Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR937A
Subvencions para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma Galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, subvencionando os gastos que supón o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2018.
A concesión destas axudas efectuarase atendendo en todo caso á data de presentación de cada unha das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 e estará, en calquera caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito establecido para esta subvención, a Secretaría Xeral da Emigración publicará esta circunstancia no DOG, o que comportará a inadmisión das solicitudes presentadas con posterioridade á data da dita publicación, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Gastos subvencionables.
Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento relacionados coa actividade, tales como gastos de notaría e rexistro, cursos técnicos específicos, subscricións, cotas de participación en asociacións empresariais ou profesionais e gastos de colexiación, servizos de profesionais (legais, asesoría, xestoría, consultoría, enxeñaría, arquitectura, auditoría...), servizo de prevención alleo do local e de seguridade, tributos, licenzas administrativas, gastos derivados do deseño, desenvolvemento, mantemento e soporte da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas en liña, posicionamento web, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento e limpeza de local, arrendamento de maquinaria, arrendamento de vehículos, arrendamento e mantemento de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, gas, auga, electricidade, telefonía e internet...), xerados no período que comprende desde os tres meses anteriores á alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda ata a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.
Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.
En ningún caso son gastos subvencionables a fianza do alugamento, os avais bancarios, as cotas da Seguridade Social ou da mutualidade correspondente, os gastos de combustible de vehículos de motor e os gastos de representación.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes das persoas galegas e nacidas en Galicia ata o segundo grao de consanguinidade incluído.
3. As persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.
Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:
1. Acreditar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.
2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que, respecto da xestión de fondos, pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.
3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais e esta secretaría poderá modificar a resolución de concesión.
4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.3 destas bases.
5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.
6. As persoas beneficiarias quedan obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.
7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral do Retorno
Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno
Plaza de Mazarelos, 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547271 / 981957162
Fax: 981547296
Email: retorno.emigracion@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
06/04/2018 00:00 - 31/10/2018 23:59
Segundo a Resolución do 17 de setembro de 2018, amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o día 31 de outubro de 2018, incluído.
1. Requisitos comúns.
Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:
a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.
b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta resolución.
d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non ter sido beneficiaria desta axuda para a mesma actividade ao abeiro de anteriores convocatorias.
f) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos específicos.
Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.
2.1. Persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:
a) Ser titular dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
b) Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda no período ao cal se refire o número 1.c) e, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.
2.2. Persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:
a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.
b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período a que se refire o número 1.c).
3. Quedan excluídas as persoas socias de sociedades mercantís e os autónomos colaboradores.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación xeral:
a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta.
b) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.
c) Alta no réxime da Seguridade Social ou alta na mutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras, na cal se recolla o réxime da Seguridade Social e a data en que tivo lugar a alta.
d) Alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, na cal se recollan os datos fiscais e o réxime tributario aplicable á actividade.
e) Memoria explicativa do proxecto empresarial, asinada pola persoa solicitante.
f) Orzamento detallado dos gastos estimados que, de conformidade co artigo 5, sexan subvencionables, asinado pola persoa solicitante segundo o modelo do anexo II.
O dito orzamento incluirá a totalidade dos gastos subvencionables estimados, con independencia da porcentaxe de participación da persoa solicitante nos casos de comunidades de bens, sociedades civís, sociedades laborais e cooperativas de traballo asociado.
Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais:
a) Contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, de ser o caso.
Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:
a) Certificado do representante legal da entidade, acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.
As persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración non deberán achegar a documentación recollida nos números 1.a) e 1.b) do artigo 9 desta orde.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI da persoa solicitante.
b) Certificado de empadroamento.
c) NIF da entidade (sociedade civil, comunidade de bens, sociedade laboral ou cooperativa).
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Consellería de Facenda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal.chave365).
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.
Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
- Orzamento de gastos estimados (Anexo II)
Prazo de resolución: Un mes
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de Xustificación
- Declaración doutras axudas (Anexo III)
- Documentos de fase de xustificación (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 21 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 66 do 5 de abril de 2018).
-
Extracto da Resolución do 21 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 66 do 5 de abril de 2018).
-
Resolución do 17 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación da Resolución do 21 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 183 do 25 de setembro de 2018).
-
Extracto da Resolución do 17 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación da Resolución do 21 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 183 do 25 de setembro de 2018).
-
Resolución do 14 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 21 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 242 do 20 de decembro de 2018).
-
Resolución do 6 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se procede á publicación das subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 21 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 52 do 14 de marzo de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.
Aberto todo o ano