Guía de procedementos e servizos

PR911A

Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior co fin de cursar estudos de máster que se inicien nunha universidade galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Curso 2024/25 - Prazo pechado: 10/01/2024 00:00 - 30/04/2024 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento (código de procedemento PR911A).

2. Os másteres universitarios ofertados para os cales se concederán as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.

3. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial ou semipresencial.

No caso de que algún dos másteres ofertados for anulado pola universidade, quedaría excluído da oferta desta convocatoria de bolsas.

1. Poderán solicitar estas axudas a cidadanía galega residente no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias e desfrutasen desta bolsa en anteriores convocatorias.

3. Así mesmo, quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa en anteriores convocatorias e que causasen baixa ou renunciasen a ela, sempre que o fixesen despois do 15 de setembro do ano da correspondente convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral do Retorno

Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

Basquiños, 2

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547271/ 981957162

Email: retorno.emigracion@xunta.es

http://www.emigracion.xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

10/01/2024 00:00 - 30/04/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2024 ás 23.59 horas (hora peninsular española).

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no momento da presentación da solicitude:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir fóra de España.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

e.1. Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

e.2. Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

e.3. Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitectura, enxeñaría, licenciatura, arquitectura técnica, diplomatura, ou enxeñaría técnica ou outra declarada equivalente de forma expresa, que dea acceso a un máster universitario.

g) No caso das persoas nacidas fóra de Galicia, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda de documentación preceptiva.

2. Requisito que se deberá cumprir e acreditar con carácter previo á concesión da bolsa:

– Estar matriculado/a no curso 2024/25 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria e sinalados no anexo I desta resolución, dun mínimo de 60 créditos ECTS na modalidade presencial ou semipresencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos ECTS, a matrícula dos 30 créditos ECTS restantes, correspondentes ao curso 2025/26, realizarase e acreditarase no mes de setembro do ano 2025.

Para poderen acreditar o requisito sinalado no parágrafo anterior, as persoas solicitantes deben realizar con anterioridade o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres dos ofertados nesta convocatoria, nas universidades públicas galegas que prefiran, coa antelación necesaria para poderen presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.

Para os efectos de admisión nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade pública galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.

Esta admisión por parte das universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.

Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, que figura como anexo II desta resolución a título informativo,  accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou no enderezo web https://bolsasexcelencia.xunta.gal

Dada a súa condición de titulados/as universitarios/as e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países nos que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento, de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuran na aplicación informática cos datos de identidade da documentación española e incorporar os documentos requiridos no artigo 9 desta resolución. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude, que comportará a súa presentación e procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez confirmada a solicitude, non poderá ser modificado ningún dos datos cubertos no formulario. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. Dentro deste formulario, deberán cubrir :

a) A declaración do máster ou másteres e universidades correspondentes en que solicitou ou vai solicitar a súa admisión dos ofertados nesta convocatoria.

b) A memoria de motivación para realizar un máster en Galicia, importancia para á súa propia especialización académica e interese de desenvolver a súa carreira profesional nesta comunidade autónoma.

3. A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto na presente resolución e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para calquera información adicional, as persoas interesadas poderanse dirixir ao correo electrónico: beme.emigracion@xunta.gal

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar vía electrónica xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.

c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:

d.1. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

d.2. Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/s concello/s galego/s onde residiron.

d.3. Descendentes por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e) Para as persoas nacidas fóra de Galicia: certificado de inscrición no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou na súa falta, calquera outra documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego.

f) Título universitario/diploma que dea acceso ao máster ou documentación que acredite que o título/diploma está en trámite.

g) No caso de titulacións españolas: certificado do expediente académico da titulación universitaria realizada, no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.

h) No caso de titulacións obtidas no estranxeiro:

h.1: certificado do expediente académico, analítico ou histórico escolar, en que consten a totalidade das materias cursadas coas cualificacións obtidas, incluíndo, se for o caso, o número de créditos de cada materia, así como as materias cursadas no ciclo básico común.

h.2: escala de avaliación/cualificación e a nota mínima requirida para a aprobación dunha materia: histórico escolar, analítico, regulamento universitario ou outro documento acreditativo.

h.3: documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Universidades do Goberno de España.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. Así mesmo, para a tramitación e resolución deste procedemento, os documentos relacionados serán obxecto de consulta ás universidades públicas do Sistema universitario galego (SUG):

– Expediente académico coas cualificacións obtidas no máster universitario.

– Xustificante da matrícula no máster e aboamento dos prezos públicos.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar o documento.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación propia (https://bolsasexcelencia.xunta.gal) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Para a achega voluntaria de documentación poderase utilizar o modelo do anexo III.

Prazo de resolución:

Seis meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 22 de decembro de 2023 da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega (DOG nº 6 do 9 de xaneiro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 22 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega (DOG nº 6 do 9 de xaneiro de 2024).

    • Corrección de erros. Resolución do 22 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega (DOG nº 8 do 11 de xaneiro de 2024).

    • Resolución do 27 de agosto de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a convocatoria de bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME) co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega. (DOG nº 170 do 4 de setembro de 2024).

    • Resolución do 27 de setembro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a concesión de oito bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega, da lista de persoas suplentes (DOG nº 193 do 7 de outubro de 2024).

    • Corrección de erros. Resolución do 27 de setembro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a concesión de oito bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2024/25 nunha universidade galega, da lista de persoas suplentes (DOG nº 195 do 9 de outubro de 2024).

Outros procedementos relacionados

PR930B

Aventúrate con Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 05/04/2019 00:00 - 06/05/2019 23:59

PR930D

Conecta con Galicia no camiño.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 22/03/2025 00:00 - 21/04/2025 23:59