Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR924B
Subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación:
Programa 1. Gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.
Programa 2. Proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.
Programa 3. Accións de especial relevancia.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2024.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas
Servizo de Promoción das Entidades Galegas
Rúa Basquiños, nº 2
15704 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957160/ 981545833
Fax: 981957179
Email: emigracion.subvencions@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
17/01/2024 00:00 - 04/03/2024 23:59
De conformidade coa Resolución do 15 de febreiro de 2024 (DOG nº 34 do 16 de febreiro de 2024), amplíase o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024, ata o 2 de marzo de 2024, inclusive.
Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir estas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.
Solicitudes.
1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Bos Aires (A Arxentina) e de Montevideo (O Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.
Aquelas entidades que, ao abeiro do previsto no parágrafo anterior, presenten a súa solicitude de xeito presencial deberán informar desta circunstancia á Secretaría Xeral da Emigración a través do correo electrónico emigracion.subvencions@xunta.gal, incluíndo unha copia completa da dita solicitude e do xustificante de presentación.
2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude por programa.
3. Os importes dos orzamentos e da distribución do seu financiamento que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro, aplicaráselle o cambio de compra vixente ao día da publicación da convocatoria.
Documentación complementaria.
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación específica para o programa 1. Axudas para gastos de funcionamento:
1º. Memoria explicativa dos gastos de funcionamento para os que se pide a axuda.
2º. Orzamento detallado cos custos previstos para cada concepto de gasto relacionado na memoria, correspondente ao período que abrangue a convocatoria.
3º. No caso de solicitar axuda para arrendamento do local da sede habitual e permanente da entidade, deberá achegarse a seguinte documentación:
– Copia do xustificante de pagamento do alugamento referido ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.
– Copia do contrato vixente de alugamento da sede, agás que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.
b) Documentación específica para o programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude:
1º. Memoria que relacione e describa cada un dos proxectos para os cales se pide a axuda, cun máximo de doce. Para cada un dos proxectos debe detallarse a súa finalidade ou necesidade, as accións que se pretenden realizar e as datas e os lugares en que ten previsto executalos.
De incluír proxectos xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos e mozas organizadores.
2º. Orzamento detallado do custo de execución previsto para cada proxecto, e de todos en conxunto para os cales se solicita a subvención, asinado pola persoa representante legal da entidade.
c) Documentación específica para o programa 3. Accións de especial relevancia:
1º. Memoria descritiva que recolla o proxecto da actividade especial para a que se pide a axuda en que se argumente a súa especial relevancia, as accións que se van desenvolver, a poboación a que vai dirixida e unha estimación das persoas participantes, así como as datas e os lugares en que se pretende executar.
2º. Orzamento detallado que recolla o custo total previsto do proxecto da actividade especial, desagregado nas partidas específicas das principais accións que se van executar, asinado polo/a representante legal da entidade.
Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).
Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución para calquera destes idiomas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
2. As entidades con sede social en España deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Consecuente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, en poder da Administración actuante, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos oportunos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo a Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 26 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024 (DOG nº 11 do 16 de xaneiro de 2024).
-
Extracto da Resolución do 26 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024 (DOG nº 11 do 16 de xaneiro de 2024).
-
Resolución do 15 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024 (DOG nº 34 do 16 de febreiro de 2024).
-
Resolución do 12 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024 (DOG nº 55 do 20 de marzo de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59