspondente aos honorarios de redacción do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio.

h) Documentación xustificativa do gasto realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do proxecto técnico de rehabilitación integral do edificio, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no caso de que se presente o proxecto técnico coa solicitude.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa xurídica de natureza privada ou da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, no seu caso.

d) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade representante, no seu caso.

e) Certificado acreditativo de non ter débedas no momento do pagamento da subvención coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

f) Certificado catastral de titularidade correspondente á persoa solicitante.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais dos edificios obxecto das actuacións subvencionables que acredite o seu uso e ano de construción.

h) Consulta de bens inmobles.

i) Consulta de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións pola regra de minimis, no caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (BOE nº 239 de 6 de outubro de 2021).

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (DOG nº 94 do 16 de maio de 2022).

    • Extracto da Resolución do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (DOG nº 94 do 16 de maio de 2022).

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI402B

Programa "Avais para a adquisición de vivenda".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

VI406E

Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 08/07/2025 23:59