Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR926E
Reencontros co Xacobeo.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Reencontros co Xacobeo, destinado a promover que persoas maiores de 65 anos vinculadas ás entidades galegas do exterior fomenten os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, de xeito que, unha vez vivida esta experiencia, poidan colaborar como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede (código de procedemento PR926E).
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2022.
Número de prazas convocadas e características do programa.
1. Convócanse 205 prazas do programa Reencontros co Xacobeo, dirixido a entidades galegas do exterior. Estas prazas distribúense do seguinte xeito: 94 prazas para entidades galegas radicadas en países de América, 31 prazas para entidades galegas radicadas en países de Europa e 80 prazas para entidades galegas radicadas en España.
A distribución das prazas por países de América e Europa e por comunidades autónomas de España, así como o número máximo de persoas que pode solicitar cada entidade, son as que aparecen reflectidas, respectivamente, nos anexos A, B e C.
2. As persoas propostas por cada entidade deben ter a nacionalidade española e 65 ou máis anos de idade. Así mesmo, deben valerse por si mesmas e estar nun estado físico que lles permita realizar con normalidade as actividades do programa.
3. O programa, que se desenvolverá, previsiblemente, na primeira quincena de outubro, consiste en realizar pequenas etapas do Camiño de Santiago e un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas visitadas.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos de regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia e do seu aloxamento e manutención.
O tempo de estadía en Galicia das persoas participantes financiado pola Secretaría Xeral da Emigración limitarase exclusivamente ao de duración do programa.
4. Non poderán resultar seleccionadas as persoas que participasen neste programa ou no programa Conecta con Galicia con anterioridade.
5. Na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) informarase das datas definitivas de desenvolvemento, así como das actividades programadas e do lugar de aloxamento.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Praza de Mazarelos, nº 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547254/ 981547281/ 981547278
Email: emigración.contratacion@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
23/06/2022 00:00 - 22/07/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Solicitudes.
1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.
2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude, en que indicarán os datos das persoas que propoñen para a participación no programa.
Unha vez rematado o prazo de solicitudes, a entidade solicitante non poderá propor a participación doutras persoas diferentes ás indicadas na solicitude.
Documentación complementaria.
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas propostas pola entidade que non teñan DNI.
b) Certificado de residencia fiscal emitido en 2022 polas autoridades competentes do país de residencia no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.
c) Unha declaración responsable de cada persoa proposta para participar no programa, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, de ser apta para participar con normalidade nas actividades do programa e de aceptación das súas normas de participación.
Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal
Para estes efectos, o anexo II contén a autorización para publicar estas imaxes.
d) Unha fotografía recente tamaño carné de cada unha das persoas propostas para participar no programa.
e) Para as persoas propostas por parte de entidades galegas de América, certificado médico, segundo o modelo do anexo III, conforme a persoa está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración e a actividade programada.
Así mesmo, as entidades interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.
2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:
a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.
c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Que está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente débeda ningunha coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
De acordo co disposto no artigo 4.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada ou persoa proposta para participar no programa se opoña á súa consulta:
a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.
b) DNI/NIE das persoas propostas pola entidade para participar no programa.
c) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as entidades ou persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar os ditos trámites accedendo a Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 3 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 119 do 22 de xuño de 2022).
-
Extracto da Resolución do 3 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 119 do 22 de xuño de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.
Aberto todo o ano