Guía de procedementos e servizos

PR804A

Axudas ás ONGD para execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 25/04/2018 00:00 - 24/05/2018 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (procedemento PR804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Subdirección Xeral de Cooperación Exterior

Rúa do Horreo, 61, 2º andar

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541015 / 881999028

Email: cooperacion.exterior@xunta.gal

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Prazo de presentación: PECHADO

25/04/2018 00:00 - 24/05/2018 23:59

As solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Non pasarán á fase de valoración as  solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos  seguintes:

1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2016 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2018; será necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2018. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberase executar antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberanse executar antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do Sur e/ou a participación en redes.

c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes da Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.

  • As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. Estas deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

    Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes, efectos considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

    Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A solicitude de subvención presentarase electronicamente segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e conforme o que establece o artigo anterior.

  • As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas.

  • A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá achegar de cada unha das agrupadas.

    • a) Declaración responsable da persoa que exerza a representación legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas e/ou concedidas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo II.

    • b) Memoria da organización en Galicia na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

    • c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) na cal se enmarca o proxecto presentado ou, de ser o caso, o plan continuo de mellora da entidade.

    • d) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.

    • e) No caso de agrupación de entidades, deberán xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que exerzan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas, designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e das achegas propias que deberá executar cada unha delas en cada anualidade. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

  • f) No caso de agrupación de entidades na cal participen as universidades, estas incluirán certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, en que se autorice a participación no proxecto e se autorice, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

  • g) No caso de agrupación de entidades na cal participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro, achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.

  • Carpeta 2. Información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:

  • a) Formulario de presentación do proxecto.

  • b) Orzamento do proxecto.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

  • A falta de documentación e/o información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirá a avaliación do proxecto se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. So quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas alíneas b), c) e d) da carpeta 1.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.

  • Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • NIF da entidade solicitante.

  • DNI ou NIE da persoa representante.

  • Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

  • Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

  • Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

  • Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de abril de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 79 do 24 de abril de 2018).

    • Extracto da Orde do 11 de abril de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 79 do 24 de abril de 2018).

    • Resolución do 4 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 11 de abril de 2018, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 204 do 25 de outubro de 2018).

Outros procedementos relacionados

PR803D

Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/05/2025 00:00 - 20/06/2025 23:59

PR804B

Axudas ás ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 09/06/2025 23:59

PR805A

Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano