Guía de procedementos e servizos

VI406J

Programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, para promotores públicos e privados, distintos do IGVS.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 08/02/2023 00:00 - 30/11/2023 23:59

1. Esta resolución ten por obxecto regular a xestión do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro), para promotores públicos e privados, distintos do IGVS, que se tramitará co código de procedemento VI406J.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023.

3. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Bases reguladoras.

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras deste programa contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, coas especificacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puideran resultar aplicables.

1. Poderán ser beneficiarias do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes os concellos e as empresas e entidades privadas que resulten adxudicatarias dun dereito de superficie, concesión administrativa ou negocio xurídico análogo sobre terreos de titularidade pública, no marco dun procedemento de concorrencia competitiva, para os efectos da promoción da construción das ditas vivendas.

No suposto de que a empresa ou entidade privada solicitante se presentase a un procedemento de concorrencia competitiva e non fose resolto, deberá acreditar a adxudicación con carácter previo á sinatura do acordo da comisión bilateral de seguimento a que fai referencia o ordinal décimo noveno.

2. No caso de que a beneficiaria da axuda sexa unha empresa ou entidade privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:

a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres años fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38 do citado Regulamento (UE) nº 651/2014.

O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:

1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) nº 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

2º. Que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.

3º. Que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é, o 35 % dos custos subvencionables, que pode incrementarse nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda

Área Central, s/n - Polígono de Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999016

Email: informacionxeral.igvs.santiago@xunta.gal

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Prazo de presentación: PECHADO

08/02/2023 00:00 - 30/11/2023 23:59

De conformidade ca Resolución do 26 de setembro de 2023 (DOG nº 189 do 4 de outubro de 2023), amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o día 30 de novembro de 2023, agás que, con anterioridade a esta data, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Requisitos dos edificios obxecto das actuacións.

1. Poderán obter financiamento con cargo ás axudas deste programa as promocións de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios non destinados actualmente a vivenda, que se destinen ao alugueiro social ou á cesión en uso durante un prazo mínimo, en os ambos casos, de 50 anos. Unicamente consideraranse obxecto deste programa as actuacións de rehabilitación que supoñan un incremento do parque público de vivenda en alugueiro accesible.

O destino por un prazo de polo menos de 50 años ao alugueiro social ou a prezo accesible deberá constar, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade. Este prazo computarase desde a data da cualificación definitiva, disposición ou resolución que fixe as condicións de alugueiro con establecemento de rendas máximas expedida polo IGVS.

2. Os edificios que se constrúan ou rehabiliten deberán ter un consumo de enerxía primaria non renovable inferior aos valores límite incluídos na táboa seguinte, en función da zona climática en que se sitúe o edificio, segundo a clasificación climática do Código técnico de la edificación. Estes valores límite supoñen unha redución do 20 % con respecto aos establecidos na sección HE0 do documento básico DB HE de aforro de enerxía do CTE, para edificios novos destinados a uso residencial vivenda.

3. Nos edificios obxecto deste programa deberán cumprirse, ademais, os seguintes requisitos:

a) O proxecto deberá incluír un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións:

1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2º. Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación se realizará de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.

b) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción deberán apoiar a circularidade e, en particular, deberán demostrar, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe.

c) Deberán retirarse do edificio ou ámbito de actuación aqueles produtos de construción que conteñan amianto. A retirada deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, por unha empresa legalmente autorizada. A xestión dos residuos orixinados no proceso deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

Requisitos dos alugueiros.

1. O prezo do alugueiro das vivendas deberá figurar na resolución de concesión da axuda e non poderá superar, no momento da formalización do contrato, o prezo de renda por metro cadrado das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica en que estea a vivenda. Para tal efecto, as vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior terán os mesmos límites de renda que as situadas na zona 1.

O prezo de alugueiro establecido será de aplicación no momento da subscrición do contrato de arrendamento correspondente. No dito contrato concretarase a actualización do dito prezo de conformidade coa lexislación específica de aplicación.

2. A persoa arrendadora poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada que lle corresponda, o custo real dos servizos de que goce a persoa arrendataria e se satisfagan pola persoa arrendadora, así como as demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable.

3. As vivendas financiadas con cargo a este programa só poderán ser arrendadas a persoas que vaian ter o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia para o acceso ás vivendas protexidas de réxime xeral cuxos ingresos familiares non excedan de 4,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) en 14 pagas.

No caso de que as vivendas resultantes se cualifiquen como vivendas protexidas de protección autonómica, os límites de ingresos ponderados serán os que correspondan ao réxime conforme o que se cualifiquen as vivendas:

1º) Vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral: os ingresos familiares ponderados non poden exceder de 4,5 veces o IPREM (14 pagas).

2º) Vivendas protexidas de protección autonómica de réxime especial: os ingresos familiares ponderados non poden exceder de 2,5 veces o IPREM (14 pagas).

Aos ingresos familiares, que se referirán á unidade familiar, aplicaráselles, en función dos membros da unidade familiar, o seguinte coeficiente multiplicativo corrector:

Familias de un membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,75.

Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese polo número de membros.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite. O embarazo acreditarase de acordo co disposto na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das recollidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, os ingresos de cada unidade familiar convertidos en número de veces o IPREM e ponderados de acordo co previsto nos puntos anteriores sumaranse, e o resultado deberá ser inferior aos límites máximos previstos para as vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral ou especial, segundo corresponda.

Solicitudes.

1. Os concellos e as entidades privadas promotores que queiran acceder ás subvencións do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes deberán presentar a proposta de actuación que pretendan financiar con cargo ao programa mediante solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I.

2. No modelo de solicitude deberán constar os seguintes campos: o tipo de entidade solicitante; os datos da promoción ou edificio que se vai rehabilitar; a referencia catastral; o número total de vivendas resultantes, con indicación da superficie útil de cada vivenda; a renda que vai percibir cada vivenda; o prazo durante o que se dedicarán a alugueiro social, que non poderá ser inferior a 50 anos; o investimento total; o custo subvencionable; o importe total da axuda solicitada, así como as anualidades de execución; a porcentaxe de orzamento que se vai executar e a axuda que se vai xustificar en cada unha delas.

3. No formulario de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.

c) Compromiso de comunicar inmediatamente calquera outra subvención que solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, con indicación da súa contía.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa á que se represente non está en crise, de acordo coa definición de «empresa en crise» que establece o punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, de ser o caso.

g) No suposto de persoas xurídicas de natureza privada, declaración de que se encontran debidamente constituídas, conforme a normativa que lles resulte de aplicación.

h) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

i) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Forma de presentación das solicitudes de participación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da entidade solicitante, se é o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) No suposto de que o solicitante sexa un concello, certificado do acordo municipal de solicitar a axuda deste programa.

c) No suposto de empresas ou entidades privadas, documento que acredite que son solicitantes ou adxudicatarias dun dereito de superficie, concesión administrativa ou negocio xurídico análogo sobre terreos de titularidade pública, no marco dun procedemento de concorrencia competitiva, para os efectos da construción da promoción da construción das vivendas en alugueiro social de conformidade co sinalado no ordinal oitavo.

d) Certificación do órgano competente de que os terreos ou o edificio, no suposto de rehabilitación, son de titularidade pública e destinaranse a incrementar o parque público de vivenda por un prazo non inferior a 50 anos ao alugueiro social ou a prezo accesible.

e) Memoria-programa que defina a actuación que se pretende financiar en todos os seus aspectos e xustifique a súa viabilidade técnica e económica. Esta memoria pronunciarase expresamente sobre a consecución dos obxectivos en termos de consumo de enerxía primaria non renovable.

f) Proxecto, anteproxecto ou proposta arquitectónica en que se indiquen os materiais e solucións construtivas de baixo impacto que se pretenden utilizar para minimizar o impacto ambiental.

g) Avaliación favorable de adecuación ou declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. No caso de optar pola declaración responsable axustarase ao contido do anexo II.

h) Anexo III, de declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puideran afectar o obxecto de xestión, e de ausencia de conflito de intereses en relación coa execución e actuacións do PRTR.

i) Anexo IV, de declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución e actuacións do PRTR.

2. No suposto de que as entidades interesadas sexan empresas ou entidades privadas, que participen nun concurso de adxudicación de parcelas en dereito de superficie de titularidade do IGVS ou de Xestur Galicia, S.A., non terán que presentar a documentación indicada nas letras c) e d) do punto 1.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán requiridos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante, se é o caso.

c) NIF da entidade representante, de ser o caso.

d) Certificado acreditativo de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante para o pagamento da subvención.

e) Remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais de cada exercicio, no suposto de que o solicitante sexa un concello.

f) Consulta de subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións pola regra de minimis, no caso de empresas ou entidades privadas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para promotores públicos e privados distintos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para promotores públicos e privados distintos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 19 de xullo de 2023 pola que se amplía a dotación orzamentaria determinada na Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para promotores públicos e privados distintos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 142 do 27 de xullo de 2023).

    • Resolución do 26 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes determinado na Resolución do 30 de decembro de 2022, pola que se regula a xestión en Galicia do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, para promotores públicos e privados, distintos deste instituto e se procede á súa convocatoria (DOG nº 189 do 4 de outubro de 2023).

    • Resolución do 22 de novembro de 2023 pola que se reaxustan os importes das anualidades e se amplía a dotación orzamentaria determinada na Resolución do 30 de decembro de 2022, pola que se regula a xestión en Galicia do Programa de axuda á construción de vivendas en alugamento social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, para promotores públicos e privados, distintos deste instituto, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 226 do 28 de novembro de 2023).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (BOE nº 239 de 6 de outubro de 2021).

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI402B

Programa "Avais para a adquisición de vivenda".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

VI406A

Subvencións do programa de infravivenda.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/01/2025 00:00 - 03/06/2025 23:59