Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR923E
Programa de escolas abertas para entidades galegas do exterior.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Establecer as bases reguladoras do Programa Escolas Abertas, dirixido á mocidade que está a ocupar cargos directivos nas entidades galegas do exterior e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, da confección de traxes tradicionais galegos para a entidade, ou responsables da cociña nas ditas entidades.
1. Programa Escolas Abertas para persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega ou da confección de traxes tradicionais galegos.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estas modalidades do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade e cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter escolas constituídas ou grupos consolidados da especialidade solicitada que acrediten unha actividade continuada.
b) Ter grupos constituídos nos últimos dez anos e estar no seu proceso de recuperación, no suposto de non cumprir o requisito establecido na letra a).
c) Ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, no suposto de solicitar participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego.
As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.
2. Programa Escolas Abertas para persoal responsable da cociña.
Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten con servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados.
As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, xa a xestionen directamente ou teñan arrendada ou cedida a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.
3. Programa Escolas Abertas para promover a cualificación da mocidade no desempeño de cargos directivos.
Poderán ser beneficiarias desta modalidade do programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade.
As persoas propostas deberán ter unha idade comprendida entre os 21 e 35 anos e formar parte da xunta directiva da entidade cando menos, durante un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes.
4. Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade segundo o modelo normalizado do anexo II (ficha da persoa proposta). Así mesmo, non poderán propoñer a participación no programa de persoas que xa participaran nel, en calquera das modalidades convocadas, máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias do programa. Se así for, quedarán excluídas.
6. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas
Servizo de Promoción das Entidades Galegas
Rúa Basquiños, nº 2
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957353
Email: subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
05/04/2023 00:00 - 04/05/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Solicitudes.
1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.
Documentación complementaria.
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
1.1. Documentación xeral.
a) Certificado de residencia fiscal emitido en 2023 polas autoridades competentes do país de residencia no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.
b) Ficha da persoa proposta (anexo II): unha ficha por cada unha das persoas propostas.
c) Documento identificativo da persoa proposta, no caso de non dispor de DNI ou NIE. Se se dispón de DNI ou NIE só se achegará no caso de opoñerse á súa consulta no anexo I segundo o disposto no artigo 9 da resolución.
d) Breve currículo que recolla a experiencia, os coñecementos e o nivel de estudos da persoa aspirante en relación coa materia obxecto do obradoiro. No suposto de solicitudes para obradoiros de formación de persoal directivo, debe constar unha especial referencia á formación académica e experiencia de xestión.
e) Declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e/ou aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade durante, como mínimo, dous anos. No caso de solicitudes para obradoiros de cociña galega, esta declaración referirase ao compromiso de incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos.
1.2. Documentación específica para os obradoiros de baile, gaita e percusión tradicionais e de canto popular e pandeireta:
a) Unha gravación en formato dixital de uso común da modalidade solicitada que non exceda os catro (4) minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de baile e canto popular e pandeireta, a gravación deberá ser solista.
b) Certificación da entidade relativa á/s escola/s ou grupo/s con que conta e ao número de alumnos e alumnas que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo III.
1.3. Documentación específica para o obradoiro de confección de traxe tradicional galego:
a) Certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos, segundo modelo que figura como anexo IV.
b) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia da persoa proposta en corte e confección de traxe tradicional galego e, de ser o caso, copia do título oficial de corte e confección.
1.4. Documentación específica para o obradoiro de cociña galega:
a) Certificación de que a entidade conta con servizo de cociña ou comedor que ofrece menús elaborados (anexo II).
b) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia da persoa proposta como responsable na súa cociña durante polo menos un ano anterior á data da convocatoria (anexo II) e, de ser o caso, copia do título oficial de cociña.
c) Certificado da entidade de que xestiona directamente a cociña e comedor do centro ou de que ten arrendada ou cedida a xestión da cociña e comedor do centro a unha empresa privada ou terceira persoa segundo anexo II.
1.5. Documentación específica para obradoiro de formación de persoal directivo.
a) Acta en que se recolla o nomeamento como membro da xunta directiva da persoa proposta.
b) Certificación de que na actualidade a persoa proposta sigue formando parte da xunta directiva, do cargo que ocupa e da duración do seu mandato (anexo II).
2. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade recollidos no artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, poderanse recoller experiencias e mesmo imaxes das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal.
Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes.
Así mesmo, as persoas participantes no programa Escolas Abertas poden autorizar que se lles remita información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.
3. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:
a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.
c) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Que se está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
5. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen, ao abeiro do artigo 6.2, deberán presentar a documentación complementaria electronicamente. Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Consonte co disposto no artigo 6.2 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude presencialmente poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
9. Os datos achegados coa solicitude deberán concordar cos que constan da entidade no Rexistro da Galeguidade, en caso contrario, prevalecerán os inscritos neste último. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.
10. O material audiovisual poderase presentar en calquera formato de uso común, como mp4, avi, mov ou wmv, e non pode superar os 12 MB.
Comprobación de datos.
1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.
b) Certificación de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
c) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificación de estar ao día do pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
e) DNI/NIE da persoa proposta para a realización do obradoiro, de ser o caso.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 66 do 4 de abril de 2023).
-
Extracto da Resolución do 28 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 66 do 4 de abril de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.
Prazo pechado: 18/02/2025 00:00 - 17/03/2025 23:59
Programa de escolas abertas para persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior.
Prazo pechado: 19/03/2019 00:00 - 22/04/2019 23:59
Subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior.
Prazo pechado: 07/02/2025 00:00 - 21/03/2025 23:59