Guía de procedementos e servizos

PR923C

Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 30/03/2023 00:00 - 02/05/2023 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Establecer as bases reguladoras do programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, dirixido ás persoas asociadas galegas e á súa descendencia, así como a aquelas outras interesadas no feito cultural de Galicia que participen nas actividades destas asociacións.

Entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Praza de Mazarelos, nº 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547254/ 981547281/ 981547278

Email: emigración.contratacion@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

30/03/2023 00:00 - 02/05/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Poderán optar á organización dos obradoiros deste programa as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.

2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude.

3. Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude no cal veñan desenvolvendo esas actividades.

4. Os obradoiros de cociña galega e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Solicitudes.

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Relación nominal diferenciada das persoas preinscritas para cada modalidade de obradoiro solicitada, segundo o modelo do anexo II, na cal constarán apelidos e nome, documento identificativo ou pasaporte, idade e orixe galega dos participantes; e na cal se fará constar que a entidade conta coa súa autorización para a cesión dos datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar esta convocatoria.

No caso de optar pola formación virtual, deberase indicar unha conta de correo electrónico por cada persoa participante.

Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade recollidos no artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, poderanse recoller experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes.

Así mesmo, as persoas participantes nos obradoiros poden autorizar que se lles remita información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

b) Currículo da persoa formadora proposta, no suposto de que non estea incluída na lista de persoas formadoras elaborada ao abeiro da Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración.

c) Memoria da actividade cos seguintes contidos:

1º. Obradoiros de folclore e artesanía (anexo III):

1.1. Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do persoal directivo, profesorado ou axudantes responsables do obradoiro, grupo ou escola.

1.2. Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

1.3. As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

1.4. No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos tres últimos anos.

1.5. Para os obradoiros de artesanía, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e as actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

2º. Obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega (anexo IV):

2.1. Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

2.2. Instalacións, dotacións e descrición do material preciso.

2.3. Actividades de difusión da cociña e da cultura galegas realizadas nos tres últimos anos e oportunidade da actividade proposta.

d) Certificado de residencia fiscal emitido en 2023 polas autoridades competentes do país de residencia, no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que se está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non se ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

h) Que consta na entidade o consentimento por escrito de todas as persoas participantes para que se lle tomen e difundan imaxes súas con motivo da súa participación nas actividades obxecto desta convocatoria.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

4. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen, ao abeiro do artigo 8.2, deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.

Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consonte o disposto no artigo 8.2 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 62 do 29 de marzo de 2023).

    • Extracto da Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 62 do 29 de marzo de 2023).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT300A

Axudas ás Asociación de Amigos do Camiño de Santiago

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/05/2025 00:00 - 20/06/2025 23:59