Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR804A
Axudas ás ONGD para execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
Gastos do proxecto.
1. Gastos subvencionables. Todos os gastos do proxecto deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie, e consideraranse subvencionables tanto os custos directos coma os indirectos, agás no suposto de que as entidades solicitantes posúan ánimo de lucro, caso en que se subvencionarán exclusivamente os custos directos.
a) Aqueles derivados da identificación da intervención, ata un máximo de 3.000 € por proxecto, sempre que se realicen 3 meses antes da data de presentación da solicitude a esta convocatoria e aqueles gastos derivados do establecemento de liñas de base ata un máximo de 4.000 €.
Para que poidan imputarse á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base do proxecto deberán contar coa participación de persoal externo ás organizacións beneficiarias, e non poderá ser de carácter interno exclusivamente; neste caso, deberán ser financiados coas achegas doutros financiadores.
b) Gastos de alugamento de locais para realizar as actividades incluídas dentro do proxecto (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización con cargo á subvención da Xunta de Galicia).
c) Axudas de custo, gastos de desprazamento e seguros de viaxe do profesorado, do persoal adscrito ao proxecto (remunerado e voluntario) e do colectivo destinatario ou participante do proxecto e, cando resulte imprescindible, as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do proxecto: profesorado, conferenciantes, monitores/as, investigadores/as...
O importe máximo imputable á subvención solicitada á Xunta de Galicia será de 0,19 € por km, de 35,00 € por axuda de custos completa por manutención e de 18,00 € para media axuda de custos. No caso de que a organización teña recoñecidos importes superiores, a diferenza deberá ser asumida pola propia organización.
d) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou obradoiros de formación técnica do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da entidade en Galicia, organizados por terceiros. Inclúense matrículas, gastos de viaxe e axudas de custo das persoas asistentes.
e) Gastos propios da actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, incluíndo a elaboración e o traslado de material vinculado á actividade, así como os gastos de publicidade, e de calquera outro servizo de diagnóstico, sistematización, edición de vídeos ou outros necesarios para a súa realización (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).
f) Gastos de persoal ao servizo do proxecto, debidamente motivados. Poderán incluír salarios, liquidacións proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. O persoal vinculado ao proxecto debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto. Ademais do anterior, consideraranse subvencionables aqueles gastos de seguros sociais de traballadores en expediente de regulación temporal de emprego derivados da pandemia da COVID-19, sempre que estes non estean cubertos por outros financiadores. Neste caso, a entidade beneficiaria da subvención deberá xustificar que estes traballadores están imputados ao proxecto subvencionado a través dun certificado asinado pola entidade beneficiaria.
A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e máis o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos.
g) Gastos vinculados ao deseño e elaboración por profesionais externos de plans vinculados coa educación para o desenvolvemento nas súas dimensións de sensibilización, formación, investigación para o desenvolvemento e mobilización social, como de plans de comunicación para o desenvolvemento, entre outros.
h) Comisións bancarias producidas na conta do proxecto, derivadas da realización de transferencias como pagamento dos gastos do proxecto.
i) Gastos derivados da avaliación externa da intervención, ata un máximo de 4.000 €. A avaliación externa será obrigatoria no caso dos proxectos que reciban unha subvención igual ou superior a 20.000 euros, e naqueles que se desenvolven por fases, a partir da súa segunda fase. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.
j) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante relacionados co proxecto e asociados á administración, xestión e/ou supervisión, que non poderán exceder o 10 % do orzamento total do proxecto. Non serán subvencionables no caso de que a entidade sexa unha empresa ou entidade con fin de lucro. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.
Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
Os gastos correspondentes a teléfono e internet consideraranse incluídos neste punto, así como de prevención de contaxios (COVID-19 e outros procesos contaxiosos) tales como máscaras, xeles hixiénicos, biombos ou similares separadores de espazos, tests de diagnóstico, entre outros.
k) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións...), nin gastos derivados de procedementos xudiciais, nin as indemnizacións por despedimento do persoal.
l) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
2. A entidade solicitante e outros financiadores (exceptuada a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) aceptarán achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:
a) Aqueles derivados da realización da identificación, liña de base do proxecto, sempre que se respecten os prazos e importes establecidos para a súa realización no artigo 8.1, alínea a), das presentes bases.
b) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do proxecto (poderanse incluír aqueles correspondentes á propia sede da organización, na proporción que razoablemente corresponda ao desenvolvemento da actividade).
c) Materiais funxibles: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados (material funxible que sexa destinado ao exercicio da actividade). Deberase presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. A valorización do material non poderá exceder o 2 % do orzamento do proxecto.
Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores a el. Nestes casos deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).
d) Poderá valorizarse tamén a elaboración de diagnósticos e sistematizacións. A valorización de traballos de diagnóstico e sistematización incorporaranse na partida de gastos propios da actividade, tendo en conta o custo do servizo total e non as horas de traballo do persoal voluntario encargado.
e) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan e o custo suposto, que non deberá exceder os 20 € por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, en que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato deben constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria. A valorización do traballo das persoas voluntarias da organización imputarase na partida de persoal.
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Rúa do Horreo, 61, 2º andar
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
21/05/2022 00:00 - 20/06/2022 23:59
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e os proxectos.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:
1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e/ou agrupadas:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración e as Universidades quedan exentas de cumprir este requisito.
b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia, para as anualidades de 2020 e anteriores, doutros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos dos proxectos:
a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2022, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2022. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.
b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios), sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.
c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.
d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado e ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.
e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico coma o económico) adaptados á presente convocatoria.
Solicitudes.
1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben individuais ben en agrupación con outras entidades.
Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento ou entidade dependente.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (de formulación técnica e do orzamento do proxecto) e que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá xuntar de cada unha das agrupadas.
a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.
b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.
c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos, en que se enmarca o proxecto presentado ou, de ser o caso, o Plan continuo de mellora da entidade.
d) No caso de agrupación de entidades, deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que exerzan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:
• Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.
• Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.
A/s entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberán xuntar unha declaración de que se atopa ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e non estar incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.
A agrupación non poderá disolverse, con respecto ás responsabilidades adquiridas da axuda concedida polo proxecto subvencionado por esta convocatoria, ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.
e) No caso de agrupación de entidades en que participen as universidades, estas incluirán unha certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, en que autorice a participación no proxecto e, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.
f) No caso de agrupación de entidades en que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro, achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación. Este documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
Carpeta 2. Información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.
A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:
– Formulario de presentación do proxecto no documento normalizado.
– Orzamento do proxecto no documento normalizado.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
2. A falta de documentación e/o información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirá a avaliación do proxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 desta orde. Quedarán excluídos de emenda os documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2 non incorporados coa solicitude inicial.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/s entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante e agrupada, de ser o caso.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.
– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Xustificación económica e de resultados (Anexo VII)
- Xustificación da 1ª anualidade (Anexo V)
- Solicitude de pagamento anticipo (Anexo IV)
- Xustificación técnica final (Anexo VI)
- Declaración artigo 10 Lei de Subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante - xustificación (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 4 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 97 do 20 de maio de 2022).
-
Extracto da Orde do 4 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 97 do 20 de maio de 2022).
-
Resolución do 10 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 4 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 234 do 12 de decembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia
Prazo aberto: 08/07/2025 00:00 - 29/07/2025 23:59