Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR802H
Programas de apoio ás entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción. Programa I: fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento de entidades representativas da economía social, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.
Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (procedemento TR802H).
Finalidade.
A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.
Actividades e gastos subvencionables.
1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a seguir:
a) Alugamentos de locais e equipamentos.
b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou ao posto de traballo, as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.
c) Axudas de custo e desprazamento.
d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.
e) Primas de seguros.
f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.
g) Mantemento da páxina web da asociación e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.
h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe auditor da conta xustificativa a que se refire o artigo 31. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.
i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.
j) Gastos de participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada, que agrupen principalmente entidades inscritas no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781
Teléfono: 981545679
Prazo de presentación: PECHADO
25/01/2022 00:00 - 24/02/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
Para seren beneficiarias, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Teren personalidade xurídica propia e independente.
b) Teren o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñeren dunha oficina permanente nela.
c) Estaren ao día no cumprimento das obrigas referidas a depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.
Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unións de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible para cada programa (anexos I e IV) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación recollida nos artigos 29 e 36, segundo o programa que corresponda.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Documentación complementaria.
A documentación que deberá acompañar a solicitude (anexo I) é a seguinte:
a) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade e que conteña:
1. Relación nominal das entidades socias (no caso de que a entidade socia sexa unha cooperativa de segundo grao, debe especificar o número das de primeiro grado integradas nela). Especificaranse, se é o caso, as entidades resultantes dun proceso de integración.
2. Centros de traballo, o seu domicilio e horario de apertura, así como o número de persoas traballadoras adscritas con indicación para cada unha delas do sexo, tipo de contrato e número de horas traballadas.
3. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2021, así como das previstas para a súa realización no ano 2022.
b) RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e RNT (relación nominal de traballadores) do último mes relativo ao persoal adscrito aos centros de traballo declarados na memoria, así como os documentos acreditativos da condición de persoa con discapacidade ou de persoa en situación ou risco de exclusión social, se é o caso.
c) Documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de responsabilidade social empresarial.
d) Balance social do ano 2020, se é o caso.
e) Relación individualizada dos gastos de funcionamento para os que se solicita a axuda, cuantificados economicamente en todos os seus conceptos e co IVE desagregado.
f) No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso, así como relación de entidades socias debidamente certificada.
g) Certificación ou documentación análoga que acredite a integración da entidade solicitante nunha entidade de intercooperación, se é o caso.
h) Documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado, se é o caso.
i) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.
e) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 15 do 24 de xaneiro de 2022).
-
Extracto da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 15 do 24 de xaneiro de 2022).
-
Resolución do 15 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 228 do 30 de novembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano