Guía de procedementos e servizos

PR911A

Bolsas de excelencia para a mocidade do exterior co fin de cursar estudos de máster que se inicien nunha universidade galega.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 04/02/2021 00:00 - 30/04/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas (200) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.

2. Os másteres universitarios ofertados para os cales se concederán as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.

3. Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial ou semipresencial.

No caso de que algún dos másteres ofertados sexa anulado pola universidade, quedaría excluído da oferta desta convocatoria de bolsas.

Período de desfrute.

As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para a realización da totalidade dos créditos de que conste o máster:

– Os másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será o curso académico 2021/22.

– Os másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, o curso académico 2022/23.

O desfrute da bolsa estará condicionado a que se imparta o título oficial de máster para o cal se realizou a matrícula.

1. Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

2. Quedan excluídas desta convocatoria, as persoas que xa fosen beneficiarias e desfrutasen desta bolsa en anteriores convocatorias, así como aquelas persoas beneficiaras que causasen baixa ou renunciasen a ela, sempre que o fixesen nun momento que imposibilitase cubrir a súa baixa cunha persoa da lista de suplentes.

Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das bolsas quedan obrigadas a:

a) Incorporarse ao máster na universidade correspondente e residir durante o curso académico completo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede, entendéndose por tal o pagamento do importe da matrícula, asistir ás actividades lectivas e non anular a matrícula.

c) Superar a totalidade dos créditos no curso ou cursos académicos para os que se concede a bolsa, excepto nos casos excepcionais en que á persoa beneficiaria se lle ampliase o período de desfrute segundo o previsto no artigo 19.3.

d) Informar sobre as súas actividades académicas achegando o expediente académico coas cualificacións obtidas ao rematar cada cuadrimestre, só no caso de que o/a bolseiro/a se opoña a esta consulta.

e) Achegar un informe do coordinador/a do máster sobre a súa evolución e rendemento ao rematar o primeiro cuadrimestre do curso.

f) Comunicar un enderezo e teléfono de contacto unha vez que residan en Galicia para os efectos de recibir notificacións, así como os cambios que se poidan producir no seu correo electrónico.

g) Comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración a renuncia á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

h) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

i) Responsabilizarse da busca de aloxamento en Galicia e da xestión da viaxe.

j) Aquelas persoas que non posúan algún tipo de cobertura sanitaria durante o tempo que dure a súa estancia en Galicia, deberán subscribir unha póliza de seguro de asistencia sanitaria privada.

k) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

l) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Secretaría Xeral da Emigración para o desenvolvemento do programa.

m) Participar nas actuacións de información e asesoramento levadas a cabo polas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno da Secretaría Xeral da Emigración.

n) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

o) Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

p) Subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral do Retorno

Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

Praza de Mazarelos, 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547271/ 981957162

Fax: 981547296

Email: retorno.emigracion@xunta.gal

http://www.emigracion.xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

04/02/2021 00:00 - 30/04/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2021, ás 23.59 horas (hora peninsular española).

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no momento da presentación da solicitude:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir fóra de España.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Estar vinculado a Galicia dalgún destes xeitos:

e.1. Ser emigrante nacido/a en Galicia.

e.2. Ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

e.3. Ser descendente por consanguinidade dun emigrante nacido/a en Galicia ou dun emigrante que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.

f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa, que dea acceso a un máster universitario.

g) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda de documentación preceptiva.

2. Requisito que se deberá cumprir e acreditar con carácter previo á concesión da bolsa:

– Estar matriculado/a no curso 2021/22 nun máster universitario dos ofertados nesta convocatoria e sinalados no anexo I desta resolución, dun mínimo de 60 créditos ECTS na modalidade presencial ou semipresencial. Para os másteres cunha duración total de 90 créditos ECTS, a matrícula dos 30 créditos ECTS restantes, correspondentes ao curso 2022/23, realizarase e acreditarase no mes de setembro do ano 2022.

Para poderen acreditar o requisito sinalado no parágrafo anterior, de estar matriculado/a no curso 2021/22 nun máster universitario, as persoas solicitantes deben realizar con anterioridade o proceso de solicitude de admisión nun ou en varios másteres dos ofertados nesta convocatoria, nas universidades galegas que prefiran, coa antelación necesaria para poderen presentar o xustificante de matrícula. Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e deben estar en contacto directo con elas para informarse dos programas de máster da súa área de interese, así como dos requisitos e da documentación que deben presentar.

Para estes efectos, para ser admitido/a nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberase tramitar a solicitude de equivalencia na universidade galega onde se pretenda cursar o máster. Non será necesario no caso de que o título estea xa homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro estado membro do EEES e que faculten para o acceso a estudos de máster.

Esta admisión por parte das universidades non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que non sexan os de cursar os estudos de máster.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo II desta resolución a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Dada a súa condición de titulados universitarios e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuren na aplicación informática cos datos de identidade da documentación española e incorporar os documentos requiridos no artigo 9 desta resolución. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude, que comportará a súa presentación e procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez confirmada a solicitude, non poderán ser modificados ningún dos datos cubertos no formulario. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. Dentro deste formulario, deberán cubrir:

a) A declaración do máster ou másteres e universidades correspondentes en que solicitou ou vai solicitar a súa admisión dos ofertados nesta convocatoria.

b) A memoria de motivación para realizar un máster en Galicia, importancia para á súa propia especialización académica e interese de desenvolver a súa carreira profesional nesta comunidade autónoma.

3. As persoas solicitantes residentes en Cuba e que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no formulario de solicitude (anexo II).

4. A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto na presente resolución e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Para calquera información adicional, os/as interesados/as poderanse dirixir ao correo electrónico: retorno.emigracion@xunta.gal

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán presentar vía electrónica xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.

c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:

d.1. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

d.2. Persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s e documentación que acredite a data da emigración.

d.3. Descendentes de persoas nacidas en Galicia: certificados de nacemento ou libro de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

d.4. Descendentes de persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s da persoa que emigrou e residiu en Galicia, documentación que acredite a data da emigración e certificados de nacemento ou libro de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa que emigrou e residiu en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e) Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro: certificado de inscrición no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) ou, na súa falta, calquera outra documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego.

f) Título universitario que dea acceso ao máster ou documentación que acredite que o título está en trámite.

g) Certificado do expediente académico de finalización de estudos universitarios ou histórico escolar:

g.1. No caso de titulacións españolas, deben presentar o certificado do expediente académico do título universitario realizado no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.

g.2. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deben presentar:

g.2.1. Certificado do expediente académico ou histórico escolar en que conste a nota mínima aprobatoria nesa titulación, o réxime ou escala de cualificacións, así como as materias cursadas na totalidade dos cursos coas cualificacións obtidas, especificando, se for o caso, o número de créditos de cada materia.

g.2.2. Documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. Así mesmo, para a tramitación e resolución deste procedemento, os documentos relacionados serán obxecto de consulta ás universidades do Sistema universitario galego (SUG):

– Expediente académico coas cualificacións obtidas no máster universitario.

– Xustificante da matrícula no máster e aboamento dos prezos públicos.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar o documento.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio realizarase de xeito electrónico a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Para a achega voluntaria de documentación poderase utilizar o modelo do anexo III.

Prazo de resolución:

Seis meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 13 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas (200) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 13 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas (200) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2021).

    • Resolución do 30 de agosto de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a convocatoria de bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega (DOG nº 173 do 8 de setembro de 2021).

    • Resolución do 14 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se resolve a concesión de oito bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega, a partir da lista de persoas suplentes (DOG nº 204 do 22 de outubro de 20219).

Outros procedementos relacionados

PR930B

Aventúrate con Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 05/04/2019 00:00 - 06/05/2019 23:59

PR930D

Conecta con Galicia no camiño.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 22/03/2025 00:00 - 21/04/2025 23:59