Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MT100A
Axudas económicas destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (TECOR) de Galicia afectados polos incendios
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións que se leven a cabo para paliar os danos causados nos terreos cinexeticamente ordenados como consecuencia dos incendios que se produciron durante o mes de xullo do ano 2022 en Galicia (código de procedemento MT100A).
2. Serán subvencionables con cargo á presente convocatoria:
a) As actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperar os hábitats cinexéticos e protexer os solos nas zonas afectadas polos lumes.
b) A recuperación das infraestruturas e instalacións destruídas polos incendios (refuxios, fontes, comedeiros, bebedoiros, tobeiras, cercas, infraestruturas de aclimatación, elementos de sinalizacións etc.).
3. As actuacións referidas na letra a) consistirán na sementeira de cereais nos Tecor afectados pola vaga de lumes forestais referida. Para tal efecto, as actuacións de sementeira poderanse estender ata o 10 % da superficie queimada.
O custo subvencionable será dun máximo de 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros ata o esgotamento do crédito dispoñible.
Respecto ás actuacións referidas na letra b), os interesados deberán presentar unha memoria sobre os danos ocasionados nas infraestruturas ou instalacións afectadas polo lume, incluíndo unha relación valorada destes, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de uso dos ditos bens.
Subvencionarase o 100 % dos gastos acreditados en reparacións e/ou reposicións das infraestruturas e/ou instalacións ata un máximo de 12.000 euros por solicitante.
4. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.
Os titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Dirección Xeral de Patrimonio Natural
Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas
Servizo de Caza e Pesca Fluvial
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546084
Email: caza.pesca@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/07/2022 00:00 - 29/08/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas os titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de xullo de 2022.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
2. A solicitude de axuda segundo anexo I desta orde (código do procedemento MT100A) inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:
a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.
b) Declaración da superficie do Tecor afectada polos incendios.
c) Declaración de conta para a transferencia bancaria.
d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
e) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Declaración de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro, sen prexuízo do previsto no artigo 8 e no artigo 13 da presente orde.
g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Declaración en relación coa percepción de calquera cantidade procedente dun seguro.
Documentación complementaria.
1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo I desta orde, código de procedemento MT100A) presentarase a seguinte documentación:
a) Certificación emitida polo/a representante legal do Tecor solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:
O acordo do órgano do Tecor polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde.
No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberá consignar a denominación e o orzamento de cada unha, así como o orzamento total.
O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.
b) Memoria xustificativa da necesidade das actuacións de reparación dos danos nas infraestruturas e instalacións para as cales solicitan a subvención, asinada polo/a representante legal do Tecor.
c) Nas solicitudes para as actuacións subvencionadas deberá achegarse o proxecto ou anteproxecto desta/s co seguinte contido mínimo:
– Memoria explicativa.
– Orzamento detallado.
– Planos a escala suficiente.
d) Así mesmo, deberá presentarse unha declaración responsable emitida polo representante legal do Tecor, no modelo do anexo III, referida á plena dispoñibilidade da entidade solicitante sobre os terreos e/ou infraestruturas onde se pretende realizar as actuacións.
e) Cando se actúe en nome dunha persoa xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa.
No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:
– Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).
– Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no Rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Consulta das referencias Sixpac dos terreos afectados polos incendios.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).
f) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.
g) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3 Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Xustificación e solicitude de pagamento (Anexo V)
- Solicitude de anticipo (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022 (DOG nº 140 do 22 de xullo de 2022).
-
Orde do 28 de xullo de 2022 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia afectados polos incendios, no ámbito da competencia desta consellería (DOG nº 144 do 29 de xullo de 2022).
-
Extracto da Orde do 28 de xullo de 2022 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia afectados polos incendios, no ámbito da competencia desta consellería (DOG nº 144 do 29 de xullo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía
Aberto todo o ano
Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Informe previo á aprobación definitiva de instrumentos de planeamento urbanístico
Aberto todo o ano